culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Memoria’s works

Lugo máxico ou romano, poucas veces calquera de nós visita Lugo para profundar no contemporáneo. Agora invito a facelo. Estas palabras queren ser un antídoto de inercia atlántica para acostumar o mensaxeiro ó clima continental, interior, e invitalo a visitar a cidade da muralla capturando pílulas de actualidade creativa; neste caso baixo tres exposicións que tiveron lugar nestes días: Vicente Prego, Mónica Alonso e Maximino Reboredo.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Lugo é unha dese cidades que todos visitamos na excusión do instituto, rodeamos a súa muralla e paseamos polas rúas da zona vella; e, sen embargo, todos queremos voltar, pero non o facemos. O mesmo nos sucede, quizais máis acusado, no caso de Ourense. Unha realizade que se ve acentuado pola tendencia atlántica, potenciada por autoestradas que atan grandes cidades desde Ferrol ata Vigo, prolongándose ata Porto, e que axilizan os desprazamentos e fan esquecer a paisaxe interior. Autoestradas que son, tamén, culturais; cada un asistimos con asiduidade a mostras e inauguracións do MARCO en Vigo, do CGAC en Santiago ou da Barrié na Coruña, pero poucos nos achegamos, lamentablemente, ás mostras de Lugo, Ourense, e xa non falo de Monforte ou Lalín. Lugo ten un potencial de salas e proxectos que ben podería situarse nunha sorte de Nacional VI.



Bufandas para o camiño

A actividade cultural da cidade concéntrase na zona vella, ben abrigada pola elipse da muralla e lacerada por rúas peonís, prazas e igrexas entre as que se dispersan salas institucionais, museos e galerías. Sobresaen, pola súa historia, o Museo Provincial, na Praza da Soedade e a sala da Deputación; nun nivel máis social localizamos o Círculo de Belas Artes e espacios como a Porta Miñá ou Almirante. Destaca a sala alternativa Wotelo, a galería Clérigos, na rúa do mesmo nome nas proximidades da Praza Maior, onde se sitúa a Fundación Caixa Galicia.



As tres mostras que retiveron a este mensaxeiro aquela tarde foron cita obrigadas nese tránsito de primavera e verán, que localizamos en tres espacios significativos da cidade: Mónica Alonso no Museo Provincial, Vicente Prego na galería Clérigos e Maximino Reboredo en Caixa Galicia. A traxectoria de Mónica Alonso vimos descubríndoa desde hai cinco anos, experimentando ultimamente un acelerado “reprís” de mostras e presencias colectivas. Natural da Fonsagrada, instálase literalmente nunha ampla e difícil sala do Museo, onde a artista intervén nunha explosión de mensaxes e códigos directos ó espectador. Do mesmo xeito que fai en cada unha das súas mostras pasadas, Mónica —neste proxecto de nome Sema— constrúe unha telúrica de cromatismos dictadores que dominan chan, paredes e teitos, e que camufla baixo sentimentos terapéuticos, traspasando o meramente creativo e internándose nos terreos sociolóxicos e de pautas de comportamento. A doutora Alonso pinta todo o espacio con dúas cores, verde e azul, indavindo todas as dimensións e actuando de emblemas de estados anímicos. Un mundo inquietante, de obras mentais e moi vivenciais, teatrais e arquitectónicas. A súa é unha resposta ó banal e decorativo, unha acción directa contra os estados que bloquean o espírito humano. As cápsulas de Sema, son terapias de choque para chegar a un escenario de confort e benestar.



Fronte á instalación e pintura expandida de Mónica Alonso, Vicente Prego, na galería Clérigos, ofrece unha mirada concentrada na pintura, no feito creativo de pequenos flashes románticos. A súa obra, que nesta mostra se concentra nos últimos dous anos, acomodouse nun valor do íntimo, da obra de pigmentos, que fluctúa entre o conceptualismo dos primeiros anos e o informalismo abstracto, que rapidamente se significou nun tipo de traballos de referencias xestuais onde o compoñente narrativo nunca remataba de desaparecer; é nese diálogo onde as pinturas de Prego se definen e acertan. Son obras en moitas ocasións negras, con terras e sienas, neste caso son paisaxes definidas polas gamas ocres, desérticas, como expulsadas ou referidas por un Fortuny de paseos norteafricanos. Unha pintura de forte tendencia romántica, diluída polo impresionismo caloroso que se detén nos brillos de amarelos, vernices e nos efectos disolventes do grattage.



Desde ollos de terra

A Fundación Caixa Galicia de Lugo acolle unha exposición con fotografías de Maximino Reboredo, entre os anos 1892 e 1899. As obras deste recolector de estampas cotiás, na mesma vertente trazada por Virxilio Vieitez ou Ramón Caamaño, ensina todo unha precipitación de memorias nos ollos. As súas fotografías, quizais pola distancia temporal, quizais pola pobreza, quizais pola fame, son escuros retratos do noso pasado. Fotografías que descobren chispas de luz, de vida. En cada unha das súas escenas de tremoia teatral, en provisionais habitacións de panos de columnas dóricas, o logro reside nun espectacular modo de plasmación íntima, repousada, como poñéndolle freo á dor da pobreza. Tamén, nunha sorte de vánitas, ponlle pinzas morais nos ombreiros de tódalas clases sociais, párrocos, militares, monxas, burgueses e familias de romaría. Os retratados evitan mirar a cámara e buscan espacios tanxenciais, como atrapando a súa propia memoria, e dispóñense seguindo os canons compositivos de moda, ó estilo modernista cunha cadeira na galería como un Ramón Casas, o expresionismo ácido dun Daumier, o impresionismo do ocio da feira e o rexionalismo dun Soutomaior conxelado en grandes saias e panos de cabeza. O seu mundo, aquel que atopaba en cada aldea onde pousaba o trípode das fantasías, recollíase nas escaleiras da vivenda, nos ollos dun labrego de pel seca, na cabaliño de madeira, nos veos da primeira comuñón e no plein-air debaixo dunha parra. Pero, atento á vida, atrapando o seu alento, como un excelente Paul Strand, segue os nosos pasos ata a morte, nos seus máis máxicos retratos de defuntos, onde deposita os mellores dos seus mantos líricos.



Antes de marchar da aldea un neno dille: ¿Onde vas? Marcho, volvo agora, cando teñas fillos.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org