O cesto das bágoas
Rompendo tópicos e aclarando comentarios, o mensaxeiro de vacacións percorre a mostra Melodrama que se presenta no MARCO de Vigo ata finais de xuño. Obras moi entregadas, barrocas e exultantes de enerxía e dispoñibilidade crítica, un éxito expositivo.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Non podía limpar da mente, no meu paseo pola Rúa Príncipe, os comentarios e mensaxes que chegaban sobre a mostra Melodrama que se aloxaba no MARCO. Por iso quixen alongar ese pracer do visitante de parque de atraccións e fixen paradas estratéxicas na galería VGO para revisitar as pinturas de Antonio Murado (choca atopalo despois da presencia en Trinta de Santiago, choca tanto diálogo) e a sorprendente selección de obras na Casa das Artes co motivo icono-social da catástrofe do Prestige; invito a vela e, sobre todo, a posar. Para outro capítulo quedará a visita á nova sede que Caixanova ven de abrir preto do museo. O MARCO, engalanado detrás dunha impecable fachada de corte ecléctica e coroada por unha cúpula de metal, refulxente, preséntase pleno de emocións, vestido de obra teatral. Na primeira das dúas plantas exponse a mostra Melodrama, atrás queda a inaugural Cardinais e a inestable presencia, polémica e que xa tardaba en rematar de Atlántica. Melodrama aposta pola seguridade de limpeza universal, a temática clara, o contido de nomes estranxeiros e pola impactante disposición espacial. Aclara, por outro lado, a vontade eficaz das itinerancias, incorporándose dentro do programa REM que mantén con outros dous espacios peninsulares: Centro José Guerrero de Granada e ARTIUM de Álava. Nesta terceira e última escala óptase por unha invasión narrativa e tranquila das tres grandes galerías, os espacios laterais e os patios, así como na emocionante rotonda da entrada.
Delicias de carne e oso
Se o público fuxe do postulado abstracto, por demasiado impersoal, por demasiado hermético, porque agora cuestiona ou fuxe (tamén están os que van atraídos por unha expectación de xardín das delicias) dunha mostra destas características, se se trata xustamente do contrario, de moita transparencia e, sobre todo, moita personalidade. Sen querer entrar en controversias, Melodrama ofrece o mellor e o peor para o público, e aínda máis para o público galego, asiduo (non pola súa decisión) a exposicións sinxeliñas de domingo e paisaxes de grandes emocións, sempre sen retratar ou desvelar o íntimo. Por iso cando un proxecto como este desembarca nunha institución pública, os comentarios bulen, e iso tamén está moi ben. Rematando o debate, nin que dicir ten que calquera das imaxes presentes podemos atopalas en calquera das películas ou programas de televisión e, moitas veces, sen un pretexto de reflexión como si recolle este proxecto. O percorrido polas salas en itinerarios de ida e volta irá descubrindo obras e artistas dunha fonda inquedanza comunicativa, en mensaxes e discursos moi entregados e directos, eminentemente teatrais.
O efecto dun bico espido
Para aquel que viaxe nestes días a Londres, que non se perda a mostra de Ron Mueck na National Gallery cunha obra que sobresalta pola disposición de espidos de gran escala en posicións ou dramas cotiás; o relevo de proxectos tan polémicos como Sensation almacénase nesta mostra e tamén, por extensión, na que agora recolle os nosos pasos emocionados polo MARCO. Porque daquela mostra queda o sentimento directo e a vontade de sorprender, pero se naquel caso o pretexto escorregaba entre os dedos (dentro dun programa publicitario da maquinaria do empresario Saatchi) agora entablíllase en canles de análise concretos e coherentemente precisos; aínda que isto non signifique que moitas das pezas rebasen os límites da arte, pero niso está tamén o éxito desta mostra e onde recae a responsabilidade do visitante como xuíz, e non falo de cuestionamento senón de interpretación. Pero para quen non adquira ese diccionario de democracia ou, sinxelamente, non entenda nada, que non se estrañe, de iso tamén se trata, dun exercicio máis da contemporaneidade. Unha enorme rata domina, como un nobre guerreiro, o panóptico da entrada, altiva e desafiante, quere deixar claro o seu cambio de escala, de contexto e significado, pautas que irán rebotando polas paredes en moitas das obras.
O excesivo, como ferramenta de presentación, atopámolo en armarios recubertos de birutas de plásticos de cores, en grandes grúas de metal adornadas de ornamentacións góticas (o concepto barroco será outra das claves do Melodrama), no corpo dun home descuartizado (certamente a obra máis forte da mostra), nun corazón illado sobre un pedestal e nos anacos de productos que rexistran claramente o melodrama, onde o audiovisual se perfila como forza de presentación idónea. Fálase de realidade, de relacións, diálogos e sociedades que buscan e non acadan un lugar. A clave está na montaxe, onde recoñezo un gran traballo de distracción e atención, que se ve reforzado polo magnífico traballo de información dos traballadores de sala.
O Melodrama non precisa buscar o seu sitio neste mundo de inestabilidades. Está presente en cada un de nós a, aínda que resulte tópico, en todo aquilo que nos rodea: prendemos a televisión e ¡zas!, abrimos a fiestra do patio de luces e ¡zas!, entramos nun taxi e ¡zas!. Unha labazada ou un bico, un agarimo e un adeus, o truco está na acción, no propio guión. O melodrama como discurso teatral e da propia vida, así o descubriron os gregos e perfeccionaron os culebróns latinoamericanos, forma e conforma o máis interesante da vida, ou polo menos aquilo que nos fai chorar ou rir, por outro lado, como as relacións.