culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

A vespa grecoromana de Piranesi

A obra de Piranesi ocupa un excepcional espacio na arte universal, no apartado dos artistas barrocos, vestidos de paisaxes románticas e espacios visionarios. A Fundación Caixa Galicia ofrece na súa sede da Coruña unha selección das súas obras, centradas nunha etapa histórica, na reconstrucción da Roma imperial.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Giambattista Piranesi foi un dos máis importantes gravadores de todos os tempos. A súa técnica resultou sorprendente desde moi novo, foi máis alá das marxes da súa época e influíu en artistas doutras xeracións. Sorprendeu o seu xeito de achegarse á paisaxe, desde unha postura realista (Vedutas), inaugurando o que Rafael Argullol define como "Arqueoloxía tráxica". Pero será sobre todo na súa innovadora oferta de repertorios fantásticos onde atopemos o mellor Piranesi, nos inquietantes Cárceres: impresionantes exercicios de ficción e realidade, de medos e sobresaltos emocionais, composicións teatrais nun mundo barroco, nun mundo exaltado, escenográfico. Unha postura de artista visionario, ó xeito dun Füssli, Pannini, Friedrich, Christian Klengel, mesmo o máis actual Escher. Algo de todo isto queda nas obras desta exposición, pertencentes á Biblioteca Municipal de Fermo.



Roma desde a vespa do tempo

As súas delicadas estampas -definición sen ánimo despectivo- abrigan o pouco favorecido espacio da sede de Caixa Galicia ten na Coruña, actuando ó xeito de liñas ou murmurios en voz baixa, nunha presencia, por intres, bibliográfica. Describir cada unha destas obras supón descubrir as construccións máis importantes de Roma, da súa época imperial, supón atoparse coa memoria, cos restos de basílicas, templos, coa colonización das igrexas católicas con torres e campanarios, as vánitas de fiúnchos e enredadeiras que invaden as pedras, ofrecendo obras que resisten desde unha postura tráxica, mesmo terrible, apaixonada. A vespa grecorromana de Piranesi está movéndose sempre, o novo Gary Grant ou Nani Moretti busca espacios que impresionen polo seu ton romántico, lugares tortuosos, esquecidos, provistos dun gran poder expresivo, centrándose principalmente na realidade das ruínas, símbolos da fugacidade, restos do paso do tempo. Seguindo ó mestre Rafael Argullol no seu recomendable libro “La atracción del abismo” as ruínas “emanan un dobre sentimento: unha fascinación nostálxica polas construccións debidas ó xenio dos homes e, por outro lado, a lúcida certeza, acompañada dunha non menor fascinación, ante a potencialidade destructora da natureza e do tempo”. Frontóns partidos, musgos sobre mármores e columnas violentadas ou seccionadas retratan unha estampa decadente, propia de calquera pintor romántico, de calquera bohemio, ebrio de praceres caducos.



Vánitas no buril, liñas no tempo

Pero Piranesi ofrece tamén unha mirada constructiva, analítica, onde non se descoida nada, nada queda ó azar, e, sen embargo, todo escapa das pautas históricas, aí reside a súa orixinalidade. A súa obra, fortemente científica, ofrece unha coidada ambientación, pero non tanto de documento histórico senón de recreación histórica, unha postura que se atoparía de fronte coas estructuradas vontades neoclásicas. Pode máis a imaxinación que a imitación, colle fortemente as mans de Xúpiter e mira de esguello a silueta de Apolo. A súa vertente subsiste, deste xeito, nunha recreación barroca, na escenografía e na dirección ornamental, nas paisaxes evocadoras, poboadas de vexetación e, tamén, nesas exquisitas últimas obras expostas de motivos decorativos: chemineas, vasos e grecas.



A súa linguaxe narrativa, moi clara, moi apaixonada e exultante, é posible gracias á súa excelente destreza da liña negra dun buril, e moitos sombreados, sobre o metal. Obras secas que desprenden unha evocadora sensación de eternidade, conxeladas nun mundo nostálxico; quédanos o Piranesi de retornos ó pasado, impecable, e o Piranesi, intranscendente e cuestionador, da ventá aberta e das escadas de Teseo, onde se perde o mundo da razón. Dúas pinceladas: a memoria, segundo Piranesi e a lembranza, segundo Rimbaud.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org