O amor e pezas de obras clásicas son as apostas teatrais para hoxe en Galicia

Amor e odio

As apostas teatrais enchen estes días os escenarios de toda Galicia. Amor, odio, sainetes e obras clásicas diversifican as tramas dos guións que se representan en toda Galicia. Así, mentres en Ortigueira se desenvolve un ciclo teatral de obras de autores clásicos, Compostela acolle o realismo e a sátira da man de "Manivelas Produccións·". Pola súa banda Padrón continúa coas representacións do seu grupo de teatro e en Vigo "Teatro Espido" recrea a atrocidade e a violencia do poder.

De clásicos



Rojas, Shakespeare, Calderón de la Barca, ou Miguel de Cervantes son os autores que se representará no ciclo de teatro que se desenvolve en Ortigueira. Coa organización do Concello de Ortigueira, dende o pasado domingo ata o mes de xuño, o Teatro da Beneficencia servirá de base para a múltiple representación de eventos que está programada. O ciclo continúa o próximo sábado día 20 coa representación da Escola Obradoiro Equus de Miño que representará a comedia "Non se chora" de Roberto Cossa. O 23 de febreiro "Teatro do Noroeste" ofrecerá "A Celestina", o 30 de marzo "Sarabela Teatro" fará o propio con "A vida é soño" e "Caprichos de Cervantes". O ciclo rematará o vindeiro 29 de xuño coa representación de "Pífano Teatro" e "Breve encontro".


Sátira e realismo



A comedia e a sátira daranse cita noTeatro Principal de Santiago hoxe e mañá coa obra "Compañía". Unha obra que expón a situación dun matrimonio no que o home coñece a unha muller que, gustándolle tanto plantexa a posibilidade de vivir os tres xuntos. O que desencadea unha serie de conflictos e de historias. Unha representación que corre a cargo de "Manivela Teatro", a compañía formada por Rosa Álvarez, Mabel Ribera e Ernesto Chao, máis coñecidos pola súa participación en "Pratos combinados". A obra que se leva os escenarios, e que se estreou o ano pasdo na Mostra de teatro de Ribadavia, é do autor arxentino Eduardo Rovner. Un dramaturgo de prestixio en hispanoamérica aínda que non moi coñecido en España.


Do drama ó odio

O grupo de teatro de Padrón continúa coas súas representacións, aínda que esta vez prepara para a pascua "Arsénico por Compasión". Este grupo de teatro vén de escenificar "A vinganza da Petra", versionando a obra de Carlos Arniches que satirizaba as relacións matrimoniais, que incluían versións musicais de canción de autores moi coñecidos. E todo mentres hoxe no Auditorio de Vigo,"Teatro Espido" recreará a violencia e a tiranía derivada do abuso do poder baseándose no texto do francés Alfred Larry.