Xurxo Alonso García faise co VI Certame de Poesía Torre de Caldaloba

O galardón do Concello de Cospeito recoñeceu tamén o traballo de Paulino Peña Álvarez

A sexta xeira do Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, foi para Xurxo Alonso García. O poeta nado en Arxentina foi recoñecido pola súa obra Non deixedes na mesa nin leite nin pan.

O xurado destacou do título "que é un poemario onde a palabra xorde como unha fervenza que escorrega polo regueiro da ausencia". O segundo premio do certame foi para Paulino Peña Álvarez, pola obra Vaira e Cristal. O fallo sinala que a obra "destaca pola capacidade de entregar ao lector unha memoria aínda intacta de vivencias pasadas, grazas tamén á eficacia dunha linguaxe culta e refinada".

O gañador recibirá un premio de 1.500 euros en metálico, e os dous premiados verán a súa obra publicada. O comité de selección estivo formado por Armando Requeixo, Xosé Otero Canto e Maurizio Polsinelli, que deron a coñecer a súa resolución este 22 de novembro. A entrega de premios terá lugar o vindeiro 2 de decembro no local social de Pino.