130 promotores culturais asistirán durante cinco días as representacións das 25 compañías de Teatro

Catálogo teatral en acción

A IX Feira do Teatro encherá, do 6 ó 10 de marzo, sete escenarios composteláns coas obras de vinteún compañías galegas e catro alleas á comunidade. A feira tenta consolidarse como o escaparate que posibilite a contratación das compañias en circuitos nacionais e internacionais. Nesta edición a feira comeza a súa andadura con dúas novidades como son a inclusión na Coordinadora de feiras de Teatro do Estado Español, e a presencia dun grupo de teatro portugués, a Companhia de Teatro de Braga, ademais de presentar catro obras en estrea.

O escenario-escaparate


As representacións contarán coa importante presencia de 130 promotores, distribuidores e programadores culturais, tanto de Galicia como do resto de España, de Portugal, ou mesmo algún de Arxentina. A posibilidade de conseguir contratos de actuación para as compañias é o obxectivo principal desta feira, pero o público en xeral tamén poderá asistir a todas as representacións cunha entrada dun prezo único e moi asumible de 300 pesetas. Na derradeira edición seis dos grupos presentados conseguiron asinar contratos durante o desenvolvemento da feira.
Catro das compañías galegas elixiron o marco desta feira de teatro para a estrea absoluta de cadansúa montaxe. Teatro Galileo estrea "Caprichos de Cervantes", e o mesmo fan Ollomol Tranvía con "Policía", Talía Teatro con "Dakota" e Títeres Cachirulo con "Artur e o enigma".


Compañias participantes


As outras compañias galegas participantes son Balea Branca, Teatro do Noroeste, Produccións Librescena, Teatro do Morcego, Casa Hamlet, Pífano Teatro, Teatro do Atlántico, Teatro da Lúa; Trompicallo, Teatro do Aquí, Mohicania, Manivela&Galería, Quinquilláns, Espello Cóncavo, Uvegá, Sarabela e Pilar Pereira. Do resto do territorio español estarán presentes La Tirita (Ávila), Teatro del Norte (Asturias), e Al Suroeste (Badaxoz), ademais da devandita Companhia de Teatro de Braga (Portugal).

A movilización dos trescentos profesionais da escena teatral implicados plasmarase nunha nada despreciable cifra de 34 horas de teatro en cinco días. O Salón Teatro convertirase durante eses cinco días no centro neuralxico organizativo da Feira, ademais do uso escénico, que compartirá co Teatro Principal, Teatro Galán, co Auditorio de Caixa Galicia, a Sala Nasa e a Sala Sant-Yago, espacios ós que se sumará a Plaza da Quintana para a representación dunha obra de teatro de rúa a cargo de Quinquilláns.



Consolidación

Coa celebración desta novena edición da Feira de Teatro de Galicia o IGAEM (Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais) considerá que a consolidación desta cita xa é un feito probado. O director da feira, Rubén García, así o afirmou na presentación ante a prensa, e fixo fincapé na inclusión desta feira, por primeiro ano, na Coordinadora de Ferias de Teatro del Estado Español, unha plataforma na que están presentes outras 12 feiras de dez comunidades autónomas máis.

O presidente do IGAEM, Amado Rincón, tamén se pronunciou na mesma liña, ademais de suliñar a calidade das compañías galegas que presentaban as súas montaxes e de todos os profesionais da escena teatral en Galicia. A apertura do norte de Portugal para o teatro galego, coa presencia de programadores culturais desa área, foi un punto que tamén quixo resaltar Amado Rincón desta IX Feira de teatro de Galicia.