culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

Para comezar, un bico

Qué mellor maneira de comezar unha serie de artigos ca cun bico nos beizos. Resulta que é moi probable que o faga xirando a miña cabeza cara á dereita, inducindo un xiro similar na persoa que teño en fronte. Así o facemos un 65 % dos adultos, contra un 35 % que tende a xirar a testa para o lado esquerdo; esta é a conclusión dun breve traballo publicado o pasado mes de febreiro na revista “Nature” por un científico alemán.

11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
No seu estudio, observou o comportamento de parellas bicándose en lugares públicos (aeroportos, estacións de tren, praias e parques) dos EEUU, Alemaña e Turquía; unha boa maneira de matar o tempo a prol da ciencia.

O interesante desta cálida e húmida investigación é que revela a existencia dunha asimetría nos adultos que xa está presente nas últimas semanas da xestación e primeiros meses despois do nacemento: a maioría dos bebés tenden a xirar a cabeza cara á dereita, e só unha terceira parte prefire mirar para o outro lado. Esta especie de manía infantil desaparece rapidamente na infancia pero, segundo suxire este estudio, segue con nós e pode reaparecer cada vez que a paixón se apodera do noso subconsciente.

Isto dos bebés non é novo. Xa se demostrou hai anos que a asimetría do xiro da cabeza nos fetos, probablemente relacionada coa maduración e desenvolvemento do sistema nervioso, tamén indica, na maioría dos casos, a man que se usará con preferencia na etapa adulta. A hipótese preferida actualmente polos científicos é que estas e outras asimetrías (utilización dos pés, movementos dos ollos, etc.) teñen un compoñente xenético importante, é dicir, que existe unha certa predeterminación gravada na pedra das nosas entrañas. No caso das mans, a tendencia a usar o membro dereito predomina en todas as culturas e ten alomenos uns 5000 anos de antigüidade. Neste caso a relación entre adultos destros e zurdos é de 8 a 1, moito máis extrema ca cos bicos.


En realidade, somos dous

Se lle botamos unha ollada á organización da nosa cortiza cerebral comprenderemos de onde vén tanta irregularidade, xa que a maioría de nós posúe dous cerebros distintos. Si, temos dous cerebros ou hemisferios cerebrais, dereito e esquerdo, cunha interesante lateralización ou división de funcións: o cerebro esquerdo asóciase co pensamento lóxico e analítico, coa toma de decisións firmes ignorando posibles discrepancias, cunha percepción do mundo ben definida que outorga seguridade nun mesmo. Pola súa banda, o cerebro dereito asóciase cun comportamento máis intuitivo, emocional e creativo. Ademais, outra cousa tremendamente rechamante é que a parte dereita do corpo está controlada polo cerebro esquerdo, e viceversa. Este dominio non é só físico (para mover a man dereita utilizo o hemisferio esquerdo) senón tamén psíquico (por exemplo, á hora de facernos un retrato informal, familiar, emotivo, preferimos amosar o noso lado esquerdo, mentres que se o retrato é cunha pose seria é máis probable que amosemos o lado dereito).


¿Como conviven os dous cerebros?

¿Temos un lado dominante sobre o outro? Cada hemisferio posúe propiedades mentais con certa autonomía, de maneira que tenden a xerar perspectivas diferentes do mundo que nos rodea. Aínda non se sabe cómo, pero a partir desta dualidade emerxe unha única consciencia. Está claro que en condicións normais ambos os cerebros, aínda que distintos, compleméntanse perfectamente. Tradicionalmente proponse que un dos hemisferios é dominante sobre o outro, o cal podería explicar a tendencia a usar unha determinada man, ou a bicar xirando a cabeza cara a un determinado lado.

Pero o reputado científico australiano Jack Pettigrew acaba de propoñer unha modificación desta teoría: segundo as súas investigacións, o lado dominante está cambiando continuamente, cun ritmo máis ou menos fixo dependendo da tarefa mental que se está a realizar (algúns ciclos duran só varios segundos, mentres que noutros existe un cambio cada 2 horas aproximadamente). Isto quere dicir que os dous hemisferios se están pasando a pelota continuamente, seguindo un ritmo determinado. Pois ben, o interesante é que algunhas enfermidades tan comúns como a depresión, ou outras como o desorde bipolar (enfermidade maníaco-depresiva), pódense explicar simplemente por cambios neste ritmo. ¿Que é o que falla nestes casos? Segundo o Dr. Pettigrew, o que ocorre é unha retardación dos ciclos, o cal pode dar lugar a que o cerebro quede “atascado” nun dos lados durante máis tempo do normal.


Depresivo: hemisferio dereito. Maníaco: hemisferio esquerdo

Cando o cerebro queda “enganchado” nun dos lados o que pasa é que predominan as funcións desa parte. Segundo isto, un estado depresivo deberíase a un “estancamento” no lado dereito, xeralmente máis emotivo e creativo: a actividade deste hemisferio cerebral favorece un estado de ánimo dominado pola dificultade para tomar decisións e por unha percepción do mundo dende unha postura máis cauta. Pola outra banda, se o “estancamento” se produce no lado esquerdo, entraríase nunha fase maníaca: seguridade nun mesmo, planificación e toma de decisións ignorando posibles discrepancias, etc. De feito, a porcentaxe de maníaco-depresivos na poboación xeral é do 2 %, pero aumenta a un 10-20 % en usuarios intensivos do lado dereito como “artistas e poetas”. O mundo da arte está poboado de ilustres maníaco-depresivos, como o compositor Robert Schumann, con creacións musicais que cambian de volume, ciclicamente, segundo fose o seu estado de ánimo ao compoñelas.

Pero, ¿por qué esta complicación de ter dous cerebros en vez dun? A explicación pode estar na presión xerada por varios millóns de anos de evolución: a medida que o cerebro se foi desenvolvendo, atopouse co dilema de adquirir novas facultades sen perder as xa existentes. Se o espacio dispoñible na cortiza non aumenta ao mesmo ritmo, a mellor solución pode ser a división de funcións entre ambos os hemisferios.

Parece ser que o saber si que ocupa lugar.

Merece a pena votarlle unha ollada á interesante páxina web de Jack Pettigrew (que, por certo, sofre de desorde bipolar). http://www.uq.edu.au/nuq/jack/jack.html

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org