A Cow Parade chega a Vigo para promover a cidade dun xeito atractivo e divertido

Chegan as vacas exhibicionistas

Dúas vacas anticipan o asalto que lle agarda á cidade de Vigo para o vindeiro 14 de abril. Ese día as rúas de Vigo amencerán salpicadas de vacas. De pé, sentadas, pastando e de diferentes cores converteranse en parte da paisaxe urbana da cidade ata finais de xuño. É a Cow Parade, unha exposición a medio camiño entre arte e figura social que chega a Vigo despois de aparecer estar en Nova York, Sydney, Londres, Dublín, Bruxelas e Lisboa. Muuuuuuuu!!!

A día de hoxe, unha ducia de vacas en branco agardan para ser pintadas. É a segunda remesa de vacas (como soporte artístico) que chega desde Polonia para facer parte da exposición máis famosa, extrovertida e social das que se organizan no mundo. Mentres non chegue o 14 e abril, o día no que as vacas asaltarán a cidade, dúas vacas servirán para abrir bocado do que se aveciña. Unha será a decorada por Turismo de Vigo, mentres que a outra está en branco para incitar á creatividade de grandes e pequenos.

O destino das vacas
Mario Ubiaga, representante da empresa de eventos que se encargou de que a Cow Parade chegue a Vigo explica que foi un traballo con moito tempo. “Todo isto comezou en 2004, cando iniciamos as negociacións coa Holding Cow Parade –empresa que se encarga dos dereitos da exposición- para darlle a coñecer a cidade”. Por diante quedarían dous anos de duras negociacións e continuadas viaxes a Londres para amosar que a cidade olívica podería estar ao mesmo nivel que Nova York, Barcelona, Dublín ou Bruxelas. “Ao principio dixéronnos que non, explica Mario, pero e que non sabían nin onde estaba Vigo, nin tan sequera Galicia e foi cando tivemos que dar a coñecer as características da cidade e a súa importancia”. O número de visitantes potenciais, o contorno próximo (sobre todo, o Parque Nacional das Illas Atlánticas), así como o seu nivel de desenvolvemento foron determinantes para que, despois dun “non” inicial, a organización mudara de opinión concedéndolle a Vigo ser unha das recaladas das vacas.

Muxir de xeito diferente
En primeiro lugar, non todas as cidades teñen o mesmo número de vacas. Zurich, a localidade pioneira na que Pascall Knapp inventou o concepto deste animal como soporte artístico, gozou en 1998 de novecentas vacas, Nova York tivo cincocentas, Barcelona unhas cen. “A organización, explica Mario, establece un número de vacas en cada localidade en función do número de habitantes ou de poboación”. No caso de Vigo concedéronlle 35 rumiantes que deberán ser patrocinados por entidades públicas e privadas polo módico prezo de seiscentos euros. A Cow Parade, ademais de ser unha exposición na rúa, é un gran escaparate tanto da cidade, como de cada un dos patrocinadores que “apadriñan” unha vaca.

“O patrocinador, explica Mario, é quen decide onde se colocan as vacas. Ademais, ten unha serie de dereitos como que a vaca se decore coas súas cores corporativas, que teña un deseño artístico e mesmo pode por unha placa na vaca”. Son eles os que poden marcar os puntos e tentaremos chegar a todos os barrrios de Vigo. De feito, rúas e prazas como Príncipe, Porta do Sol, Colón, Policarpo Sanz, Urzáiz, Gran Vía o Montero Ríos, así como Teis, O Calvario ou As Travesas teñen confirmada a súa presenza. En todo caso, a decoración de cada unha das reses correu a cargo dos artistas galegos que formaron parte do concurso de ideas que estivo aberto ata decembro. “En total, explica Mario, presentáronse preto de novecentos bosquexos ata o mes de decembro e foi cando tivemos que pechar a participación porque xa nos parecía un número suficiente”. De momento, non quixo revelar o nome de ningún dos artistas que se encargaron da decoración pero Mario Ubiaga precisou que serán “nomes importantes”.

As actividades paralelas
Malia que a parte expositiva na rúa é o prato forte da Cow Parade, o evento desenvolve máis iniciativas (sempre relacionadas cos rumiantes). No fondo porque a organización pretende “a cultura, o civismo, o turismo son algúns dos valores que pretende fomentar este evento por iso haberá iniciativas que acheguen cada un destes aspectos”.

Os escolares dos 87 centros educativos que hai en Vigo fan parte dun concurso convocado polos organizadores co apoio de El Corte Inglés no que o equipo participante será o encargado de decorar unha vaca. Ademais, os centros educativos participarán en visitas ao “Hospital de Vacas”. Un espazo habilitado no Verbum ao que se levarán as vacas que poidan sufrir algún desperfecto. “Un lugar no que os rapaces poderán aprender a reparar, que esperemos que non teña lugar, algún destes rumiantes no caso de que sexan obxecto de ataque vandálico. Un feito que servirá para educar aos nenos en valores” asegura este membro da organización.

Ademais, unha vez que a parte expositiva da Cow Parade remate, farase unha poxa das vacas cuxa recadación terá dous destinatarios. O 85% do conseguido irá a parar ás ONG’s locais, mentres que o 15% restante será para a Holding Cow Parade.

Restan só dez días para que teña lugar o “day off”, ou o que é o mesmo a noite na que todas as vacas que forman a exposición son trasnsportadas en bolsas polo patrocinador, colocadas no seu lugar para que os cidadán esperten coas rúas salpicadas de vacas. Comeza a conta atrás.