culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

O caso do pintor romántico

A pintura, segundo Xabier Magalhães, sobrevive na figuración expresionista e sobresae nunha ambientación barroca e exaltada. Ata o 26 de marzo pódese ver na galería José Lorenzo de Santiago unha selección das súas últimas obras.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Esta galería está localizada nun lugar emblemático da cidade histórica, unha particularidade que, por momentos, pode ser máis un impedimento que unha satisfacción. O seu espacio interior, organizado por paneis, ofrece unha inquietante sensación de provisionalidade que, aínda que non resulta ofensiva, pode condicionar a visita dunha mostra. A presente de Xabier Magalhães ofrece unha paradigmática mirada retrospectiva, de relato encadeado e varias fiestras abertas. Porque ó percorrer toda a mostra permanece latente unha mesma mensaxe, unha mesma linguaxe, a da expresión, pero moitos mundos, moitos eixes de diversidade iconográfica. Magalhães é un artista expresionista, unha postura ante o lenzo que resulta nunha vocación non tanto impulsiva ou exaltada, senón de pintor cunha toma de postura heroica, excepcional, naquilo que recoñecemos nos sentimentos románticos ou barrocos. Un autor que entende a pintura como un poeta, pero tamén ó xeito dun xeógrafo ou dun historiador.



Narracións de cor vida

Algo queda de emoción en todos os seus cadro e debuxos. O visitante debe conter o discurso ata o final, xa que o ritmo cambia segundo miramos ou rebuscamos nas súa temáticas, na súa literatura, nos seus contos de cor vida. Os seus referentes, comicamente, existen nun mundo próximo, no seu contorno. A súa narración queda prendida na caricia, no sexo, no corpo da muller, nas manieristas curvas de retratadas sobre diváns, nas facianas depuradas e nos libros, abertos mostrando a súa verdade. Comezamos observando un pintor de olladas familiares e rematamos nun observador romántico, detallista, detendo o matiz no xesto, nas mans ou nos decorados. Desde un punto de vista temático recolle, soberano, a pegada do último Picasso, o mesmo que retrata espacios arquitectónicos e que tamén recolecta Abraham Lacalle; sen embargo, Magalhães agrupa a sinuosidade de Matisse, o pintor das colaxes e, sobre todo, o fabuloso compositor de escenas femininas, resoltas nunha simplicidade asombrosa, e non debemos esquecer a inxenuidade peneirada pola nova figuración dos sesenta e oitenta que no caso do noso pintor ofreceron novos referentes.

O batedor de Magalhães incorpora unha ollada máis intranquila, máis pop, subsistindo a súa orixinalidade non só na especial ambientación ou composicións bucólicas senón tamén na anécdota, no seu repousado detemento e fragmentos, en diferentes partes emblemáticas da anatomía, resoltos ó xeitos de obxectos ou mesmo de animais, con vida propia. Todo parece languidecer ata esquemas minimalistas, case signográficos, perfilados por trazos negros. .




O relato preñado de cor

Neste rápido achegamento a un pintor de historias próximas, de laceradas composicións, queda unha derradeira etiqueta que, no fondo, deriva das últimas citadas e que engloban unha vocación ou doutrina romántica. Magalhães aposta pola cor, pola intensidade e divertida tarefa de decorar e ambientar o contorno da figuración. Porque se algo sobresae neste relato, nesta mostra, é a cor: vermellas exultantes, ferintes, azuis frescas, verdes de luz e, sobre todo, negras que remarcan, que potencian unha vontade tamén de debuxante. As liñas son as dun grafista que se ofrece, silencioso e emotivo, nos seus debuxos a lapis ou tinta sobre papel. Unha sensación de obras síntese de varios Magalhães, unha cor barroca e unha figuración que non retén a súa corporeidade, invadindo o espacio, explorando o fondo, ó xeito dun Seoane máis lúdico ou dun Laxeiro, inquedo, que se retén en curvas e contracurvas.



Ritmos que mudan e corpos que chaman, sen falar. A decoración e a pincelada que se pousa, como unha garza branca, sobre corpos de pel húmida, de carnosidades pigmentadas e ollos pequenos, como coidando o anonimato. O pintor de trazos, incluso contos, do vital.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org