A alma da historia galega
Galicia desde os ollos de Madrid. Así podería titularse este percorrido que Neves Seara, hábil caza-bolboretas de mensaxes do contemporáneo, invita a facer pola obra de tres artista galegos que recollen as súas últimas obras en tres importantes galerías madrileñas. Cada un emprega a súa linguaxe, ensina unha doutrina sempre impecable: signos persoais dominando a superficie de pegadas en Antón Patiño, tomándolle o pulso recio e impulsivo en Francisco Leiro ou anoando as voces pechadas da pedra en Manolo Paz.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Por Neves Seara
Tres artistas galegos están presentes nestes días en tres galerías madrileñas. Exemplos da mellor arte galega actual, cada un desde unha linguaxe e disciplina diferenciada pero amosando unha vontade de afianzar a arte galega, aínda que os tres xa teñen moito camiñado, presentan xeitos de actuación diferentes, nunha pretensión de fuxir dos tópicos, apostando pola arte, sen etiquetas.
Antón Patiño. As pegadas da memoria
Este pintor galego expón na galería Antonio Machón unha serie de obras que abarcan a súa última traxectoria de pinturas de gran formato, semellantes ás parcelas dun todo, dun micromundo interior aumentado pola súa visión mil veces. Son obras onde o cadro exerce de soporte para a mirada a unha realidade interior. Xestos arrebatados, cores vivas, manchas de sensacións, texturas tanto ópticas coma físicas, nun aparente caos, componse realmente nun equilibrio de símbolos que falan, ante todo, da vida, que, como a enerxía, non se crea nin se destrúe, só se transforma. O mar, os labirintos, as pegadas, o itinerario e as ánforas son eses símbolos cos que Antón representa a súa realidade, unha realidade na que o símbolo do infinito é a esencia da vida, que consiste nun itinerario perdido por labirintos e mares do pasado, representados en historia de historias, arrebato de arrebatos e paixón de paixóns. A historia do mundo na historia de cada un, a alma dunha cadeira.
Francisco Leiro. Alma da madeira
Esta exposición na galería Malborough titulada “Dolor de ropa” amosa obras moi significativas deste artista compañeiro de creacións tamén galegas. As súas esculturas, todas realizadas en madeira, representan figuras humanas en actitudes e xestos que expresan os intres da vida. A maioría, de tamaño medio, están realizadas con bloques únicos de madeira, pero as máis grandes vese obrigado a realizalas con engadidos e unións de varios troncos polo complicado do material. Pero en todas narra historias persoais co corpo como protagonista, mostrándoo como obxecto tanto de desexo como de devoción. Leiro ensina unha actitude lenta nos xestos, pesada, partindo de volumes grandes de madeira. Cóntanos historias do home, que falan sobre as súas paixóns, desexos, soños... En xeral trátase dun traballo basto, expresivo e arrebatado, aínda que nalgunhas obras traballa enormemente o pulimento de volumes que crea con eses movementos apaixonados, aínda que nunca asfixiando a madeira, tan importante para el. Os rostros que crea son suaves pero moi expresivos. Hai tamén unha obra de enormes dimensións, realizada a partir dun só tronco de madeira no que se representa a un ser humano a grandes trazos, xa que a madeira ten total protagonismo nesta obra, en que os accidentes, nós e gretas deste material son totalmente aproveitados como mostra dun ser irregular e, polo tanto, vivo. Vai acompañada dun enorme taboleiro onde están aliñados esbozos do artista en papeis tamaño Din-A3 que representan cada un unha serie de debuxos figurativos narrando historias de esquerda a dereita, lembrando xeroglíficos exipcios.
Nos seus traballos representa o ser humano cunha materia que viviu, unha enerxía que se transforma noutra, unha historia que expresa outra, unha memoria que crea outra nova, historia de historias, expresión de expresións, a historia do mundo na historia de cada un, a alma da madeira.
Manolo Paz. A historia da pedra
Atopámonos finalmente ante outro artista galego, que presenta as súas últimas obras na galería Trama. Manolo Paz crea construccións de aspecto primitivo, con pedras sen desbastar, tal e como proveñen da canteira. Superpón láminas de cuarcita, granito e lousa creando unha serie de pirámides que evocan un pasado celta. Elabora tamén redes con estas láminas coas que fala posiblemente da conexión que ten cada cousa con outra no universo, cada historia con outra, cada lembranza co outro. Ten obras esféricas ou ovoides realizadas nun proceso de ir superpoñendo láminas que lembran a orixe da vida, o ovo. Así mesmo, realiza cortes limpos en rochas sen desbastar, descubrindo o interior da rocha cun aspecto diferente provocado por diferentes pulidos e manipulacións, creando unha historia dentro doutra, sacando a esencia do interior. Outras perforacións na pedra irregular crean unha orden dentro dun todo caótico. Falan da súa terra nunha obra titulada “Campos de arroz” na que fai unha serie de marcas que rodean a pedra creando un grupo de chanzos que se suceden, lembrando no só os campos de arroz senón tamén os campos de viñas da zona da Ribeira Sacra.
A exposición estaba enfocada ás súas obras tituladas “Catedrales”, que, en palabras da galerista, son obras moi “celtas”. Son esculturas en que as superposicións de láminas falan dunha historia cíclica, en cadea, na que a última lámina fala da primeira. Historia de historias, presente do pasado, a historia do mundo na historia de cada un, a alma da pedra.
Almas e recordos de tres artistas galegos
Con todo isto chégase a unha conclusión, a súa historia é a súa terra, os seus soños, os seus anhelos, as súas lembranzas e os seus antepasados. As súa historia é a historia do seu pobo, e cada un represéntao ó seu xeito, unidos por unha espiral que se vai sucedendo unha vez tras outra repetindo cada historia persoal ó longo dos séculos. Non hai futuro sen pasado, no hai presente sen futuro, non hai pasado sen presente.
No referido ó lugar de exposición, calquera dos tres atopábanse nunha situación bastante privilexiada con case total liberdade espacial. É certo que, en xeral, o artista galego, como calquera periférico, ten máis difícil a súa integración na capital, xa que se supón que esta aposta máis por artistas da comunidade, pero, por outra banda, están bastante ben acollidos en Madrid por ser esta unha cidade aberta a novas expresións, aínda que ¿quen non soña con algo máis?