O nó e a estrada
Tatiana Medal e Almudena Fernández son dúas das artistas novas máis interesantes do noso panorama creativo; emparentadas en numerosas colectivas, agora son testemuña dun emparellamento fortuíto na galería Marisa Marimón de Ourense, e, sen embargo, os seus traballos establecen diálogos moi coherentes.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
No barullo de nomes de artistas novos, dos cales cada ano asistimos á presentación en sociedade mediante os cada vez menos vivos certames de arte novo, poucos van quedando nas redes, poucos quedan sendo coñecidos. E na maioría das veces non se tratan de artistas mellores ou peores, nin de que a obra seleccionada ou, digamos, máis coñecida, sexa a mellor, senón que é a que mellor soubo facerse ver. É un tema de relacións, de gustos meramente persoais, galerísticos ou institucionais. Cando percorremos colectivas destes artistas noveis buscamos a súa destreza, o seu rigor como autor pioneiro capaz de ensinarse mellor, de brillar máis có veciño, trátase de atopar cál é o que fixo o nó máis grande e duradeiro na corda da creatividade; por outro lado, ficción dunha realidade. Aí retemos a mirada e activamos un mecanismo de historiador, imos construíndo estradas e nós, facendo o máximo número de nós posible. Así fixo Miguel Fernández-Cid cando en 1993 na colectiva “30 anos no 2000” reuniu un grupo de artistas novos, entre eles unhas novísimas Tatiana Medal e Almudena Fernández, das cales, xunto con outros da mesma xeración saída da Facultade de Belas Artes, vimos acelerar os seus traballos nestes dez anos. Esta mostra destas dúas pintoras quere activar a actualidade creativa dos seus traballos, pero tamén podería servir de interruptor de memoria xeracional.
Mentres a década dos 90 ía prendendo pouco a pouco, a pintura colocábase de súpeto no máis alto das reflexións dos novos artistas galegos; nomes como Berta Cáccamo ou Antonio Murado acomodáronse ó lado das novas promocións da facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde comezaron a sobresaír moitos artistas como Álvaro Negro, Manuel Vázquez ou Silvia Argüello. A pintura preséntase como un terreo diluído, fragmentado, distribuído como pousos de moitas disciplinas, contaminada polas teorías da arquitectura, do deseño e das novas tecnoloxías; Almudena Fernández bebe da literatura, pero a súa non é unha obra figurativa, tampouco abstracta senón, como veremos, só narrativa; Tatiana Medal recolle a tradición da trama arquitectónica en obras que se dilúen en liñas, tensións e campos expandidos.
A pintura tecida
As obras de Tatiana e Almudena reforzan o papel da pintura na actualidade; as súas son pinturas que ensinan a construír, a narrar, a mostrar as pautas mesmo para pintar. Nun repaso fugaz polas obras anteriores de Almudena, como prólogo e pretexto do actual, a súa era unha producción onde abundaban as referencias literarias, unha verdadeira colonización de letras, frases, narracións prosaicas, moitas veces inspirada no libro "Alicia no país das marabillas", de onde extraía oracións que invadían a superficie da tea, delimitándoa como tramas que atan e conforman unha parcela. O resultado eran pinturas cheas de cor, preñadas de texturas cromáticas, esencialmente barrocas, acumulativas, de moitas capas superpostas.
Valores inherentes ó formato bidimensional serven de ingredientes opostos nas súas obras. En Almudena o pictórico perde forza a favor do lineal, mesmo do compoñente plástico; en Tatiana esta dirección colleu un camiño á inversa, nunha acumulación de peles e pretextos tridimensionais. Nesa vontade de atrapar o lenzo vemos como as obras das dúas seguen insistindo na cuestión da trama pictórica, na estructura de estadas: Almudena coas letras, como motivos constructivos, agora transformadas en cordas ou sogas que continúan a delimitar o espacio do cadro, atando nós, entrelazando filamentos convertidos en redes de pescadores ou de xerseis de punto; Tatiana converte o lenzo nun espacio de fugacidades, que conducen a un baleiro e lugares que queren non existir, que non posúen referencias concretas, como si o facían as súas obras anteriores.
Pinturas que prenden na mirada pola limpeza, a pulcritude de acabados, afianzadas pola estructura arquitectónica, conseguindo relanzar a obra de dúas das pintoras máis interesantes da actualidade galega. Almudena e Tatiana fan unha catarse na súa traxectoria, unha limpeza, sorprendendo nesta mostra, onde pequenos elos e estradas defenden a pintura en tempos de crise, lonxe do decorativo, preto do útil, do necesario.