culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Cores na faciana de metal

José Pedro Croft é, posiblemente, o mellor artista portugués da actualidade; por iso a presente mostra que se acaba de inaugurar no CGAC presenta unha serea impresión de exposición, impecable. Temos ata finais de xuño para visitala, pero invito a facelo o antes posible, por aquilo de aprender dunha boa montaxe e relativizar outras.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Hai un par de días o pretexto desta sección onde recollo as miñas palabras fíxose, paradoxalmente, realidade: un vello amigo arquitecto acollía as miñas reflexións no ordenador da súa casa, a máis de trescentos quilómetros de distancia. O mensaxeiro tamén latexaba ao lonxe, gardando nos petos as mesmas emocións e vivencias que un mesmo (ou outros colaboradores) tentaba debuxar en entregas semanais e enviando flashes de ideas e comentarios en correos electrónicos. Todo isto vén a conto da exposición de Croft, que ocupa o vestíbulo e a planta baixa do CGAC desde o pasado venres; alí atopeime con ese mensaxeiro, agora vestido de carteiro, devolvéndome novas cartas cheas de consellos, ensinando a ver o espacio desde os ollos do arquitecto, como fai o propio Croft.



Vivendas para despois do deserto

Desde mediados dos anos setenta, nun proceso similar ó español, a arte portuguesa experimentou unha necesidade de construcción e creación dun estilo e infraestructura cultural que abriran luces e novos escenarios despois do deserto da dictadura. Pedro Calapez, Leonel Moura, Cabrita Reis, Gerardo Burmester ou o propio Croft, comezaron a desvelar un novo movemento de modernidade neses febles anos, o mesmo que conseguiron Souto de Moura, Távora ou Álvaro Siza desde a arquitectura. Os oitenta foron, polo tanto, anos de asentamento e protagonismo persoal; anos de recoñecemento internacional de moitos dos artistas portugueses. Croft apúntase plenamente a ese tren de innovación e atrevemento fóra das súas fronteiras, coa participación en prestixiosos eventos como a Bienal de Venecia ou de São Paulo. Este autor enarboraba un tipo de obra protagonizada, de xeito lóxico, por forzas constructivas e enderezos de memoria.



Os noventa foron, sen embargo, anos de expansión interior, mais na linguaxe e na experimentación da propia doutrina persoal; un reto onde moitos dos artistas lusos naufragaron, pero onde o noso protagonista saíu reforzado, asentando o seu verdadeiro estilo: unha serie de pezas compostas por elementos do cotián (cadeiras ou mesas) onde introduce formas xeométricas, xesos ou metais que invaden o espacio. Eran obras de comezos da década, certamente excepcionais, desas pezas namoradeiras, que atrapan na primeira mirada, igual que diante dun Morandi ou dun Brancusi. Obras que quedaron como experimentacións ou prólogos ó que serían as súas obras de finais dos noventa, as mesmas que atopamos nesta mostra, as mesmas que se significan pola pureza case minimalista, o emprego de materiais industriais (metal, vidro e espellos) e onde as pautas do autor están na confrontación, nos opostos e nas relacións de escala e modelos da escultura, así como nas relacións interdisciplinares: plástica e pictórica.



O escultor do pincel

A presente mostra do CGAC ofrece unha selección de trinta obras (debuxos, pinturas e esculturas) que desvelan a súa traxectoria dun xeito sintético, como no final do tobogán, na presencia de pezas significativas desde 1997 ata a actualidade. Unha panorámica de obras onde o cambio destas, non do estilo nin da linguaxe, está no procedemento, na execución e, sobre todo, na colonización no espacio inmaculado de Siza, sempre de difícil comprensión. O visitante terá a impresión de camiñar entre arquitecturas ou territorios, formas, esbozos e trazos que oscilan en todas as dimensións: paredes que expulsan próteses de cor, debuxos que imaxinan percorridos en campos pechados e aqueloutras pezas que se despegan do muro nunha vontade expansiva, barroca. Porque o noso artista bebe constantemente da arquitectura, nunha contaminación recíproca e impecable, como podemos constatar no Dobre Espacio e, dun xeito quizais máis literario, no catálogo publicado onde se reproducen as fotografías que o propio artista realiza nas súas viaxes; nelas están os ollos dos mensaxeiros. Deste xeito, o diálogo foi unha das máximas na montaxe desta mostra: diálogo entre as propias obras e diálogo co espacio atopado. Por todo isto Croft é, posiblemente, un dos artistas que mellor entenderon a distribución museística do CGAC.



Será o percorrido unha fusión de disciplinas e posibilidades de diálogo, cadros nas paredes e cadros polo chan de madeira, cheos de cor, cheos de baleiro, nunha serie de construccións que deixan paso a unha deconstrucción emotiva, arriscada. Unha serie de pinceladas e cuestións que sitúan a José Pedro Croft nun dos seus mellores momentos productivos.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org