Ismael González levará ó cine a obra de Neira Vilas "Memorias dun neno labrego"

Gravando nas memorias

Metros e metros do celuloide pretenderán este ano retratar a figuras reais e ficticias da nosa cultura. Por un lado, cando se cumplen corenta anos da saída ó prelo de "Memorias dun neno labrego", a obra máis internacional de Neira Vilas, as aventuras e desventuras deste "ninguén" serán levadas á pantalla grande. E pola outra banda, os alumnos de Imaxe e Sonido preparan un documental sobre a figura de Xosé María Pérez Pallarés.

Un ninguén famoso



"Eu son Balbino, un rapaz da aldea, coma ti dis, un ninguén" así comeza a obra de Xosé Neira Vilas que este ano pretende ser levada ó cinema. A idea sae de Ismael González Díaz (Carballiño, 1939) que leva anos acariñando esta idea. De feito, o ano pasado obtivo unha axuda da Xunta de Galicia valorada en 17 millóns (a película custaría uns 129 millóns) pero que perdeu por "un problema de papeleo". Ademais, a Televisión de Galicia tamén está interesada na producción do filme. Polo demais, na elaboración do guión participaron, ademais de Ismael González Díaz, o propio Neira Vilas e o catedrático da Universidade de Madrid.
Por outra banda, este ano cúmplense corenta anos da primeira edición de "Memorias dun neno labrego" a cargo de Follas Novas (a editorial que fundaron o propio Neira Vilas e a súa muller Anisia Miranda). Catro décadas despois imos xa pola vixésima edición ademais de ser traducidas a chinés, brasileiro, ruso ou italiano. Todo un éxito para "un rapaz da aldea".


Conxuro inmortalizado


O conxuro que Pérez Pallarés escribiu para unha gran queimada que se fixo no Escorial son o eixo central do documental que alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Coruña realizan en homenaxe a este poeta. Xosé María Pérez Pallaré é un poeta ferrolano que produciu unha extensa obra, aínda que a súa maior parte permanece inédita. Poesía sinxela, sonora, popular de raigame galegas que se presenta asímesmo "O Segrel" como tamén se lle coñece, cheo de vivencias mariñeiras e labregas.