Logo de se celebrar onte en Compostela, os actos do Correlingua rematan hoxe en Ourense, logo de visitar esta actividade Lugo, o Salnés, Narón, A Coruña, Pontevedra, o Baixo Miño e Vigo. Mentres, na Coruña presentábase onte o volume Memoria Incompletas de Lorenzo Varela que se repartirá o vindeiro martes con La Voz de Galicia. Tamén na Cidade Herculina dábase a coñecer a Festa da Cultura, que por segundo ano consecutivo percorrerá as rúas da cidade vella visitando lugares destacados para a cultura do noso país, simultaneando o percorrido con música, lecturas e outros actos. En Ferrol o coro Toxos e Froles continúa coas actividades de inauguración da súa nova sede, un programa que minguou como sinal de dor polos traballadores falecidos no estaleiro Navantia. Pola súa banda, o cineasta Xan Leira presentaba onte en Vigo a curtametraxe Lembranzas de Lorenzo Varela, un documental que recolle os testemuños de diferentes persoas que coñeceron directamente o autor homenaxeado.
Máis información en Galicia Hoxe sobre o correlingua e sobre a curtametraxe; en La Voz de Galicia sobre as Memorias incompletas e sobre o percorrido cultural; en Diario de Ferrol sobre os actos do Toxos e Froles







