ARCO é un lugar de intercambio, difusión e transacción económica. Pero tamén unha plataforma do mercado e un impulsor deste. De feito, naceu coas miras postas en crear un mercado activo e promover un coleccionismo de arte contemporáneo no noso país. Vinte e seis anos despois, ARCO conseguiu non só estes dous obxectivos, senón tamén o de converterse no panorama internacional, ademais de ser un dos fenómenos mediáticos máis importantes arredor da arte contemporánea.
As novidades
Nesta edición de ARCO vense tímidos avances do que dará de si a partir do 2008, cando se faga visible o estilo marcado pola directora Lourdes Fernández. Aterrou en ARCO no 2006, tomando o testemuño deixado por Rosina Gómez Baeza que foi a encargada de erguer e asentar a feira no panorama estatal e internacional e ten a dura tarefa de marcar unha impronta propia. Isto leva o seu tempo e, de momento, esta edición de ARCO é de transición de cara os cambios destacados que se intúen para o ano que ven malia o hermetismo da súa directora. Agora, un dos seus principais cometidos é o de atender os novos retos do mercado e darlle saída á demanda crecente do coleccionismo (principal e case único sustento das galerías). Por iso, esta edición ARCO recorta o tempo que esta aberto ao público en xeral a favor do reservado aos compradores habituais (léase coleccionistas) que lle dan sentido á feira e non o converten nun museo efémero. Un tempo no que habitualmente se fan o 80% das vendas, como ten asegurado algún galerista a Culturagalega.org a propósito doutra edición.
As claves deste novo ARCO pivotan sobre tres eixes principais: o primeiro deles é a internacionalización. Unha intención que se aprecia claramente nos países convidados a expor os seu proxectos. As miradas oriéntanse agora cara dous mercados emerxentes: Asia e Latinoamérica. Non é casual entón, que Corea e Brasil sexan os dous protagonistas nas edicións de 2007 (Corea) e 2008 (Brasil). O segundo eixe é a necesidade de reforzar a capacidade de ARCO como elemento xerador e dinamizador do mercado da arte prestando atención ao coleccionismo privado nacional e internacional, así como as coleccións institucionais e corporativas pero desde unha óptica diferente. É por este motivo polo que os centros públicos teñen unha menor presenza nesta edición (véxase o caso do CGAC que é a primeira vez que non contará con caseta propia na feira). Por último, aparece unha nova articulación dos contidos artísticos na Feira. Mantense o Programa xeral coa selección oficial da Feira, nacen os Proxectos que engloban as propostas artísticas alternativas seleccionadas por comisarios independentes e permanecen os The Black Box, o formato especializado para ofrecer novas tecnoloxías.
E con todo Galicia en ARCO
Todas as galerías galegas coinciden no obxectivo: hai que ir a ARCO. A feira supón a instalación (entendida aquí como o proceso de crear un espazo propio e efémero como é un stand) máis caro de todos os que montan no ano. Pero tamén o máis rendible. Malia que non hai cifras oficiais do que custa un espazo propio este ano, doutras edicións sabemos que acudir a ARCO pode supoñerlle á galería entre 24.000 e 40.000 euros. Unha cifra nada desprezable. Pero achega tamén outros valores, máis difíciles de cuantificar, como son os contactos e a presenza internacional da galería. Inés Ramiro, directora da viguesa adhoc, explica que o apoio de ARCO é moi importante. Entre outros motivos, porque Galicia non é unha comunidade onde haxa moito coleccionismo e porque as institucións aquí, a diferencia do que pasa noutras comunidades, non nos prestan un apoio destacado. Un sentir compartido polas outras catro galerías presentes: SCQ e Trinta de Santiago, Marisa Marimón de Ourense e Bacelos. ARCO é ese escaparate que precisan unhas galerías cuxa única fonte de ingresos son as compras dos coleccionistas.
Este ano, aínda que de xeito practicamente inapreciable, volveu diminuír o número de galerías estatais en favor das estranxeiras na vontade de atraer coleccionismo chegado de fóra. Con todo, Galicia segue representada con cinco galerías, unha pequena victoria tendo en conta que hai outras comunidades que teñen unha presenza testemuñal. Ademais da importancia de ser seleccionado para poder estar en ARCO, existe outra característica común ás galerías galegas: todas presentan na feira aquelas obras que evidencian a súa traxectoria e o seu proxecto expositivo. É por iso que Mónica Alonso, Antón Patiño, Antón Lamazares, Pedro Calapez e Carmen Calvo son algúns dos artistas que se poden ver a través de SCQ, ou como a través das imaxes de André Cepeda, os mitos confrontados de Suso Fandiño, ou as videoinstalacións de Nano 4814 ou as estéticas propostas de Jorge Perianes podemos comprender o universo visual evidenciado por Ad Hoc. Bacelos volve destacar polas fotografía de Manuel Vilariño (tamén presente coa galería Trinta), Pablo Genovés ou Chema Alvargonzález. Os universos orientais de Pamen Pereira, as cidades reiventadas por Manuel Saiz en A life e a visión de sinuosa xestualidade de Pamen Pereira. E, por último, Salvador Cidrás e Vicente Blanco cos seus estéticos universo e os materiais de Ángel Núñez recolle no traballo desenvolvido por Marisa Marimón.
