Hoxe comezan as xornadas de cine máis antigas de Galicia, as XOCIVIGA

Polbo, mentiras e cintas de vídeo

Logo da súa irregular traxectoria, as Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, as Xociviga chegan á súa decimoitava edición. E como unha película que chega con cortes, este ano ten celebración aínda que non se sabe moi ben que acontecerá o ano que ven. Desde hoxe e ata o 1 de agosto, Carballiño acollerá a presentación e exhibicións das principais metraxes galegas.

Programa deste ano


Unha homenaxe ós 50 anos da nouvelle vague, un gran angular, unha sección para nenos e unha etapa adicada ó cinema galego son as principais seccións nas que se compón o programa deste ano. Un programa que conta cun presuposto de 1,5 millóns de pesetas, moi similar á partida dos dous últimos anos. Lonxe quedan aqueles sete millóns de pesetas de presupostos, así como os obradoiros dunha semana, e as proxeccións de estrea; tamén lonxe queda a presencia de directores de altura como Chano Piñeiro ou Carlos Velo. Este ano a programación reduciuse a cinco días, e a asignación de 225 mil pesetas, previstas para premiar as mellores produccións do audiovisual galego foi completamente descartada.


Comida e, de postre, cine


Ademais, nesta edición das Xociviga levouse a cabo unha iniciativa diferente. É o polbometraxe que pretende xuntar nun xantar a numerosos curtametraxistas galegos e, de postre, ver moitas desas creación. O de polbometraxe ven pola sona que ten o polbo á feira en Carballiño. Unha comida encontro que servirá para coñecer un estado da cuestión da situación de cómo elaborar unha metraxe en Galicia.


A historia


As Xociviga naceraon en 1984, como unha experiencia a partires da "Semana do cine" que organizaba anualmente o Cine Clube. E a directiva que rexía este certame constituírase en 1979, o que lle asegurou moitos anos de organización, así como un saber-facer. Así ata 1997, no que a directiva dimiteu o que fixo que un equipo de seis novos afeccionados ó cinema se fixo cargo das Xornadas no 98.