A vida de Carme Avendaño será levada ás pantallas por Continental

Unha historia de película

Loitadora incansable contra a droga, punto de mira de moitos narcotraficantes, nai de de drogadictos, fundadora de Érguete, unha das asociacións de axuda ó toxicómano máis activa no Estado...a vida de Carme Avendaño é como un currículo ben completo con moito que contar. E iso é o que pretende narrar a productora coruñesa Continental no seu novo proxecto. Un filme que dirixirá Xerardo Herrero e que protagonizará, se non hai cambios, Adriana Ozorres. E falando de filmes galegos, este mércores, o Coliseo da Coruña acolleu unha pasarela de aspirantes a actores para participar no filme baseado na obra de Manolo Rivas, "O lápis do carpinteiro".

A vida de Carme Avendaño



Cando Carme Avendaño fundou en 1984 a asociación Érguete, por detrás tiña un amplo currículo de actividade social. Un historial que comezou en 1972 cando apoiou a folga xeral dentro de Comisións Obreiras (daquela clandestino) no momento no que este tipo de asociacións eran ilegais. Desde Érguete levou a cabo un duro labor de loita contra o narcotráfico, como presidenta da asociación e como nai con fillos enganchados á droga. Agora, cando sabe que o seu propio periplo se vai levar ás pantallas, traballa co director, Gerardo Herrero, para ultimar e procurar reflectir no guión coa maior exactitude posible á presión que estivo sometida durante a súa vida.


Continental Produccións


De momento non hai datos concretos sobre a producción. Sábese que se rodará en Vigo ou nas vilas de Cangas ou O Grove e que comezará a grabarse no mes de abril próximo. Continental Produccións leva máis de dúas décadas traballando no audiovisual galego. No seu haber figuran máis de cinco longametraxes, varias produccións para TVG, máis de 400 anuncios publicitarios e numerosas coproduccións (entre elas destacan as realizadas con Ken Loach nos filmes "Terra e liberdade" ou "O meu nome é Joe").


Máis citas co audiovisual

As produccións audiovisuais galegas seguen estes días. Mentres Continental ultima os detalles para elaborar o guión sobre a vida de Carme Avendaño, o Coliseo da Coruña convértese nun improvisado casting. Durante a tarde do mércores realizáronse as probas a todos aqueles que queren participar na película "O lápis do carpinteiro" baseada na obra de Manolo Rivas que ten o mesmo nome. Unhas probas que tiñan como único requisito ter unha idade comprendida entre os 0 e os 80 anos.