O Pop modernista
Keith Haring pertence a ese grupo de artistas que fixeron do relativo, da denuncia, do social, un postulado de existencia. Esa mesma vontade de resistencia, serve de pano de fondo idóneo para ilustrar a creación dunha nova galería, C5 Colección, que desde o venres se aloxa na nosa incerta e desafiante realidade galerística.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Non sei se nalgún intre falei das galerías en Galicia, dese apaixonante mundo de comercio, arte e relacións culturais, plataformas de promoción (todo sempre na teoría) da arte contemporánea. A realidade galerística non ofrece un panorama para botar bombas, máis ben para botarse a chorar. Cada unha das sete grandes cidades da nosa xeografía conta con algunha destas necesarias institucións, desde a presencia de Vigo e Santiago con catro. A Coruña con dúas, Ourense, Ferrol ou Lugo con unha e Pontevedra con ningunha, despois do peche de Anexo. Son, como vemos, poucas, moi poucas; poucas comparando con outras xeografías rexionais, e tendo en conta o número de artistas que saen da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, que se xuntan neste río de máis autores. Por iso non é complicado comprender que existan outros locais onde canalizar ou evacuar as forzas creativas e, noutro eido, as salas de mostras institucionais, das que estamos ben provistos no territorio galego.
Sortes de novidades
Por iso mesmo, cada vez que se abre un novo espacio neste territorio culturalmente disperso, debemos aplaudir o seu nacemento e felicitar ós promotores de atreverse a instalar unha sorte de riscos, saltos sen rede. C5 Colección acaba de abrir nun fermoso inmoble modernista do casco vello de Santiago, fronte da Facultade de Xeografía e Historia. A propia arquitectura conforma un espacio vertical, ocupando unha esquina que desemboca nunha pequena praza. A forza dulcificada de formas e texturas pétreas do exterior transfórmase no interior nun branco minimalista, por intres excesivamente inmaculado. As súas tres plantas fan do percorrido unha experiencia arquitectónica, articulada e dominada polo eixo plástico e visual da escada que estructura o espacio nun crecemento vertical, onde reside unha das orixinalidades deste espacio. Fagamos unha comparación cun espacio lonxitudinal que se prolonga na liña do horizonte, estructurada en varias salas, nun percorrido museolóxico; pois ben, iso mesmo podemos observalo na proxección espacial desta nova galería, que crece como unha árbore, en vertical. Tres plantas que deixando pequenas áreas de exposición ou mesmo de descanso nesa escalada do visitante da arte. Porque entre os obxectivos expositivos existe unha pretendida concentración intimista, que se apoia na principal das orientacións da galería, o gravado e a colección gráfica.
O Pop desde o Modernismo
O pretexto inaugural desta nova galería reside nun dos nomes máis representativos da arte dos oitenta norteamericano, Keith Haring. Calquera asiduo á historia da arte actual ou próxima recoñecerao polos seus cadros de composicións protagonizadas por “personaxes” combinados en espacios decorativos, como danzando nunha escena barroca. Unha ollada pop, que o propio Haring transviste nunha progresión popular e da baixa cultura propia dos graffitis. O logro deste artista está en facer democrático un sentimento culto, fusionar os movementos convulsos e cambiantes dunha sociedade norteamericana, que tentaba dialogar os relatos de inmigracións, de integración multicultural e todo baixo a música rap, hip hop, dos Talking Heads ou dos Ramones. A súa orixinalidade estivo na propia execución da súa obra, exemplificada nos trazos sinuosos e descritivos que enroscaban os seus homiños ou mulleriñas, prototipos da posmodernidade e convertidos en iconas non só da arte contemporánea, senón da cultura e sociedade universal. Funcionan do mesmo xeito que a faciana de Marylin ou as botellas de Coca Cola fusiladas por Warhol, pero Haring nos seus ebrios anos oitenta adoptou cunha rotunda actualidade a súa obra, sendo un xornalista do real fascinante, como o eran os graffitis e o propio Jean Michel Basquiat. Esa vontade de descubrir, de cuestionar e experimentar acompañouno ata un final tráxico, morre de SIDA o 16 de febreiro de 1990.