O CGAI premia "Coruña Imposible" como mellor curta galega da década

Coruña posible

O Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) seleccionou a curtametraxe do realizador ferrolán Paco Rañal "Coruña Imposible" coma a mellor curta galega da década. A elección produciuse no marco da conmemoración dos dez anos de existencia do Centro.

Enquisa


A enquisa que deu como gañadora esta curta foi realizada polo CGAI entre dezasete críticos cinematográficos galegos. De todos eles, oito votaron a favor de "Coruña imposible", que só superou por un voto á "O Matachín" de Jorge Coira. Os resultados desta consulta vén de ser editada na publicación "Imaxes dunha década" 1991-2001 que recolle os dez anos de traxectoria da institución. Ademais de "Coruña Imposible", os críticos consultados escolleron os filmes "Sin perdón" de Clint Eastwood, "Tren de sombras" de José Luis Guerín e "Sei quen es" de Patricia Ferreira coma as mellores longametraxes a nivel internacional, español e galego respectivamente.


Méritos


Eduardo Galán, un dos críticos que participaron na votación, sinalou que a curta "é probablemente a obra audiovisual máis virtuosa que se fixo nunca en Galicia", cun destacado traballo de planificación, un bo traballo de cámara e un tratamento iconográfico moi traballado. Galán lembrou que a película xa recibira destacados premios en festivais internacionais coma o de Nova York.


O filme





"Coruña imposible" narra a historia dun home que unha mañá esperta e aparece no medio da Praza de María Pita na Cidade Herculina en panos menores. Todos os seus intentos de fuxir e de voltar á súa casa lévano irremisiblemente de xeito surrealista á mesma praza da que quere fuxir.