Artestudio estrea a coprodución de danza contemporánea 'Cicatriz'

A peza baseada nun poemario de Antón Reixa aborda os prexuízos do idadismo

A sala Germán Coppini da Fundación SGAE en Santiago de Compostela acollerá os vindeiros 28 e 29 de marzo a estrea de 'Cicatriz', espectáculo de danza contemporánea coproducido por Artestudio e o Centro Coreográfico Galego. A peza, con dirección e coreografía da bailarina galego-cubana Kirenia M. Acosta, pon en escena o poema homónimo do polifacético artista galego Antón Reixa nunha proposta interpretada a dúo por ambos os dous. 'Cicatriz' parte do poema homónimo de Reixa, unha obra de trescentos versos que comezan coa palabra "quero", nos que o autor explora o desexo e a súa influencia na vida das persoas como panca para accionar a reflexión e o empoderamento ante os prexuízos e discriminacións por razón de idade. Tras a súa estrea os vindeiros venres 28 e sábado 29 de marzo, ás 20,30 h., Cicatriz iniciará o seu percorrido internacional con presentacións en Alemaña e Portugal. As entradas para os dous pases inaugurais en Santiago de Compostela están xa á venda pola plataforma dixital woutick.e

A peza destaca pola súa natureza híbrida, combinando danza, teatro, performance, poesía, instalación e música, coa intención de ampliar os límites tradicionais destas disciplinas para ofrecerlle ao público unha experiencia única e inmersiva. A obra aborda temas universais como o tempus fugit, o risco, a honestidade e o compromiso coa creatividade, construíndo un lugar onde o movemento non obedece aos límites, senón á curiosidade. Unha fusión de danza e poesía que parte da idea de que algunhas cicatrices lévanse na pel, outras na memoria, no desexo do que foi ou puido ser. A música está asinada por Marcos Payno e Bruno Baw e conta coas voces de Antela Cid e Alex Sande. Suso Mareque é o responsable dunha escenografía que se viste coa iluminación deseñada por Violeta Martínez. Concibida como un espectáculo multilingüe en galego, castelán e inglés, e con posibilidade de apoio en lingua de signos, 'Cicatriz' foi deseñada tanto para salas convencionais como espazos alternativos. A posta en escena bebe dun minimalismo conceptual, cunha escenografía reducida a dúas cadeiras e tres estruturas tubulares, que funcionan como metáfora do tránsito entre a inhibición e a desinhibición, entre a memoria e a presenza.