"Cousas de mulleres" inaugura o Festiclown de Pontevedra

Desclowntrol

O ridículo é digno. E iso é o que pretenden demostrar os cursos, espectáculos e os pasarúas que ata o día 22 encherán as rúas e os teatros de Pontevedra. É unha nova edición do Festival Internacional de Clown de Galicia, o "Festiclown" que se celebra anualmente en Pontevedra para consolidar a presencia deste saber facer teatral en Galicia.

O pistoletazo de saída


O Festiclown 2001 botou a andar onte coa presentación de "Cousas de mulleres", a montaxe teatral de Os sete magníficos máis un que é o resultado dos cursos de clown que se celebraron en Pontevedra durante a pasada temporada. Unhas clases que correron a cargo da compañía "Good Idea Company". A obra fala sobre o tema da muler sen que a penas aparezan mulleres, un absurdo con final apoteósico.
Xunto a esta exhibición o festiclown tamén comezou co curso de iniciación ó clown, que este ano corre a cargo de Néstor Muzo no Pazo da Cultura. E pola tarde tamén tivo lugar o inicio do curso, pero para profesionais, que imparte Eric de Bont. Neste curso ensinaranse as técncias e o espírito da escola Bont´s School.


Certame galego de Clown e outras actividades


Co inicio do Festiclown tamén comeza o certame galego de Clown, que se celebrará ata o xoves no Teatro Principal todos os días ás oito da tarde. Unha actividade que pretende premiar ás mellores creacións de clown realizadas este ano.
Para esta edición téñense preparadas moitas actividades que seguen unha liña con respecto ó ano pasado. Entre os invitados está Leo Bassi, que do 18 ó 20 actuará no Teatro Principal. Cursos de pantominas, zancos e obradoiros de clown para os nenos completan o programa ata o domingo 22 en Pontevedra.


¿Que é iso do Clown?

"Unha nave de piratas e náufragos que busca construir unha colonia con nariz vermello en terras galegas, porque estamos seguros de que este país está cheo de pallasos con nariz e sen el, e xa vai sendo hora de que saian do armario para rirmos do poder establecido co ridiculo desta sociedade" Deste xeito definen o xénero os carteis que anuncian o Festiclown de Pontevedra. Un saber facer teatral que conxura discurso social e compromiso cunha alternativa de lecer e de grande cualidade, que pretende conseguir un escenario e un público sólido e estable en Galicia.