Sempre Sargadelos
Sargadelos confírelle á historia de Galicia unha sensata presencia, un inesgotable zume de experimentación e investigación entre arte e a artesanía. Desde o pasado 9 de maio a galería da entidade en Santiago presenta unha nova sede rehabilitada na mesma Rúa Nova, con dúas mostras inaugurais: Ánxel Casal e “De novo”.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Tocaba seguir falando de espacios, por aquilo de seguir prendendo pinzas neste tendal de paisaxes ou porque este que escribe ten unha época arquitectónica ou urbanística, non digo dispersa. Sargadelos foi unha desas estacións de parada o pasado 9 de maio, o día da reinauguración da súa sede compostelá. Lembremos que a entidade Sargadelos, sexa baixo control directo ou franquía, posúe dispersas polo territorio galego e peninsular numerosas galerías. Baixo ese termo aloxábase un enderezo comercial e, de xeito paralelo, unha actividade de promoción cultural, mediante a celebración de conferencias, presentacións de libros ou, o que máis nos interesa, exposicións. Son espacios dinámicos, cunha axenda de tarefas constante que pretenden prolongar a filosofía de experimentación de Sargadelos.
Nos espellos do tempo
Sargadelos Santiago repousa nun fascinante e discreto pazo urbano do casco vello compostelán, cunha tipoloxía arquitectónica de inmoble entre medianeiras cun pórtico que invade a rúa, orixinando soportais e crecendo en tres niveis. O visitante segue a manter, así mesmo, un valor de confianza e seguridade, xa que a entidade se situaba antes da remodelación en parte dos seus baixos comerciais. A expansión, vertical e horizontal, posibilitou unha maior área de comercio e atención ó público, e tamén unha excepcional distribución para salas de exposicións, biblioteca e salas de xuntas nos andares superiores. Para o día da inauguración preparáronse dúas mostras de lecturas diferenciadas: “Ánxel Casal” e “De novo”.
Cada unha das estancias son receptores do exterior, canles de comunicación e distribución nunha sensibilidade sargadeliana. Se as fiestras da fachada anterior dialogan cunha rúa estreita, de soportais, teatros e restaurantes, as fiestras da parte posterior conseguen sobrevoar os tellados e dispoñer a mirada nas torres da catedral; convén resaltar a atracción que, como teatros con escena e tremoia, teñen estes espacios localizados en zonas históricas que non permiten descubrir patios traseiros, moitos deles esquecidos, como sucede coa Fundación Torrente Ballester ou Caixa Galicia. Será, como indico, nesa mirada posterior onde Sargadelos se ispe de cheo, nun despregamento de habitacións e galerías onde a luz invade sen descoidos. As dúas escaleiras de acceso dispóñense seguindo trazas de memoria e actualidade, do Barroco e do traballo de autor (imaxe corporativa), porque o novo inquilino vai deixando etiquetas polo noso percorrido. Unha delas é a escaleira secundaria, construída en ferro, pintada de vermello e deseñada seguindo os modelos das obras de Sargadelos que podemos ver en Sada, cunha aparencia provisional e cun forte sentido do producto deseñado.
Desde o presente
Despois de localizar no seu tempo a figura de Ánxel Casal, o segundo andar recolle unha mostra colectiva que sobresae non só pola presencia de nomes de artistas coñecidos senón porque ofrece unha sorte de volta ou retorno histórico. Esta mostra, que se refuxia baixo un “De novo”, recolle a obra de seis artistas que comezaron a traballar -coa súa primeira exposición individual- nesta mesma Sargadelos Santiago; o seu primeiro paso público e salto á realidade. Anos despois, móstranse as súas obras últimas, cunha pretensión de ofrecer unha pauta, un modelo, de presencia e participación no contemporáneo, na arte galega actual. O seu papel de plataforma e promoción vese perfectamente exemplarizado nesta exposición, xa que cada un dos artistas presentados son considerados como uns dos máis representativos da actualidade. Os seis invitados dispóñense polas salas, abertas, ó redor un pequeno patio de luces: Manuel Vázquez, coas súas instantáneas de espellismos (espellos circulares onde se reflicte a realidade televisiva) comparte galería con Carlos Rial, coa impresionante peza dun pombal realizado en zinc, no medo do cárcere e no soño da liberdade. Logo, Álvaro Negro reflexiona sobre a composición nos seus lenzos de vibracións cromáticas, en fronte Vicente Blanco presenta catro debuxos e un vídeo da súa xa clásica “El joven y radiante piloto” e Alberto Barreiro unha exquisita selección dos seus últimos traballos fotográficos de referencias cinematográficas; finalmente Salvador Cidrás segue ofrecendo as súas olladas de artificios e contaminacións plástico-arquitectónicas.
Ó longo dos anos cada fillo recolle madurez nos seus petos. Os pais recollen as olladas desde o lonxe, por iso é nese contacto, de fin de semana, onde o diálogo xorde fluído, xeracional. Cada un dos artistas seleccionados representa xeitos e procesos de visibilidade diverxentes, por intres paralelos, e por intres entrelazados. O exemplo de futuro está en cada unha das súas obras, cos seus logros e intentos como estará no horizonte cultural deste nova Sargadelos que, remodelada, colle folgos para seguir adiante. O que diciamos ó principio, unha sorte de retorno ou, como dicía o amigo Ribao, recuar para continuar máis forte.