O CGAC inaugura Paperback, a mostra coa que se inaugura a vertente expositiva do Proxecto Edición

De cando os libros entraron no museo

O Centro Galego de Arte Contemporáneo inaugura mañá “Paperback”. Unha mostra que converterá ao CGAG nunha atípica biblioteca, porque será un espazo de consulta, lectura, préstamo e distribución de edicións impresas. Pero é moito máis ca iso, é o inicio do Proxecto Edición que suporá a colaboración entre os tres centros de arte contemporánea do país e o inicio da programación deseñada por Manuel Olveira para o centro. Con ela, pasamos páxina.

Desde que se inventou a imprenta, o papel converteuse nun elemento de comunicación. Pero foi tamén un soporte que moitos souberon ver como un espazo de distribución artística. Sobre esta filosofía incide “Paperback” a mostra que comisaría a artista Amanda Cuesta e que reflexiona sobre o papel artístico que desenvolven todas as edicións impresas, desde os libros, ata os carteis pasando polo folletos, catálogos, e outros soportes gráficos dos últimos dez anos. Aínda así, a comisaria quere facer unha precisión que “non é exhaustiva, é só unha pequena mostra dun momento moi prolífico”.

A edición unida pola arte
“Paperback. Edicións baratas” é coherente co espírito rupturista inherente ás obras de arte que figuran nesta mostra. Explícanolo moi ben a comisaria ao dicir que “a exposición rompe coa idea de mostra de libro de autor de corte historiográfico, é dicir, de publicacións que se exhiben nunha vitrina. E digo que rompe porque todo o material é consultable, é adquirible (pódese mercar na tenda e ten prezos asequibles), e mesmo ata hai un servicio de préstamo. Se hai algún libro que che gusta pero que polo seu prezo non o podes mercar, podes collelo en préstamo e levalo para a casa”. Ademais, Amanda Cuesta renunciou ao catálogo e, no seu lugar, decidiu facer un folleto de man gratuíto que funcionará a modo de pequena guía desta innovadora exposición.

Dentro de “Paperback. Edicións baratas” hai dúas liñas. Dunha banda, “Paperworks”, que consiste nunha serie de artistas que teñen un protagonismo especial xa que desenvolven un traballo moi vencellado ao mundo da edición e, da outra tres espazos: “Newspaper”, “Papergames” e “Paperfiles”, que Amanda prefire chamar “salas de consulta, porque o que marcan son uns ritmos de consumo”. A primeira ten que ver coa idea dos media, da noticia, da realidade convertida en palabra impresa. O segundo espazo, “Papergames” é, segundo Amanda, “a parte máis lúdica, é a peza gráfica e a vertente impresa na súa parte máis delirante. Está moi relacionada ao consumo en tempo de lecer. O consumo artístico pode ser ler unha novela deseñada artisticamente ou xogar a un xogo de rol deseñado por un artista... son outras claves”. A terceira zona de lectura é “Paperfiles” que incide na idea do arquivo, da compilación.

A edición no seu contexto
No catálogo da exposición a comisaria explica que “o abaratamento dos sistemas de autoedición e impresión, chegados da man da revolución dixital dos noventa, co ordenador persoal, abriron un mundo para o desenvolvemento e a proliferación das edicións baratas no mundo da arte”. E é aquí onde se centra a mostra, en recoller o traballo rápido, case vertixinoso, de artistas que traballan de xeito doméstico, puntual, con materiais que están relacionados coa edición grazas á evolución tecnolóxica que desacralizou, que trouxo ao mundo do cotiá, o feito de publicar.

Amanda explica que “a revolución que vivimos coas novas tecnoloxías inflúe en todo. No mundo da edición é moi obvio e gran medida ten que ver coa chegada dos PC ás casas, que abarata os custes. Hai tres factores que conflúen e determinan esta efervescencia. En primeiro lugar a facilidade de traballar na era da reproductibilidade técnica na que ti pode ser editor, autor...”. De feito, en “Paperbacks” hai moitas pezas que foron feitas na impresora da casa e fotocopiadas na copistería da esquina. “En segundo lugar, continúa Amanda, hai unha cuestión cultural que ten que ver na influencia dos media. Isto nótase sobre todo en “Newspaper” no que os artistas repensan a relación coa realidade, co noticiable, coa representación desta realidade levado a terreos máis cotiás. “Ademais, continúa Amanda, o terceiro elemento, e xa dentro do discurso artístico, hai un cuestionamento en profundidade dos formatos tradicionais. De feito, a arte que está presente en “Paperback”, non son obxectos, entendidos como pezas únicas, senón proxectos co seu compoñente procesual. Por poñer un exemplo, un folleto pode ser un despregable que ten un póster e que podes incorporalo á túa casa. No fondo trátase de entender como funciona a cultura popular”.

O proxecto Edición
Con “Paperback. Edicións Baratas” iniciase a vertente expositiva do Proxecto Edición que xa leva varios meses en marcha e que pode seguir a través do seu web. O que se inaugura mañá no CGAG e que logo irá ao MARCO e á Fundación Seoane é só unha pequena parte dun proceso que desenvolve actividades como seminarios, encontros, producións e distribucións que se relacionan cunha idea común: a edición. Centrarse na edición significa falar da actualidade, da información e a contrainformación e, por suposto, os dereitos de autor (copyright e copyleft). Temas estes que se analizarán de xeito gradual e que marcan o calendario do centro ata o 2008. Tres anos de traballo no que será a primeira colaboración entre os centros de arte contemporáneo do país: o CGAC, o MARCO e a Fundación Luís Seoane.

Se por algo se caracteriza este proxecto e porque non é unha actividade efémera, senón un programa que se integra no contexto no que se está a revisar o modelo de exposición no noso país, e que xa iniciaron outros centros como “Hangar” en Barcelona, “Arteleku” en San Sebastián, “Centro Párraga” en Murcia e “Medialab” en Madrid.

Un novo director, unha nova impronta
Coa exposición de Alicia Framis “Secret Strike” abriuse o período do Manuel Olveira ao frente do CGAC. Unha mostra que supuxo un cambio de dirección no Centro de Arte Contemporánea máis vencellado á idea de proxecto, é dicir, que as mostras non rematen no momento no que se pecha a exposición, senón que dalgunha ou outra maneira sigan vivas no seu contexto. Para iso, iniciou un diálogo que pretende ser continuado con outras institucións que abren un camiño en común. “En todo caso hai que puntualizar que se trata de coproducións e de colaboracións non de alianzas” dixo o director nunha entrevista concedida a este medio nada máis tomar posesión do seu cargo.

Na nova etapa do CGAC apréciase unha intención por relacionar a arte coa sociedade e haberá que agardar se esta nova proposta supón tamén un reencontro do público co museo despois de que as últimas cifras anunciasen un descenso de visitantes. En todo caso, nesta dirección tamén esta en marcha un estudo de público do centro polo que haberá que agardar por se hai algún elemento máis que marque este novo camiño que xa está en marcha.

Paperback

Paperback

Todo el mundo sabe, 2004. Erick Beltrán

Paperback

Paperback

Doble Feature, 2004. Julia Montilla

Paperback

Paperback

Hangueando. Periódico con patas, nº 0, 2002. Raimond Chaves

Paperback

Paperback

Nueva ola o desencert, 2004. Joan Morey.
Na secuencia vese ao artista coa publicacion

Paperback

Paperback

Nueva ola o desencert, 2004. Joan Morey.

Paperback

Paperback

La Cosa, periódico en cuarentena, 2006. Francesc Ruiz.