A AELG e o Concello de Santiago veñen de presentar As chaves de Compostela, un conxunto de vinte postais das que distribuirán trinta mil unidades de balde. As postais mostran vinte pechaduras diferentes de vellas portas da cidade e en cada unha delas hai tamén un fragmento en galego e inglés dunha obra de outros tantos autores e autoras. Anacos da literatura de Castelao, Xela Arias, Pilar Pallarés, Rosalía, Vidal Bolaño, Antón Avilés, Celso Emilio ou Ferrín entre outros, fan de chave literaria a cada unha das fermosas pechaduras compostelás. Esta acción postal promovida pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Concellaría de Cultura de Santiago busca reflectir a vizosa relación da literatura galega coa capital.







