Fondo de armario
Nestas datas de tránsito entre primaveras lectivas e períodos estivais, cando xa ata os anxos marchan de vacacións, quedamos os mensaxeiros agardando as lagarteiras. Tempo de lecer, tempo para mostras de carácter transitorio, fugaces pero atraíntes. Galerías de arte que ensinan obras dos seus fondos, os seus artistas, baixo nomes populares. Tempo de voces light.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
No mundo das exposicións o sentimento muda cando chega a calor; pasa nas mellores familias. Xullo ensina o nariz pola esquina e prodúcese un impactante fenómeno de exteriorización, que depende de xeito claro dun aspecto meramente económico. Cando os diñeiros se visten cunhas bermudas de flores, as portas das institucións mercantís da arte pechan por vacacións. E, de xeito, recíproco prodúcese un fenómeno de agrandamento doutras institucións, mediante a instalación de grandes acontecementos expositivos, nun proceso similar ós certames de festivais de arte, feiras ou bienais, como as presentes Bienais de Venecia e Valencia.
En familia
As máis coñecidas entidades públicas e privadas ensinan, nestes dous meses, mostras emblemáticas; se parasemos en cada unha delas teriamos que encargar unha enciclopedia. Repartidas por todas as cidades galegas, debemos anotar varias mostras: “65 (obras) para 65 (anos)” no Museo de Pontevedra, a “Bienal de Arte” en Caixa Nova, os “Pensionados da Deputación” no Pazo da Cultura, Cristina García Rodero e Arne Jacobsen no Museo de Belas Artes da Coruña, Modest Cuixart no MACUF, Ansel Adams na Fundación Barrié, Manolo Moldes e David Claerbout no CGAC, “A palabra e a súa sombra. José Ángel Valente” no Colexio Fonseca e Igrexa da Universidade de Santiago, “Indisciplinados” e “Agrupémonos todos” no MARCO e “A Mares” no Museo do Mar. Que non sexa por oferta cultural.
Mentres estas grandes empresas sinalan luces de festas, o territorio mercantil da arte, aquel formado principalmente polas galerías, recolle os telderetes no mes de agosto, deixando para o presente mes de xullo unha paisaxe de colectivas e apostas moi persoais. Si, estamos a falar de moitas das mostras que nestes días transitorios se comezan a inaugurar baixo nomes certamente equitativos, de doada clasificación conxunta: colectiva de verán, avance de tempada, etc. Por moitas diferencias de programas expositivos, tendencias expositivas ou mesmo métodos de expansión que existan entre cada unha das galerías, cada un volve ó mesmo rego ó final da primavera, como os emigrantes. Pero convén seguir ollando. Nos últimos anos comezou a aparecer o determinado rol do galerista preto das funcións do comisario, uns profesionais que confeccionan a súa propia mostra colectiva, apostando por un determinado número de artistas baixo un criterio impecable, de maior ou menor interese, pero representativo e imaxe icona dunha programación, xa que no maior número dos casos a mostra intégrase con artistas da propia galería. O resultado será unha selección da colección da galería, cun título e cunhas notas de seguimento do visitante despistado; por outro lado, o mesmo que fan os grandes centros, como o CGAC na serie de proxectos expositivos de revisión da súa colección: “Pegadas de luz” ou “Xogos de escala”. Chamáselle botar man dunha linguaxe familiar.
Porque, como ben pode ensinar calquera revista de moda, o máis importante dunha colección é ter un bo fondo de armario. Diso estamos a falar, de apostar polo coñecido en épocas de cambio, de pouca seguridade comercial ou política, de botar man da mirada cotiá. As máis coñecidas das nosas galerías, as mesmas que ó longo deste anos visitamos en individuais fascinantes, son agora espacios de artificios:Trinta ofrécenos un achegamento temático baixo o título “Dos obxectos II”, sen saír de Santiago SCQ expande a liña da galería amosando oito artistas que, co nome “Están 8”, ofrecen unha ollada ó mundo das flores desde a linguaxe de Patiño, Lamazares ou Goyanes; Clérigos e Marisa Marimón seleccionan entre os seus fondos obras representivas, Chroma pinta con cadros de abstracción e Adhoc reúne nove autores novos, entre eles artistas da propia galería como Patricia Iglesias ou Suso Fandiño, xunto a outros pouco coñecidos como Lino Lago, Nano4814 ou Azuzena Vieites. Quizais onde mellor resulten estas apostas sexa nunha mirada ás novas xeracións, ofrecendo un escenario de publicitación de novos artistas, moitos deles da facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Ás veces na sinxeleza está o logro, sen pretensións queremos fascinar. Moitas destas mostras son exemplos de traxectorias profesionais arriscadas, e en cada unha das paredes queda un pouco da calidade, soños e dispersións do galerista. Nós, mentres, seguimos agardando as lagarteiras, como di a nosa amiga Rosa, deitámonos cos cestos cheos de obras para ver pasar o verán, camiño de Venecia.