Latexos no CGAC
Recoller unha colección non é simplemente almacenar obras, formas plásticas. Nesta dirección camiña a mostra "Miradas Cómplices" que presenta o CGAC como primeira liña de achegamento, presentación e investigación da súa colección.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Hai dous anos no Centro Torrente Ballester de Ferrol comezaba un dos proxectos máis arriscados dos existentes no panorama galego: "Miradas Virxes"; pretendía, e conseguíao, poñerlle corpo á imaxinación visual e experimental das novas voces da arte galega. Dilatando o fío destas miradas -axentes interpretativos, rexistros visuais-, o CGAC presenta a mostra "Miradas Cómplices", primeiro elo do que será un programa expositivo anual de catro exposicións que pretenden analizar a súa notable colección.
Miradas de artificio
O CGAC, facendo ambigua a propia definición de centro, posúe unha colección elaborada a partir das adquisicións das diferentes mostras ou compras que se fan na feira ARCO, onde inviste, como todos os anos, 90.000 euros. A dirección desta colección é, principalmente, galega e peninsular, con pequenas pero significativas presencias internacionais. Este tipo de iniciativa que comeza con "Miradas Cómplices" segue a mesma dirección que outros museos, como o Reina Sofía ou MACBA, desenvolven. Supón un comezo de investigación temática, artificio, que recolle obras significativas das diversas coleccións que posúe o centro complementadas coa da galerista madrileña Helga de Alvear.
Desde o faro
A mirada, dedo na paisaxe humana. Esta mostra recolle a obra de numerosos artistas, dous deles galegos, que reflexionan sobre a imaxe, desde o retrato e a identidade. A ollada dun Narciso nas lentes de auga -Duane Michael’s cos retratados en espellos ovalados- e a realidade colectiva de Pierre Huyghe. Trátase, deste xeito, de recoller aqueles artistas que ofrecen un relato de fronte, ollando a faciana, ó cámara, do intérprete, do mensaxeiro. Un relatorio de formas e modos diferentes de analizar este tema, con técnicas e procedementos que botan man da fotografía e o vídeo como xeitos inmediatos de rexistro. Unha chiscadeira ó pasado, á historia da arte, Vick Muñiz elaborando debuxos de caramelo ou con pantóns de cores, mentres outros reviven dispersos o Barroco lumínico de Veermer. A identidade e reconstrucción da nosa presencia queda reafirmada no vídeo de Patricia Dopico, onde a artista rehabilita a súa cara nun espello estalado. San Taylor-Wodd, Alberto García Alix ou Thomas Ruff ensinan o retratado sincerando o seu corpo, a súa mirada; Vari Caramés mira detrás das lentes de cristal húmidas, cando o impresionismo se converte en branco de metal.
A complicidade demandada queda, ó xeito dun camaleón, depositada nos ollos dos visitantes desta mostra. Se ó principio destacabamos que elaborar unha colección non era almacenar, cando saímos, o comisario da mostra Miguel Fernández-Cid, desvélanos que tamén é saber escoller, seleccionar, en definitiva, saber mirar, citando a Allan Poe. Porque unha colección non son as obras, son as súas relacións, as apertas, observar como envellecen, maduran ou respiran; formas vivas que manteñen esperto, ó xeito dun faro, o centro que as garda na paisaxe difusa do contemporáneo.