Os espectáculos
En concreto serán os espectáculos Esta noite hai unha fía, do Fiadeiros, Prestixio, da propia Xacarandaina e mais Na Algalia de Arriba de Cantigas e Agarimos os que farán parte desta xira. Nos tres casos trátase de propostas cunha coidada proposta escénica e un certo fío argumental que lle outorga unidade ao conxunto. “Son espectáculos novidosos, entretidos e diferentes, que levan un grande traballo de luces, pantallas e escena”, explica Peón. Arredor de cincuenta persoas poden subir ao escenario en cada unha destas propostas nas que non son estraños o emprego de narracións orais, oficios ou outros elementos da tradición. Segundo Peón, “esta tendencia non é de agora, nós levamos uns 15 anos facéndoo. Comezamos co espectáculo Costumes e saberes dun pobo e funcionou moi ben. Iso tamén serviu para que outra xente se animase, e benvidos sexan”. Malia a que en Galicia a tendencia resúltanos novidosa,iniciativas deste tipo teñen xa unha certa tradición a nivel europeo.
Prestixio
A falar sobre o seu espectáculo concreto, Prestixio, que leva xa en xira desde 2007, Peón explícanos que “xurdiu porque logo do Prestige falouse moito de que se ía apoiar a zona, e aínda que se fixeron algunhas infraestruturas, o patrimonio inmaterial da Costa da Morte e da Comarca de Bergantiños estaba deixado da man de Deus”, lembra. “O espectáculo céntrase nas tradicións desta zona concreta. O guión fala dun afiador de Ourense que vai a Bergantiños e alí bota un ano. Entón represéntase o ciclo anual completo, coas diferentes tradicións asociadas. Despois volta a Ourense e fala coa súa xente, que é o propio público das diferenzas nos costumes, creando aí unha interactividade cos espectadores”.
A versión folk
De xeito semellante, e aínda que Peón insiste moito en marcar a diferenza co traballo destes grupos de música tradicional, no eido folk xurdiron tamén varias propostas nas que a música se mestura con danza ou artes escénicas. Son de aquí coas pandeireteiras de Lelía e os gaiteiros de Treixadura, por exemplo, achegaba unha fusión de danza, contacontos e música que se complementaba con actividades de dinamización nas propias rúas do pobo. Pola súa banda, O Camiño aúna o traballo de Rosa Cedrón, Cristina Pato, Mutenrohi ou Druída Danza nunha historia que aproveita o Camiño de Santiago coma eixe para presentar diferentes números artísticos baseados no noso legado. Segundo Peón, estas “son propostas diferentes, a tradición non a podes mover. Son páxinas de historia que se presentan nun formato actual e contemporáneo, pero non a podes mover. No folk en cambio podes facer o que queiras, porque xa é creatividade”.
Ao carón das orquestras
De xeito curioso, esta mudanza de formatos está a lle permitir aos grupos tradicionais, e en boa medida tamén ás propostas máis vencelladas ao folk conectar con novos públicos. “Cómpre unha infraestrutura importante. É moita xente no escenario, mudando de traxe, e con escenarios grandes para bailar”, explica Peón. O formato leva aparellado tamén unha mudanza nos espazos e nas horas en que se fan as representacións. “Teñen que se ver de noite, sentados e con tranquilidade. Ademais ser algo bonito ten unha carga de historia e de información etnográfica. O importante é que o público se sinta identificado enseguida”. Deste xeito, a danza tradicional entra nun territorio que ata o de agora estaba dominado por concertos e orquestras. “A loita un pouco é que alén de traer a París de Noia, que está moi ben, tamén conten con propostas culturais deste tipo nos programas de festas”, aspira o responsable de baile de Xacarandaina. “A idea é facer un circuíto estable que permita que os grupos poidan moverse polo país”, conclúe. Entre os proxectos máis inmediatos está comezar a preparación dun novo espectáculo o vindeiro mes de novembro.







