O patrimonio dos palcos

Unha investigación do INCIPIT revela as singularidades destas construcións que inzan a paisaxe rural galega

9/2/2026 | Santiago. Xermán Hermida | Seccións: MúsicaPatrimonio

Palco de Santa Eufemia de Oza (Teo)

Cara a finais dos anos 60, uns elementos inéditos comezaron a se incorporar á paisaxe galega. Nos campos da festa, un novo modelo de palcos da música comezou a inzar o noso país, a se adaptar aos xeitos de celebrar as festas locais. O seu reinado, non entanto, non duraría. En pouco máis de vinte anos, estas características construcións perderon o seu sentido ante as mudanzas no formato das orquestras. Agora, un estudo do Instituto de Ciencias do Patrimonio analiza estas estruturas e aborda o que nos poden ensinar sobre a nosa sociedade.

Que che parece esta nova?
376 lecturas 2 reaccións
Compartir:

O pasado 2023 presentábase ao público o comezo do proxecto PALCOS. Cultura material e festa na paisaxe rururbana galega. Este proxecto do Instituto de Ciencia do Patrimonio do CSIC (Incipit) quería "localizar, documentar, catalogar e estudar" os palcos construídos a partir dos últimos anos 60 no noso país. Segundo apunta a presentación da iniciativa "unha das hipóteses de partida é que os palcos da música son trazas materiais na paisaxe que encarnan a vida en comunidade que se tece ao redor da festa. A súa presenza no campo da festa de moitas parroquias galegas -aínda que xa non se usen e se convertan en ruínas- testemuña os cambios nos ecosistemas sociais, económicos e culturais dos territorios nos que se sitúan". 

No seu momento, este tipo de construcións supuxo unha ruptura a respectos dos palcos máis tradicionais, abertos e de feitío redondeado, que predominaran no país desde o século XIX. Segundo lembra o antropólogo Íñigo Sánchez Fuarros, coordinador da iniciativa "a idea do proxecto é traballar sobre todo os palcos de música que foron construídos durante o 'desarrollismo' estatal, entre finais dos anos 60 e principios dos 70. É o momento no que o formigón, os bloques e estes materiais baratos de construción comezan a se popularizar". Foi nos anos noventa cando chegaría o declive deste tipo de estruturas, nun momento no que as orquestras pasaron a apostar de xeito xeral polos escenarios portátiles con todo o equipamento de luces e de son incluído.

Liñas de traballo
O proxecto artellouse en tres liñas de traballo, a primeira das cales elaborou un catálogo colaborativo que recolle máis de 320 destes elementos, a listar xeolocalizacións, estados de conservación, usos actuais e outros datos. Malia a se centrar no período indicado, "na base de datos aparece tamén algún anterior que subiu a xente, xa coa tipoloxía máis clásica, redondos e feitos de pedra". A estas recollidas sumáronse medicións e documentación dunha selección destas pezas, ao que se engadiu a investigación etnográfica de casos concretos e a análise dos datos recollidos. Finalmente, realizáronse encontros de participación cidadá arredor destas construcións e iniciativas artísticas como o proxecto  fotográfico Caixas de Música, de Luís Díaz Díaz, ou a instalación multimodal Arqueoloxía da festa, coa participación da artista sonora Matilde Meireles. que se puido ver na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Definir un palco
A partir dos datos recollidos faise posible apuntar as características que definen este tipo de construcións, aínda que "non conseguimos atopar un palco cero que dese orixe á tipoloxía", recoñece Sánchez. "Algo que nos pareceu moi interesante é a uniformidade dos palcos e os seus paralelismos con outro tipo de construcións que atopamos no rural galego da época, desde as marquesiñas do autobús ata os sitios para gardar cousas", con semellanzas en material ou en deseño. Para comprender esta feitura máis ou menos uniforme "pode haber varias teorías. Pódese explicar desde a interpretación de que esa forma responde á idea dun escenario de teatro, que proxecta o son e focaliza a ollada do público cara ao que acontece alí enriba. Tamén desde o punto de vista arquitectónico é un deseño moi sinxelo, tres paredes e un teito". Deste xeito, un palco galego tipo tería unha estrutura de caixa elevada e aberta pola parte frontal cara ao campo da festa. "Está construído con materiais modestos e, polo xeral, na parte inferior ten un espazo para gardar elementos para a festa. Adoita ser unha construción funcional, sen moita pretensión estética, e de feito atopamos moitos palcos que están sen rebocar. As escaleiras de acceso habitualmente sitúanse por diante, aínda que hai algúns que as teñen por detrás", lista o coordinador da iniciativa.

