Muletas de vida
A obra de Carlos Rial descobre xeitos de achegarse ó íntimo; toda a súa producción preséntase como un continuo desvelo cara o interior, pezas de fragmentos, vestixios e metáforas que actúan de autorretratos. Na presente mostra, que recala na galería SCQ de Santiago ata finais de febreiro, revén as mesmas inquedanzas que ven recollendo nos últimos anos, nunha dirección quizais máis sintética e seriada.
Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Carlos Rial é escultor porque está namorado das formas, das texturas; namorado do tacto do mármore, da pel do xeso, preso da conxelada pía dunha igrexa, dos minimalistas torreóns de desexos fronteirizos, mesmo do baleiro de corpos cando quedan presos en moldes de parafina. Porque semella non poder avanzar, non poder evolucionar. O noso escultor leva procesando a súa particular lectura da realidade en pezas acumulativas, preñadas de enerxías e, sobre todo, de memoria, de moitas historias. Do mesmo xeito que artistas como Mona Hatoum ou Rachel Whiteread, acumula unha sorte de narracións de formas evocadoras pero de aparencia fría, inmaculada, hixiénica. Pezas que solicitan atención visual e verbal, onde precisa falar, penetrar ou acariñar.
O outro lado do desexo
A forza, imaxinación e descarnado relato das pezas de Carlos Rial ofrécense como traballos individuais, que modela ou imprime propiedades persoais, ó xeito de fotografías da súa vida. Nas dúas salas desta galería proxecta as súas diversas liñas de traballo escultórico: disxuntivas narrativas entre o representar e presentar. Na entrada unha construcción de ladrillos cuestiona a propia arquitectura expositiva, impoñendo unha nova orde; o visitante penetra nesta estructura de referencias clásicas, cunha planta redonda e remate abovedado. Despois a lectura vólvese dispersa, e nace un artista obsesionado pola comunicación, pola diversificación de elementos e forzas; xerminan as súas obras de seriacións. O escultor recoñécese máis nesta obra que na que lle fai parella na mesma sala: unha acumulación de moldes de goma negra que se amorean azarosos no chan, ó xeito das composicións de Allan McCollum. O prototipo ou o modelo como formas seguras de evolución histórica, porque Carlos Rial comprende a evolución como abortos utópicos de crecemento, por iso creou figuras humanas presas polos pés ou a citada estructura arquitectónica limitada no seu progreso.
As máscaras dun escultor
A paisaxe vólvese plástica, difusa, na segunda das salas da galería. A resposta espacial convértese en bosque, en liñas de chan e teitos que se entrelazan, tensiónanse cos mesmos puntais que se empregan como elementos constructivos no apuntamento das estructuras arquitectónicas. A paisaxe de espacios referenciais transfórmase en paisaxe metafórica, con troncos de metal inmaculados, condicionando o camiño entre eles. O noso escultor, sen pensar no receptor, activa máscaras de simboloxías e metáforas do real, por iso hai tempos pendurou corpos de nenos brancos como se fosen años nunha carnicería, porque quere contar unha historia de incapacidades, sempre persoal e sempre universal. Carlos Rial é escultor, non fotógrafo, por iso retén e sintetiza aquilo que a memoria foi arrastrando, como os restos ou vestixios dun naufraxio.
Valor en alza da plástica galega dos noventa, a súa obra actual reafírmao como un exemplo paradigmático da escultura de formas, procesos e metáforas; porque Carlos Rial ensina xeitos doados, transparentes, de vivir, continuar, resistir, o mesmo que fai o poeta ou o mariñeiro.