culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Espacios desde o parabrisas I

Chamémoslles espacios de exposición, lugares onde instalar ou, sinxelamente, acomodar as propostas artísticas, as ideas feitas obxectos. Estas caixas expositoras son algo máis que lugares de repouso, de ocio, son exemplos da nosa memoria, do noso imaxinario colectivo. Son arquitecturas. En cada unha delas está algo do visitante, algo do limpador de lixo, do porteiro ou do carteiro. Estas liñas ensinan plataformas novas e vellas, suadas e hixiénicas, sempre culturais, berces de posibilidades; para a seguinte entrega quedarán as obras de arquitectos foráneos e o protagonismo dos museos. "Insert coin", entrar na interactividade.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Salvador Cidrás e Vicente Blanco no seu proxecto de Caja Madrid, que lles concedeu un bolsa de investigación artística nas terras de California, falaban das impresións da paisaxe norteamericana desde un coche polas autoestradas, un paseo fugaz, como cando pasamos as follas de seguido, sen retermos a atención. O territorio galego ofrece, por moitas autoestradas que se tracen, nun desenvolvemento diferente, seccionado en percorridos que apertan en vez de perforar, nun itinerario sinuoso, propio das serpes. Percorrelo conscientes do seu mareo, sentindo os meandros de idas e voltas, casas, cruces, vilas en que entramos e semellamos non querer saír, xente nas portas e bares de parada con sabor a menú do día. A paisaxe galega, como a súa arquitectura (topografía cultural), gózase nun contacto íntimo, medra no roce, no repouso da mirada desde o parabrisas.



Espacios baleiros

Ante este “traveling” de simplicidades, formas sinceras e lugares de formulación, o visitante actúa de dous xeitos, negando o seu contacto, ignorando e pechando as ventás ou, pola contra, parando en cada instante de emoción, en cada exposición ou espacio suxestivo; aí está o espectador intelixente, o mesmo que para diante dun escaparate de libros ou dun cartel de teatro. Pero como indicamos, ás veces a realidade faise densa, e semella perdernos nun mapa sen indicacións, nunha continua impresión de viaxar en autobús, dirixidos, con paradas selectivas, ollando a paisaxe desde a fiestra, mollada, ou fugaz. Por iso, este comentario ou proposta desta semana trata de ofrecer unha nova ollada, expandir o número de paradas, ó percorrido deste mensaxeiro que, camiño de destinos concretos (esixencias de actualidade) esquece espacios, territorios e despista as miradas nos laterais. Por iso mesmo existen relanzos nas escaleiras, para descansar, poder falar e ver polas fiestras. Neste sentido, por unha vez e sen que sirva de precedente, gustaríame que o compañeiro repouse a análise nos espacios onde existen as exposicións, as mesmas que cada semana tentamos analizar. Mirar as paredes e non ver obras, nin pigmentos, percorrer unha sala baleira de esculturas ou videocreacións, trátase de ver cos mesmos ollos dun arquitecto, pero tamén dun museógrafo, mesmo dun partidario exaltado do mínimo, do esencial, e non falo de Minimalismo.



Antes estiveron os arquitectos

O lector que requira dun apuntamento de actualidade, por aquilo de recortar anacos e pegalos na axenda, este repousa na inauguración dunha nova institución na cidade de Vigo: o Verbum, Casa das palabras, inaugurado o pasado 25 de abril. A intención destas ideas é ir máis lonxe, trátase de retardar o paseo cara a un pretexto expositivo facendo unha viaxe pola situación, polo contorno destas infraestructuras galegas. Quizais nunha primeira escala (máis adiante o mensaxeiro seguirá o seu camiño) podemos recoller aqueles espacios de carácter máis académico, oficiais, os chamados museos e aqueloutros que gardan as súas vontades de memoria pero que ofertan unha faciana de experimentación, como son os centros ou as fundacións. Detemos a investigación na arquitectura, xa que moitos dos espacios onde se recollen propostas expositivas foron realizados por coñecidos arquitectos. Así César Portela é autor do recente Verbum, ademais de do Museo do Mar de Galicia (con Aldo Rossi) e da Domus (Casa do home) en colaboración con Arata Isozaki; Manolo Gallego realizou o Museo de Belas Artes da Coruña e -aínda que non posúa un contido de arte contemporánea, si resulta moi interesante, o Museo da Colexiata de Santa María da Coruña- ademais da propia Casa de Cultura de Chantada pola súa impresionante fusión de espacios públicos, sociais. Tamén están os espacios de rehabilitación, o Kiosko Alfonso realizado por Xosé Manuel Casabella, a remodelación do Centro Torrente Ballester, o impecable e asombroso traballo de recuperación do cárcere e xulgados da rúa do Príncipe de Vigo para Museo de Arte Contemporánea (MARCO) realizado polo equipo Quijada, Fraga e Portolés, e a inmediata inauguración o próximo venres da nova sede da Fundación Luís Seoane na Coruña, obra dos arquitectos novos Xoan Creus e Covadonga Carrasco.



Notas vermellas sobre un mapa

Un mapa nas mans do copiloto e localizados as principais direccións. Resulta curioso que aínda non exista un publicación (falo de tódolos formatos) onde se ofreza unha descrición detallada, con características concretas, de cada unha destas estructuras culturais; só existe un mundo de axendas, actualidade e citas. Unha única nota no mapa, escrito en vermello, visitaremos aqueles centros que analicen, ben sexa desde as súas mostras ou exposicións ou ben nos seus contidos (colección) unha dirección cara á cultura contemporánea. Exemplos doutras direccións existen moitos, algúns deles representativos e moi interesantes. Retomando a listaxe anteriormente debuxada, podemos complementala con aqueloutras estructuras que son de nova planta; esta estructura só responde a unha vontade estructural. Así, atopamos as ideas de investigación das fundacións, como a Pedro Barrie de la Maza na Coruña, cun programa de exposicións (catro ó ano, con nomes como Liechtenstein, Picasso ou Ansel Adams, a finais de mes) certamente excepcional, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ou o Auditorio de Galicia. Un capítulo á parte é o que ofrecen as fundación ou entidades bancarias, a citada Barrié, e as dúas máis representativas que teñen unha política de expansión por cidades galegas; así a Fundación Caixa Galicia acaba de abrir unha nova sede en Santiago e seguimos a agardar a nova construcción dun espectacular edificio na Coruña, obra de Nicholas Grimshaw; Caixanova, pola súa banda, sobresae pola nova sede aberta en Vigo, que recolle o relevo da súa anterior no Teatro García Barbón, unha arquitectura e distribución excesivamente dominante.



Debemos esixir una nova mirada por parte do espectador, do visitante. Limpar as lentes e instalar un detector de emotividades espaciais, de diccionarios que intenten descubrir escenarios non comerciais, sen etiquetas nin ofertas de hipermercado. Trátase de que o visitante repense o seu propio itinerario, a súa experiencia. Visitar espacios, pensar no seu arquitecto, na súa funcionalidade ou non, nos defectos e virtudes. Recoller en fotos os museos, centros ou salas que serven para algo máis ca para soportar os nosos pasos, existindo na mesma filosofía social dun café, un banco onde pousar unha lectura. O espacio transparente.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org