culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

O nacemento dunha paisaxe

A obra de Ansel Adams ensina a verdade, a verdade prendida na paisaxe. A súa foi unha aposta pola obxectividade, pola fotografía pura da natureza no interior dos Estados Unidos. A Fundación Barrié segue mantendo o seu compromiso coa realidade contemporánea, agora de sinatura histórica, para celebrar e descubrir a obra dun dos mestres da fotografía do século pasado.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Pensemos nun mundo marabilloso, sen éxodos nin pretensións imperialistas, pensemos nun mundo onte todo quede detrás do medo, detrás da inxustiza, detrás do descontrol. Diante atopamos o silencio, a tranquilidade, a perfección; diante aparecen as paisaxes de Ansel Adams. Na súa obra todo queda arquivado nun equilibrio clasicista, nunha posición de perennidade, daquilo que existe e perpetúa o seu latexo de existencia. A súa foi unha aposta firme pola fotografía nun momento histórico, primeira metade do século XX dos Estados Unidos, e nun momento estilístico de recoñecemento artístico desta disciplina. Consciente da súa función, acolleu fortemente o rol de elo dunha xeración de artistas que defenderon a fotografía pura, moderna, xunto a nomes interxeracionais como Stieglitz, Strand, Weston ou Modoti, entre outros.



Despois de John Ford

A relación de Adams coa natureza flúe dun xeito cotián, como o nacemento dunha fonte ou a construcción dunha gamela para pasa-lo río; xorde nun contacto familiar. Será nesta relación e diálogo onde reside o seu traballo, nun comezo de valoración do xénero paisaxístico como temática independente, nunha interesante análise da paisaxe norteamericana, catalogando cada retrinco de saberes florais, terreais. Adams adquiriu, como nunha catarse, a mesma forza da natureza, a magnitude dos enormes campos de John Ford e os murmurios da auga dun canón, calmo, a espuma dun remanso ou a volta dun meandro. Sorprende, aí reside o seu interese, o cambio de ritmos, a mirada universal, transcendente, ecoloxista, porque a paisaxe posuía significación, alma, valores morais, propios de ilustrar e representar unha idea de nación.



Pensamos nun Monet americano, ou mellor nun Friedrich ou Claudio de Lorena, nun Turner emocionado, e Adams recollendo os pétalos da paisaxe na pintura, licuado na fotografía modernista de Stieglitz e concluíndo empapado na tendencia europea da Nova Obxectividade. Valores obxectuais, nas liñas puras dun académico co buril, de verdades conxeladas en texturas —a pedra, raíces como veas, a pel da rosa, o manto da auga, a carne da madeira— pero sempre como proxeccións físicas doutros valores espirituais, interiores. A defensa da terra, da natureza, que naceu neses mesmos anos, recolleu unha militancia política, de comportamento, nunha ollada ecoloxista, de protección do medio natural. Por iso, en varias ocasións mantivo xuntanzas con varios presidentes do seu país para defender os espacios naturais e protección dos parques nacionais (por exemplo, Yosemite), os mesmos que, desde moi novo, vían ó propio fotógrafo gardando en bolsiñas todo o heroísmo da natureza.



A paisaxe de Adams transmite coherencia, unha impecable e asombrosa sinxeleza compositiva, mínima nos detalles, máxima das emocións. Porque o autor acende o interruptor da abstracción, do sublime. Volver á súa obra supón recoñecer a destreza dun académico comprometido, a fotografía de valores, nun fortalecemento dos piares que sustentan unha nación e, aínda máis, neste momento político de nova expansión política exterior e colonización imperialista.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org