Medo ao novo
Valle Inclán recolle o mellor da tradición galega. Volver á súa figura desde a análise biográfica supón unha arriscada aposta expositiva, unha actitude que a presente mostra ilustra de xeito exemplar. Jorge Guitián retrata a súa faciana creativa, literaria e, sobre todo, referencial cunha cidade, Pontevedra; recolle os seus pasos urbanos e traza redes interdisciplinares do home da triste silueta.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Por Jorge Guitián
No mundo das exposicións as mostras biográficas constitúen un país á parte. Un país conflictivo que se resiste á modernización, un país ancorado na tradición e dominado por tendencias conservadoras. Neste territorio pechado sobre si mesmo calquera novidade é un sopro de aire fresco fronte ao tradicional modelo de casa museo que, repetido ata o esgotamento, case que fotocopiado, ostenta unha hexemonía dificilmente discutible. A mostra “Valle-Inclán e Pontevedra”, pretende na medida das súas posibilidades romper esa hexemonía achegando as mostras de carácter biográfico a un sentido actual, vivo e en constante proceso de revisión. Introduce o concepto contemporáneo de mostra didáctica, concibida en relación directa co espacio no que vai exhibirse, neste país necesitado de novas formulacións.
Derrubando prexuízos
A mostra reivindica o escepticismo ante o preconcibido e, desde esta perspectiva, formula unha visión innovadora e ata certo punto revisionista dalgúns dos tópicos, non sempre fundamentados, existentes sobre a figura de Valle-Inclán. Unha figura tan coñecida como o escritor arousán tiña e ten aínda elementos pouco coñecidos, cuestións esquecidas o pouco promovidas que axudan a comprender mellor a complexa figura de Valle e a situala axeitadamente no seu contexto. Valle-Inclán é, como o é tamén Castelao, unha das grandes iconas da cultura galega do último século. Unha icona que, como tal, foi simplificada e por iso non sempre ben comprendida, converténdose dese xeito no paradigma do intelectual galego “españolista” fronte á figura, tamén simplificada, do intelectual galego “nacionalista” que atopa o seu máximo expoñente en Castelao. Bipolarizacións coma esta, que converten a historia nunha película con bos e malos, afástanse totalmente da realidade, como demostra o feito de que Valle e Castelao, supostamente os polos opostos da cultura galega, se coñecesen e se admirasen máis alá das diferencias ideolóxicas e mesmo da idade. A amizade entre os dous foi tal que, como recolle a mostra, non so participaron en diversos eventos culturais xuntos senón que o propio Castelao, aínda que este é un dato pouco coñecido, foi un dos encargados de levar o cadaleito o día do enterro de Valle. Nestes elementos, que cuestionan a imaxe que de Valle temos na actualidade, é nos que o comisario da exposición, Xoán Guitián, tentou poñer unha especial énfase, tratando así de ofrecer unha visión nova ao tempo que complementaria doutros aspectos máis coñecidos e tratados en outras mostras e publicacións.
A visión dos artistas
Como personaxe polémico, como intelectual activo e como provocador nato, Valle-Inclán espertou sempre a curiosidade dos artistas. Deste xeito aparece como un tema recorrente na arte galega e española do último século, ata tal punto que é lícito falar mesmo dunha iconografía de Valle plenamente conformada. A mostra pontevedresa centra a súa atención nesta visión plástica e configura, en certo modo, un percorrido pola arte galega do S. XX a partir da imaxe do escritor arousán. Castelao, Torres, Granell, Buciños, Castro Gil, Maside, Bonome e moitos outros nomes da arte galega aparecen representados na mostra conformando un colaxe de estilos, técnicas e cronoloxías que se amosa de xeito conxunto por vez primeira. Case setenta anos despois da súa morte a figura de Valle-Inclán, o máis moderno dos escritores de pre-guerra, segue a dar pé a visións novas e a perspectivas inéditas. O país das exposicións biográficas conta cunha nova achega á súa diversidade.