A eterna batalla da figuración
A figuración como proposta de análise do contemporáneo e a itinerancia como resposta sinxela e apersoal ó programa expositivo actual. Dúas ideas e flashes que se compilan na mostra “Figuraciones” que recolle e invade as salas do Auditorio de Galicia ata finais de abril.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Benvido ó apaixonante mundo das itinerancias. Esta paisaxe de mostras nómades preséntase ó xeito dun producto de factura impecable, demasiado impecable. A lectura nace como unha vontade universal de ofrecer propostas que poidan ser exportables noutros eidos ou espacios da xeografía nacional. Son productos, non o debemos esquecer, moi elegantes, modelos que actúan ó xeito de mecanos que poñemos e quitamos con facilidade case política, tan doado como abrir ou pechar un link ou facer zapping. No territorio galego estamos moi afeitos a estas iniciativas: Caixa Galicia ou Caixanova van de primeiras nesta carreira e, se resultan aplaudibles desde un punto de vista social (así se especifican nas súas doutrinas estructurais) quedan por intres desfasadas, moi mecánicas e sen traspasar as nosas fronteiras do grelo. Un visitante pode ver a mesma mostra hoxe en Vilagarcía, dentro de tres meses en Burela e nun ano en Verín, que viva a volta ciclista; chámaselle abaratamento e dilatación de esforzos, só posible cunha infraestructura de salas e espacios adecuados. Outra vertente, considero que un pouco máis efectiva, é a que ofrecen La Caixa ou Caja Madrid.
Debate aberto
Todo este relato vén a conto da mostra “Figuraciones” que se presenta nas salas do Auditorio de Galicia en Santiago. Esta exposición é o resultado doutras anteriores que, baixo o mesmo epígrafe “Figuraciones”, analizaba esta tendencia estilística nas diferentes comunidades autónomas; deste xeito resultaron os productos “Figuraciones desde Madrid” ou “Figuraciones desde Galicia” protagonizada esta última por Manuel Vázquez, Patricia Dopico ou Andrés Pinal, entre outros.
A presente mostra, comisariada por José Marín-Medina, coñecido crítico de arte, instálase no espacio mediante o fotocopiado de paneis que xeran unha serie de salas e subsalas. Porque a obra resulta interesante pero, nalgúns casos, queda minimizada polo xeito de instalala. Figuraciones presenta a obra de dezaseis artistas que reflexionan (ou así o cre o comisario) sobre esta cuestión e a súa interacción na arte contemporánea. Tratouse de recoller a obra de dous ou tres autores de cada unha das mostras rexionais anteriores e ofrecela, agora, de maneira sintético, ó xeito dun encoro de forzas e producto representativo deste debate. O diálogo entre a figura e a narratividade.
Figuras sen fondo
O paseante coñecedor deste lugar expositivo percorrerá un itinerario deambulatorio, xerando pequenas estancias ou anexos ós lados, lugares sorpresa e outros máis obvios e innecesarios. Na entrada a obra de José Ramón Amondarain resulta emblemática da cuestión a tratar -elementos plásticos e pictóricos- con dous grandes bloques representando cortinas ou muros de pedras. A proposta de Alberto Regueira, por atmosférica, queda un pouco desviado do tema, non así a -certamente exquisita- de Vicente Blanco, nunha panorámica paisaxística de cousas que pasan case sen querer pasar. Resultan do mellor a obra, xa moi coñecida, de Manu Muniategiandikoetchea (con pinturas de xestos agresivos pero resultados minimalistas), a liña impecable de Jöel Mestre, a neofiguración de MP & MP Roscubas e pouco crible e aburrida a proposta de Antonio Rojas.
Quizais todos pensemos en boas ou malas obras, pero esta mostra resulta exemplar como exercicio dentro do contemporáneo de facer real a fugaz e delicada liña da arte figurativa. Queda como un novo pulo na arte máis conceptual, ás veces demasiado hixiénica. Invito a ver esta mostra, aínda que só sexa pola presencia de obras -fragmentarias- moi interesantes e polo "tirapuxa" actual de figuración ou non figuración, algo que, xa de paso, non existiu na pasada edición Arco, e iso que a pintura brillou como o sol máis grande.