A expansión
Para comprendermos os procesos que acabaron por encher de palcos a xeografía do país cómpre ter en conta varios factores. "A parte que nos falla aínda no proxecto é elaborar máis a información cualitativa. En varios obradoiros que fixemos apareceu certa idea de que na construción destes elementos funcionou o patrón de competición entre parroquias. Se a parroquia veciña facía un, tamén o querían nesta. Hai que pór ese período no contexto socioeconómico do momento no país" marcado pola emigración, coas as súas remesas e por un período de crecemento, explica Sánchez. Alén das semellanzas morfolóxicas "é certo que cando se comeza a popularizar este tipo de construcións van aparecendo diferenzas entre uns e outros. Aínda que non temos datos para confirmar a hipótese, existen zonas nas que vemos modelos que se repiten, non sabemos se porque foron feitos pola mesma persoa ou porque se empregaba un tipo establecido". En canto á ornamentación, polo xeral inexistente ou escasa, "atopamos casos como o de Oza, en Teo, onde se instalou unha lira que estaba no palco antigo", da tipoloxía anterior. "Nalgúns casos atópanse eses adornos cun carácter máis retro. Logo tamén hai exemplos de innovación vencellada á creatividade local" como é o caso do Palco da Cerneira, en Valga, que acolle plantas, cadeiras e adaptacións para o seu uso como espazo de encontro.

A contorna do palco
O palco en si relaciónase co seu contexto inmediato, e non se sitúa en calquera espazo. "Polo xeral ocupa un lugar central no campo da festa, aínda que non sempre acontece. O arquetipo é atopar o palco onda a igrexa e o cemiterio, resulta o máis habitual", advirte o antropólogo, o que evidencia a importancia desta construción para a comunidade. "Nalgúns casos é certo que se o palco e o campo da festa se sitúan fora da vila", recoñece. "Na base de datos coa que traballamos identificamos os elementos materiais típicos do campo da festa, e vemos que no centro adoita estar a igrexa, o cruceiro, o palco, o cemiterio e, ás veces, o local social ou a parada do autobús. Non todos os elementos están en todos os lugares, pero palco, cruceiro e igrexa son os clásicos". Isto muda tamén "cando aparecen os novos campos da festa, pensados para os camións das orquestras, que xa non adoitan ter palco" e que en moitas ocasións se trasladan a outras áreas das aldeas.

Do colectivo ao concello
Outra característica das construcións "máis inmaterial, e das máis importantes, é que son froito dun esforzo colectivo", lembra este investigador. Malia a que en moitos casos este carácter tamén se dá no terreo no que se asentan e no propio campo da festa, Sánchez sinala que "en moitos dos casos o terreo do campo pertence á Igrexa. En Portomouro, no Val do Dubra, varios veciños eran propietarios e cederon a terra para o facer, e agora é de xestión municipal". Esta mudanza na responsabilidade sobre o espazo deuse en máis lugares, segundo lembra o investigador. "Cando visitamos Sober, onde o alcalde nos fixo un tour polos palcos do lugar, atopamos varios que tamén eran xestionados polo concello". Na mesma liña, nas parroquias compostelás do Eixo e de San Marcos existen dous casos singulares. Estes palcos "foron construídos polo concello de Santiago. Teñen semellanzas e pódese ver neles a man do arquitecto municipal. Son construcións máis tardías, xa dos primeiros anos 2000", cando o modelo estaba en pleno declinio. Malia á súa tardía construción "o do Eixo aínda se emprega para a misa, pero tamén para a actuación do dúo durante as festas", lembra este antropólogo. 

