Tartarugas na fotografía
Mentres preparamos as maletas con destino ARCO, a tempada expositiva continúa nesta Galicia de desalentos e rumores. A galería VGO de Vigo propón ata finais de mes unha mostra de carácter evocador e paisaxístico, quedando sobre as paredes as suxestións fotográficas de Ana Fernández.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
A traxectoria de Ana Fernández sobresae, principalmente, por presentar unha sinceridade de propostas fotográficas; apertándose firmemente á fotografía nun momento, a comezos dos noventa, onde tamén agromaba a ruptura co concepto pictórico e expresionista da arte. Compartindo estas novas premisas —dilatando a sombra de Duchamp— puidemos vela participando na xa emblemática mostra colectiva “30 anos no 2000”, celebrada no Auditorio de Galicia. Unha proposta que coincidía cos artistas de diferentes aptitudes estéticas, próxima ás obras de Andrés Pinal, Alberto Barreiro ou Carlos Nieto. A filosofía de Ana Fernández neses inicios retrata unha postura directa fronte á realidade, nunha aposta pola fotografía de certezas próximas, impresionistas, resultando traballos moi coherentes e de tranquila silueta productiva; suxestións que nunca perde, cunha vocación de obra pública, ben sexa rexistrando espacios exteriores ou aqueloutras fotografías onde habitan colectivos ou persoas, sempre anónimas, reafirmando esta tendencia cara ó indefinido.
A paisaxe dos dedos
Dentro do proceso de creación e recreación da arte galega, a vertente que reflexiona sobre a paisaxe ou o contexto topográfico, supón un elo de artificio constructivo. Ana Fernández realiza unha presentación do exterior, unha mirada paisaxística de diferentes verdades. A súa opción presenta una vontade presentativa, de afirmacións directas, reflexionando sobre unha realidade estendida, dun xeito cinematográfico. Este discurso víase na súa coñecida serie “Alphaville” onde ofrecía retratos de persoas que se perdían nunha paisaxe urbana, de aeroportos ou estacións, os chamados “non lugares” de Marc Augé. Unha evocadora sensación impresionista de lugares indefinidos, formas fugaces, diluídas ou borrosas, xeran perfís acuosos e rostros neutros. Un pouco desta ambigüidade, indefinición, mesmo desta dependencia pictórica doutras disciplinas artísticas, queda nestas novas obras; cambia o escenario, agora a cámara panorámica retense nos xardíns, nos parqués urbanos, naturezas humanizadas.
Os pousos borrosos da realidade
As dúas salas da galería presentan, deste xeito, un achegamento ó natural, en relatos breves, concisos e fugaces de diferentes realidades plein-air. Unhas propostas paisaxísticas que lembran traballos cinematográficos, nas composicións e encadramentos e, incluso, na propia técnica de impresión fotográfica, como tamén destaca nas últimas obras fluídas de Manuel Vázquez. Unha preocupación interdisciplinar que provoca un espacial xeito de comunicar, cun guión harmónico deseñado ó xeito dunha historia anónima que recolle débedas da banda deseñada e se presenta ó xeito de cadros impresionistas ou puntillistas —pensemos en Monet, Sisley ou mellor en Seurat á beira do río— que se distribúen fragmentadas polas paredes da galería.
Ana Fernández aproxima o visitante a un contexto en branco e negro, a unha ollada episódica da paisaxe; un dedo que arrastra pintura, ó xeito dunha tartaruga, sobre a fotografía. O discurso máxico polo que poida ter de evocador, pero real polo que, seguro, ten de vivencial.