culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Nacer na memoria

Os espacios culturais, que foron analizados nos capítulos anteriores desta sección, adquiren agora pautas de actualidade, coa inauguración de dous novos centros de arte e cultura no noso territorio: a sede de Sargadelos en Santiago, que será analizada en próximas entregas, e a Fundación Luís Seoane, na Coruña, que inaugurou un novo enderezo no antigo Cuartel Macanaz. Neste artigo analizamos a súa presencia pública, así como as dúas mostras que serven de presentación do imaxinario e pensamento vangardista de Seoane

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A fundación Luís Seoane acaba de abrir as súas portas, o pasado venres 9 de maio, nunha nova sede localizada nun estremo da cidade vella da Coruña, detrás do Hospital Provincial e o Arquivo do Reino de Galicia, ó carón do mar, que o domina vixiante desde un miradoiro. O seu novo enderezo preséntase como longamente agardado, moi diferente ó anterior no Centro Cultural Salvador de Madariaga –sede desde 1996– que, aínda que se atopaba no centro da cidade, preto dos Cantóns, tiña que compartir espacio con outras institucións. Ademais, quizais o máis significativo, agora gaña pola súa descentralización cultural e pola súa significación arquitectónica, singular, moi carismática, non por iso espectacular senón intimamente apegada ó manto terreal. A nova construcción é sinceridade pura; resposta a un tipo de actuación de conservación do pasado, respectando o patio de armas do Cuartel de Macanaz –construcción do século XVIII– sobre o que se sitúa este novo proxecto, onde cada unha das propostas espaciais e plásticas tiveron en conta o lugar e a figura de Luís Seoane. Os arquitectos, Juan Creus e Covadonga Carrasco articularon unha serie de estancias ó redor do patio central, nun diálogo entre materiais, potenciais de texturas, esponxas de luz e permanente modernidade que tentan ilustrar a contemporaneidade da obra de Seoane.



Arquitectura homenaxe

A nova arquitectura sobresae, en primeiro lugar, pola súa forte presencia exterior, onde a pel branca e zócalos de granito, apertan as fachadas laterais, deixando a fachada principal e posterior para evidenciar a súa pegada no lugar. Aínda que a parte posterior actúa de marco fotográfico co exterior, a anterior ofrécese como unha das iconas da fundación, nunha telúrica de ringleiras de pedra que harmonizan nunha delicada curva todo o contorno, xerando unha pequena praza. Esta fachada estructúrase cunha serie de ringleiras de pedra, que potencian a súa horizontalidade, do mesmo xeito que as construccións dos hórreos. Se o exterior se fusiona co interior resulta unha explosión de luz, un itinerario entre espacios matizados, paredes brancas e cristais translúcidos. Un proceso de coñecemento das súas entrañas. O vestíbulo de entrada emociona pola súa lóxica arquitectónica case relixiosa, presencia lumínica, atlántica, que se organiza dando paso ás diferentes salas expositivas e dependencias administrativas.



Seoane no espello

Luís Seoane é, posiblemente, o gran artista galego do século XX, aquel que recolleu e reuniu unha magnífica producción artística desde diferentes e variados ámbitos creativos: gravado, pintura, producción editorial,... ademais do seu traballo teórico, moi destacado. Seoane foi un apaixonado da historia da arte, observador e dialogante entre a tradición galega e a linguaxe da vangarda. Para esta inauguración o Concello da Coruña, patrocinador da Fundación, encargoulle a María Luísa Sobrino a organización do proxecto museográfico, que incluía a selección dunha serie de obras representativas de Seoane para mostra inaugural e, así mesmo, o deseño dunha mostra que, acompañando a esa primeira, aposta polo contido internacional. A mostra que representa un espello sintético da colección leva o nome de “O universo de Seoane”, e ocupa o primeiro andar da fundación, nunha serie de salas que rodean o patio, que foxen, broncéanse ou asimilan a luz salgada da Coruña. A segunda exposición, chamada “Seoane e a vangarda: os seus mestres, os seus amigos” tenta retratar, como explica o epígrafe, as liñas de investigación que como tentáculos saen das súas obras; deste xeito, nomes emblemáticos ocupan a planta baixa arredor dunha escaleira de madeira, que se apropia dos procesos constructivos dos hórreos, casualmente o mesmo que podiamos ver nas paredes do vestíbulo. Admírase o Picasso gravador, Matisse, un fastástico Leger –que xustifica toda a visita–, o constructivismo de Torres García, a composición de Óscar Domínguez ou as cores de Maside, entre outros, como o impecable bodegón de Manuel Ángeles Ortiz.



Calquera gran figura da nosa historia precisa dun lugar, dun sitio, onde repousar a súa memoria, pero, sobre todo, onde alongar as vontades, ensinanzas e valores da súa disciplina concreta. Converter en vivas as mesmas ideas que, no seu tempo, fixeron de Luís Seoane unha figura vangardista e referente incuestionable da arte galega, o mesmo que, agora, tenta ofrecer esta nova sede da fundación, sorte de novidade e perfil de centro da arte contemporánea.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org