O abandono
E é que, malia ás mudanzas no xeito de facer a festa e nas necesidades das orquestras, os palcos non ficaron totalmente abandonados. De feito, en 119 casos dos rexistrados polo proxecto, estas construcións continúan a se empregar para eventos festivos, "xa sexa para celebrar a misa, acoller unha foliada, ser escenario da banda que ameniza a sesión vermut" ou mesmo a recibir aínda as orquestras da verbena, segundo establece o proxecto. "Curiosamente, é máis habitual que as bandas toquen diante do palco, non dentro. Non sei se é por non subir todo o material. No de Boqueixón, que é do formato antigo, si o empregan", advirte Sánchez. Fronte a isto outros 117 casos aparecen como "fósiles", é dicir, sen uso, aínda que pode ser que se continúen a coidar e manter en boas condicións. Cincuenta e cinco casos mais rexístranse como "reapropiados", é dicir, que se empregan para usos diferentes ao orixinal. Nesta categoría inclúense "un dos máis habituais que é servir como punto de encontro para a mocidade", explica o coordinador do proxecto. Canda a este, "o de almacén é un dos reapropiamentos máis habituais" para estas construcións na actualidade, "e mesmo temos algún que se emprega como refuxio para ovellas". A etiqueta abrangue tamén aqueloutros que se empregan como lenzo para graffitis, como é o caso do de Nogaledo, no Barco de Valdeorras.

Palco de Santa Eufemia de Oza
1/11
Palco da Cerneira, Setecoros (Valga)
2/11
Palco de Portomouro (Val do Dubra)
3/11
Palco de San Cristobo do Eixo (Santiago de Compostela)
4/11
Palco de Nogaledo (O Barco de Valdeorras)
5/11
Palco de Casal do Eirigo, Setecoros (Valga)
6/11
Palco de Bugallido (Ames)
7/11
Palco de Amio (Santiago de Compostela)
8/11
Palco de Couso (A Estrada)
9/11
Palco de Oca (Ames)
10/11
Palco de Zarracós (Lalín)
11/11

Usos alternativos
Coma estes, non faltan exemplos de empregos alternativos para estas construcións. "Un caso moi curioso que nos contaban é da zona de Monterroso, onde o palco se usaba nos enterros. A capela era moi pequena e colocábase o cadaleito e o cura sobre o palco", sinala o antropólogo. "En Sober atopamos que varios no inverno eran empregados por grupos de cazadores para xantar ou tomar o almorzo, mesmo a facer fogueiras diante. O de Zarracós, na Merca, emprégano para as clases de baile ou de pandeireta, e na zona de Lalín atopamos un que se transformou nun local de ensaio para a banda de música. O de Casal de Eirigo, en Setecoros (Valga), adaptouse para se empregar como centro sociocultural". 
Fronte a estas reutilizacións orixinais, existen casos nos que, dun xeito máis achegado á súa función primixenia, os palcos reutilízanse para concertos e festivais alén das celebracións parroquiais. É o caso do estradense de Couso, o de Portomouro, que acolleu o festival Meigas Rock nos primeiros anos 2000, ou de Bugallido (Ames), "que ten unha asociación moi activa", apunta Sánchez. No de San Xoán de Fecha, aCentral Folque organiza o festival O Fechiño arredor do patrimonio de petróglifos da zona. "Tamén o festival Agrocuir de Monterroso o emprega para as súas actividades como un lugar central". 

