Amosar os palcos da música

Un blog inicia o proxecto de documentar estas construcións, en moitos casos abandonadas

| Santiago. Xermán Hermida | Seccións: Música
Compartir:
Palco da música de Aldán (pendente de catalogar)

Palco da música de Aldán (pendente de catalogar)

Están aí, en calquera vila. No medio da alameda, no campo da festa, quedos e calados na maior parte do tempo. Os palcos da música fan parte dun patrimonio que respondeu a unha época moi concreta e atópanse, en moitos casos, en desuso. Para tiralos da súa invisibilidade, dous afeccionados de Salvaterra de Miño botaron a andar un blog no que tentan documentar polo miúdo estes bens e que está aberto á colaboración dos interesados.

Palco de Ribadeo
1/5
Palco de Barciademera
2/5
Palco de Amorín. Tomiño
3/5
Detalle do palco de Ferrol
4/5
Galería: Palcos da música
5/5

Houbo un tempo no que as bandas de música e os grupos de gaiteiros eran un elemento fundamental e case único en toda festa. Canda a eles, as alamedas e os paseos supuñan o eixe da vida social en cidades e vilas. Co tempo, a aparición de novos espazos para a música, a chegada de orquestras e a mudanza de hábitos de ocioderon na decadencia para moitos destes espazos, que hoxe teñen en moitos casos o seu único día de emprego anual na celebración da festa parroquial. Segundo explica Félix Rodríguez Mirinho, un dos promotores da iniciativa "ao ser eu músico afeccionado, sempre me chamaron a atención os palcos, e desde hai tempo estou tirándolles fotos. Aí atrás comentei cun amigo arquitecto a idea de facer un catálogo e pareceulle estupendo".

O catálogo
Deste xeito, púxose en marcha un espazo web que, aínda que polo momento só recolle dez destes elementos, quere ir medrando e completar o maior número posible destes elementos. O protocolo de documentación destes bens céntrase na realización dunha foto xeral, varias de detalle, como placas ou inscricións onde figuren o ano ou elementos peculiares do teito ou laterais e algunhas do contorno para contextualizar a construción. A isto engádese unha pequena descrición do elemento e do lugar no que está instalado e, en poidendo, indágase se aínda ten uso ou se a actual construción substitúe unha anterior. “No de Candeán, por exemplo, o que hai agora substitúe un que existía antes”. Non existen polo de agora previsións de por onde vai seguir a se incorporar nova documentación. “Facemos isto porque nos gusta e imos tirando as fotos segundo tropezamos cos palcos, moi poucas veces fomos a propósito a un lugar a facer fotos, aínda que eu teño algunha viaxe pendente”, advirte Mirinho. Os promotores teñen, para alén dos incluídos nestes catálogo, unha boa colección destes bens fotografados e localizados, e contan con ilos incorporando ao proxecto. Para mais, a iniciativa está aberta á colaboración de todos os interesados, de xeito que é de agardar que, aos poucos, se poida ir construíndo un completo catálogo de palcos.

Variedade e emprego
“Hai moita variedade. Atópalos con teito, sen teito, octogonais, cadrados ou mesmo con teitos circulares, como o de Betanzos”, lembra Rodríguez. “A maior parte son de comezos do século XX pero, como en Catoira, hainos moi recentes”. Persoalmente gústanme moito o de Barciademera, e o de Aldán”. O proxecto céntrase no tipo de palcos da música abertos por todas as bandas e pensados orixinalmente para bandas e formacións semellantes. “Os palcos da festa xa modernos, de dúas alturas non entran no catálogo. É curioso porque en moitas ocasións empréganse mesmo menos do que os outros. Hai pouco falei cunha rapaza que tocaba nunha banda de música que lembra perfectamente tocar no palco de Tomiño. Pregunteille por que non tocaban no palco grande e dicía que porque soaba moi mal así que aínda tendo un palco grande, van para o pequeno”.

Denuncia
Para alén de catálogo, o proxecto quere ser tamén unha chamada de atención. “Sobre todo queremos amosar o estado actual dos palcos que pensamos que en moitos casos se actúa con eles moi mal, algúns desaparecen porque si, ou múdanse de lugar, tíranse do medio para polos nun recanto, e en ocasións están moi deteriorados”. Mirinho lembra que este tipo de construcións existen en boa parte do mundo, e que é importante “comprender a vertente internacional que teñen estas construcións, como mostra dun xeito de vida e de entender a música”.

Que che parece esta nova?
372 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

A cultura na verbena

Ver serie completa
O patrimonio dos palcos

O patrimonio dos palcos

Unha investigación do INCIPIT revela as singularidades destas construcións que inzan a paisaxe rural galega

A historia dos sons do torreiro

A historia dos sons do torreiro

Unha exposición pioneira repasa na Biblioteca de Galicia a evolución das orquestras de verbena

Unha investigación do CSIC analizará os palcos da música

Unha investigación do CSIC analizará os palcos da música

Centrarase nas estruturas construídas a partir dos anos 70 por todo o país

O grupos asaltan as verbenas

O grupos asaltan as verbenas

Dúas iniciativas buscan integrar as bandas galegas nas programación festivas deste verán

O folk volta ao campo da festa

O folk volta ao campo da festa

Diferentes grupos reivindican o son de murgas e de concertinas para o folk galego

Ollando para a orquestra

Ollando para a orquestra

A primeira análise sobre o mundo das orquestras amosa un sector dinámico e con carácter diferencial

Do mesmo ámbito

O Patrimonio esquecido

O Patrimonio esquecido

A Lista Vermella do Patrimonio denuncia en Galicia varios casos de bens en perigo

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Catoira, Tomiño, Betanzos