Jorge Perianes e o seu proxecto
Ademais de todo o citado, cómpre deixar un oco para Jorge Perianes. Este ourensá presenta este ano un proxecto que agocha pensamentos recorrentes en toda a súa obra como a metáfora, a ironía, a perversión e o irónico. Coa conxunción do saber-facer entre as galerías Fúcares e adhoc, Perianes achega unha instalación da súas características e imaxinativas esculturas. Estética coloristas, pulida e, sobre todo, impactante que evidencia a súa meteórica traxectoria.
Inés Ramiro, directora de adhoc, explica que Jorge se presta moito a facer un proxecto destas características. O traballo aínda está a facelo (a entrevista fíxose o martes 13) é moi complexo e representa unha cabeza de home de onde sae un montón de ideas. É un proxecto moi rico en detalles e Jorge traballa de marabilla. Este é un dos apoios máis destacados de Jorge Perianes que conta no seu haber con numerosas exposicións. Estivo no CGAC, no MARCO formando parte da mostra colectiva Urbanitas e o Museo de Arte Contemporánea de León, o MUSAC, xa lle comprou obra. Entre os seus proxectos futuros está a mostra colectiva Esculturismo na sala Alcalá 31 da Comunidade de Madrid, xunto con artistas como Mauricio Cattelan, Takashi Murakami.
A revista ArtNotes na que traballa Natalia Poncela e a que dirixe David Barro, Dardo Magazine, son as publicacións galegas que xunto con artistas como Ángel Cerviño (Galería Sandunga), Antonio Murado (Metta), Álvaro Negro (Carlos Carvalho), repite Francisco Leiro con Malborough e Xesús Vázquez (Siboney) completan a listaxe galega nesta edición de ARCO 07.
Galeria adhoc
Jorge Perianes (Ourense, 1974) Proxecto Desenvolvido en colaboración coa galería Fúcares
Galeria adhoc
Suso Fandiño (Santiago de Compostela, 1971) Fai parte da serie A Dazzling Display Of Talent.
Galeria adhoc
Nano 4814 (Vigo, 1974) Fotograma da videoinstalación Aerosol suicide.
Galeria SCQ
Tatiana Medal - sen título, 2007 - Acrílico sobre tea - 150 x 120 cm
Galeria SCQ
Mónica Alonso - Cor de carne triste 2, 2006 - 172 x 136 x 20 cm
Galeria SCQ
Antón Patiño - Mapa sedentario, 2000 - técnica mixta sobre tea - 130 x 97 cm
Galeria SCQ
Mónica Alonso - Cama amarela para transplante de suicidio, 2007 - 160 x 70 x 46 cm
Galeria SCQ
Antón Lamazares - E vai frío no lume 64, 2005 - 63 x 203 cm
Galeria SCQ
Antón Lamazares - E vai frío no lume 71, 2005 - 63 x 203 cm
Galeria SCQ
Antón Patiño - Anforas e arxila, 2005 - 195 x 150 cm
Galeria SCQ
Tono Carbajo - Pel de vaca en chamas, 2006 - 250 x 417 cm
Galeria SCQ
Tono Carbajo - Distrito 20, planta 15, 2007 - 60 x 100 cm
Galeria SCQ
Tatiana Medal - Sen título, 2006 - 150 x 200 cm
Galeria TRINTA
ÁNXEL HUETE. Saturno en Irak. Mixta s./tela. 162x260 cms. 2007
Galeria TRINTA
BERTA CÁCCAMO. S./T.. Acrílico s./lienzo. 140x140 cms. 2007
Galeria TRINTA
JORGE BARBI. Alminar en Santiago (Instalación dentro do proxecto: "A cidade interpretada"). Fotografía color (1/5). 70x125 cms. 2006
Galeria TRINTA
JOSE FREIXANES. A que camiña sobre cinza. Mixta s./tela. 162x130 cms. 2006
Galeria TRINTA
MANUEL VILARIÑO. Emboscado I. Papel Hahnemuhle s./aluminio (2/5). 110x110 cms. 1998
Galeria TRINTA
MANUEL BOUZO. IN GOD WE TRU$T. Tampón de madeira tallada. 162x40x40 cms.(con vitrina). 2006
Galeria TRINTA
PAMEN PEREIRA. Vista isométrica de la Antártida. Humo s./terciopelo. 132,5x186 cms. 2006
O Centro Galego de Arte Contemporáneo amplía a súa colección nesta nova edición de ARCO. A colección do CGAC está composta por doazóns e adquisicións anuais que leva a cabo a dirección de centro. Tal e como destacan nunha nota de prensa desde o CGAC "trátase dunha colección de traxectorias, non de obras illadas, polo que as adquisicións seguen de preto as traxectorias e as novas producións de artistas que xa están representados nela". Por todo isto, as compras non se deciden no momento, senón son froito dunha decisión previa, debatida e consensuada. O investimento do CGAC este ano en ARCO é de 280.000 euros, que supón un poco máis da metada do orzamento para adquisión de obra. Coas compras desta edición (tanto dentro como fóra de ARCO) preténdese solidar a importante presenza na colección de arte ibérico (España e Portugal) e latinoamericano, estreitar a relación co contexto galaico e cubrir algunhas das lagoas da colección.