Un patrimonio a debate
O interese da veciñanza por estas construcións contribúe en moitas ocasións a dotalas dun valor que non ten correspondencia na súa consideración legal. "Se ollas esta cuestión desde os discursos autorizados, non se consideran patrimonio. De feito a Xunta, dentro das medidas contra o feísmo, inclúeos como elementos a eliminar", advirte o coordinador desta iniciativa. Ao abeiro disto, "vemos tamén propostas para transformar os palcos noutras cousas, cubríndoos con madeira ou póndolles unha pérgola para que a xente se puidese sentar nel". Deste xeito, "o interese patrimonial que teñen é o que decide a comunidade. Teñen un valor afectivo e simbólico para parte dela. Atopamos xente que posúe unha ligazón emocional co palco por o teren feito os seus pais e avós". O palco de Amio, en Santiago de Compostela, que a veciñanza pinta cada ano con ocasión das festas, amosa este interese. Non entanto, a complexidade das relacións con estas estruturas chega a ser tamén motivo de debates no seo das comunidades. "En Pareizo (Lalín), había un conflito entre xente que o quería manter e outros que o querían derrubar para ampliar o campo da festa. O de Portomouro está aí e non amola. Non se lle dá uso pero non se quere tirar porque fica como un recordatorio do que se viviu alí", lembra Sánchez.

As perdas
Malia a se trataren de construcións recentes e que en moitos casos existe interese en que se manteñan, "atopamos en varios concellos constancia de palcos que xa non están. Mesmo documentamos dous casos, en Pareizo e en Portumeiro, no Val do Dubra, que desapareceron mentres elaborábamos o proxecto. Este último xa non estaba cando lle fomos facer a planimetría, tirouse porque era un perigo polo seu estado". Canda a estes lembra casos de situacións de risco para estes bens como o de Morgadáns, no Val Miñor, ou o de Oza, en Teo, onde "existe desde hai anos un expediente para o derrubar, que ao final non se executou por mediación da Igrexa". En total, a base de datos do proxecto recolle 32 casos de palcos "lembrados", que só se conservan nas memorias da veciñanza ou rexistrados en fotografías e documentos.

O futuro
De cara ao futuro destes espazos, Íñigo Sánchez sinala que "As posibilidades de reutilización son infinitas" e que "un palco está vivo cando ten unha comunidade viva á súa volta. A falar a un nivel especulativo de como se poderían reutilizar, está a idea dunha festa máis sustentable que pode vencellarse á recuperación destas estruturas que xa están feitas, sen necesidade de facer algo novo. A dimensión do palco pode dar a idea dun modelo de celebración máis vinculado á comunidade do que o que se desenvolve na actualidade". Canda a isto, "tamén se pode dar esa revitalización sen que sexa dun xeito tan literal. Na exposición que artellamos no proxecto, Arqueoloxía da festa, tamén activamos un palco sen estar aí", mediante a documentación do mesmo e a intervención artística. No marco desta iniciativa "falamos coa comisión de festas de Portomouro e lembran que o último que se celebrou no palco foi unha sardiñada en 2015, unha vez que a festa xa pasara para o novo campo. A raíz deste proxecto falaban de facer de novo esa actividade". 

 


 

Que che pareceu?
2 reaccións
Difunde a cultura galega:
Axuda a difundir a cultura galega

A cultura na verbena

Ver serie completa
14/12/2023

A historia dos sons do torreiro

Unha exposición pioneira repasa na Biblioteca de Galicia a evolución das orquestras de verbena

11/07/2023

Unha investigación do CSIC analizará os palcos da música

Centrarase nas estruturas construídas a partir dos anos 70 por todo o país

20/05/2013

O grupos asaltan as verbenas

Dúas iniciativas buscan integrar as bandas galegas nas programación festivas deste verán

05/12/2012

O folk volta ao campo da festa

Diferentes grupos reivindican o son de murgas e de concertinas para o folk galego

26/03/2012

Ollando para a orquestra

A primeira análise sobre o mundo das orquestras amosa un sector dinámico e con carácter diferencial

20/12/2011

Amosar os palcos da música

Un blog inicia o proxecto de documentar estas construcións, en moitos casos abandonadas

Do mesmo ámbito