Espacios desde o parabrisas II .
Facer vivir a historia
Esta segunda parte das olladas desde un coche trata de percorrer aqueloutros espacios culturais da xeografía galega que seguen retratando vontades expositivas co ámbito do contemporáneo. Preténdese pechar unha aproximación ás salas, museos ou centros que gardan os pasos do visitante ás mostra de arte actual.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
O percorrido segue trazas de arqueólogo, analizando as diferentes peles ou estratos das infraestructuras culturais. O novo discurso do urbanismo fala dunha distribución espacial descontinua, unha definición que se amarra fortemente a esta paisaxe de empresas creativas. Antes retiñamos a atención sobre conceptos e ideas, principalmente na achega de varios exemplos concretos de bos resultados arquitectónicos; lembremos que eran aqueles centros, como a Fundación Luís Seoane que acaba de abrir as súas portas o pasado venres. Eran os que fixaban as primeiras pautas de análise. Agora o relato continúa nun afondamento de novos modelos, con outras filosofías tamén moi acertadas, desa idónea fusión entre arquitectura e cultura ou, prolongando, nesa dilatación de fusións entre memoria e presente, que será o caso dos museos. Precisamos desvelar todos os perfiles destas empresas; falabamos de extensións creativas, espacios alternativos e lugares de producción de ideas, ás veces simples colectores.
Posibilidades espaciais
Deste xeito, nese diálogo entre o concepto de tradición e de innovación, enfocado desde áreas diferenciadas, localizamos as institucións máis paradigmáticas do encontro entre arte e sociedade: os museos. Identificados con valores clásicos, a nosa mirada agora retense non nesa función, moi loable, de conservación da memoria histórica senón na súa capacidade para conter exposicións e proxectos temporais. Os museos, baixo acentos municipais ou autonómicos ofrecen unha interesante ollada temporal, onde reside unha das súas forzas. Estoume a referir, citando exemplos concretos, ás salas de exposicións do Museo Provincial de Lugo, do Museo Arqueolóxico de Ourense e do Museo de Pontevedra, onde sobresae o anexo Edificio Sarmiento coa súa presencia de claustro, a mesma tipoloxía que funciona no Museo do Pobo Galego. Neste último museo sobresae unha sorte de lugar alternativo, a Igrexa de San Domingos de Bonaval, un templo cisterciense de vocación minimalista, onde se realizan con frecuencia exposicións e, máis interesantes, intervencións espaciais: lembremos a Boltansky, a mostra Double Trouble ou máis recente proposta de Xosé Freixanes, invadindo todo o chan cunha mestizaxe da tradición hindú e a galega (po de arroz e lousa). Aí reside o verdadeiro ideal, facer vivir a historia.
Esta idea permítenos enlazar directamente con outras espacios que aloxan mostras contemporáneas, como pode ser tamén en Santiago o Colexio Fonseca e a Igrexa da Compañía (onde sobresae o espacio do coro, onde se posibilita unha sorte de intervencións interdisciplinarias, baixo o nome de “Procesalia”). En Vigo acábase de poñer en marcha unha iniciativa certamente novidosa: os peiraos, onde nestes meses se leva a cabo un proxecto expositivo comisariado por Xosé Manuel Buxán. Pero no noso territorio segue sen existir ningún exemplo do que se denomina antimuseo, factorías e poucos espacios reciclados, ningún de carácter industrial, como pode ser La Fábrica en Abarca de Campos ou o Museo Vostell en Cáceres. Noutra filosofía diferente pero especialmente paradigmática desde un punto de vista histórico e polo seu sentido fragmentario e modular, está o Museo Carlos Maside de Sada, realizado polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat, autor tamén dun fito da nosa paisaxe, a sede da Coca Cola na Coruña, unha das mellores relecturas do movemento moderno.
O foráneo tan preto
Queda tamén deixar sitio para os nomes e apelidos que proxectan estes lugares; casas de cultura como a de Chantada realizada por Manolo Gallego, a de Cangas de César Portela, a de Vilalba de Carlos María Montero ou o centro cultural do Carballiño de María Xesús Blanco e Alfredo Freixedo son exemplos desa simbiose entre eixes locais e culturais. Unha topografía cultural que tamén absorbe outros nomes de títulos internacionais; Siza na construcción do CGAC (que seguramente é un dos mellores agasallos arquitectónicos), Manuel de las Casas no pazo da cultura de Pontevedra, John Hejduck no centro socio-cultural da Trisca (Santiago) ou Eisenman na próxima Cidade da Cultura, conforman un panorama que, aínda que resulta interesante desde a presencia de nome ou “star system”, ofrece unha morea de características de valoración espacial e creativa. O caso da Cidade da Cultura presenta ideas que escapan do propiamente cultural, mesmo para poder encher un libro enteiro; unha arquitectura que fala de novos xeitos de entender a construcción desde o poder político, falando en grandes palabras. William J. Curtis —prestixioso crítico internacional— di que non é preciso facer unha cidade que se etiquete no singular, un artificio de baleiros, unha arquitectura de espectáculo, como pode ser a Cidade das Artes de Valencia, decorados de poder. A verdadeira construcción está nun binomio sinxelísimo: respecto á tradición, a memoria, e coa vontade de ser, nunca querer aparentar ser; como exemplo paradigmático está o Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, obra de Alberto Noguerol e Pilar Díez ou a citada casa da cultura de Chantada.
Este repaso rápido polo resto dos espacios culturais quere abrir novas portas á intervención, á posibilidade de repensar o noso espacio colectivo. Que o mensaxeiro volva sobre os lugares coñecidos para comezar a observalos no repouso, no seu camiñar, mentres descubre as claves da arte actual.