Segundo informa a Asociación de Escritores en Lingua Galega a intervención de Jaureguizar na librería lusa Orfeu en Bruxelas este sábado versará sobre a ínfima repercusión que a literatura galega acada en Portugal, malia as ligazóns culturais e lingüísticas. Esta conferencia do escritor gañador do premio Xerais 2003 chega nun momento no que os xornais empezan a amosar interese por amosar a faciana cosmopolita e bo momento creativo do que goza a narrativa do noso país. O escritor tamén foi convidado polo Centro de Estudos Galegos da Universidade de Cáceres a participar nas xornadas A literatura galega contemporánea dende a perspectiva editorial onde Jaureguizar falará o luns 22 sobre ¿De que falamos cando falamos de narrativa galega? debuxando o panorama dunha literatura ben desenvolvida e homologábel á de calquera outro país no ámbito creativo, pero que enfronta atrancos no plano práctico.







