O Encontro Internacional de Artistas de Rúa anima hoxe Redondela

Artistas á rúa

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculo
Compartir:

Se xa onte falabamos da celebración da tradicional Festa da Coca de Redondela, hoxe voltamos ata aló para falar dun evento que se organiza por segunda vez dentro das festas do Corpus. O Encontro Internacional de Artistas de Rúa achega ata alameda e as prazas da Constitución e de Santiago nesa vila nove espectáculos e un obradoiro pensados para facerse ó aire libre.

Segunda edición

O primeiro Encontro de Artistas de Rúa realizouse en Redondela en 1996 tamén coincidindo coas festas do Corpus. Daquela ficara un bo recordo e un garnd eéxito de público que levaron a que este ano se repita o encontro. Entre as sete da tarde e as dez da noite poderán verse actuacións de malabares, musicais, humorísticas, de maxia e de monicreques sen necesidade de acudir a ningún local. Será nas proximidades da Alameda, da Praza de Santiago e da Praza da Constitución.


Espectáculos internacionais

A orixe dos participantes neste encontro é do máis variado. Se o grupo Viceversa de malabares chega desde Uruguay e xa ten pasado por Xapón ou Arxentina, o cuarteto El Encuentro de la Flauta reúne a artistas de Irán , Alemaña, Chile e España. De Madrid achégase Jesús Fornies co seu espectáculo circense de malabares que baixo o título "No sólo de fútbol vive el hombre" realiza con pelotas e balóns. A maxia e o humor veñen de portugal con Tony Toom e Getto, nunha actuación na que o ilusionismo é empregado coma excusa para o humor. Estados Unidos estará presente coa actuación de Stuartiny, showman que amosará as técnicas de malabares e Nova Orleáns.



Máis cousas


Un espectáculo de monicreques sobre a emigración de Europa a América e o retorno dos exiliados será a oferta dos Contos de Papel de Mariano Lima. E de América, máis concretamente Arxentina, chega o pallaso Arturello di Pópolo, provinte dunha familia de artistas de circo e que mestura poesía, parodia, maxia e malabares. Unha oferta innovadora é a que trae o grupo Vitate desde Italia, que emprega exercicios asociativos, mesturando texto e improvisación e contando coa participación continua do público. E unha combinación de malabares, maxia, globoflexia e humor é o que trae Pepe-Ciclo. Para os que simplemente son afeccionados a estes artes, estará aberto un obradoiro, coordinado por Mariano Guz. Pelotas, mazas, diábolo, monociclo, bastón e xogos con lume son os exercicios nos que se poderán iniciar os asistentes.

Que che parece esta nova?
16 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Redondela, Espectáculo, Obradoiro, Humor...