Premio José Sellier da Academia Audiovisual para AGAPI

Recoñécense o carácter pioneiro da asociación e o seu papel vertebrador do sector

Recoñécense o carácter pioneiro da asociación e o seu papel vertebrador do sector
A entrega do premio contou coa presenta da presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga; o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; o descendente do cineasta José Sellier, Alfredo Sellier; o presidente de AGAPI, Felipe Lage e a xerente da entidade, Uxía Caride.
A Academia Galega do Audiovisual ven de entregar o XIV Premio José Sellier á Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), en recoñecemento á súa traxectoria exemplar, ao seu carácter pioneiro e á súa contribución decisiva á construción, consolidación e proxección do sector audiovisual galego ao longo de máis de tres décadas. Fundada en 1994, AGAPI é a asociación empresarial precursora do sector audiovisual galego. Agrupa produtoras de cinema, televisión, publicidade e servizos, e ten como fin primordial a defensa xeral dos intereses das produtoras independentes, así como a promoción de políticas favorables para o desenvolvemento dunha industria audiovisual galega competitiva e sostible. Ao longo da súa traxectoria, AGAPI impulsou fitos fundamentais para o audiovisual galego, como a creación dos Premios AGAPI (1996-2001), que en 2003 pasaron a denominarse Premios Mestre Mateo, e a creación do Clúster Audiovisual Galego (Clag) ese mesmo ano. Foi tamén pioneira na internacionalización do sector, organizando en 2004 a primeira presenza conxunta das produtoras galegas no MIPCOM de Cannes. Na súa xustificación, a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, destacou que AGAPI "non só acompañou a historia do audiovisual galego contemporáneo, senón que a escribiu activamente", actuando como un motor vertebrador do sector, cunha visión estratéxica e un compromiso sostido co país, coa cultura e co futuro dunha industria que hoxe é referencia industrial, creativa e identitaria.

O Premio José Sellier, promovido pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, recoñece o labor de iniciativas relevantes para o sector audiovisual galego. O galardón honra a memoria de José Sellier Loup (1850-1922), pioneiro do cinema en España, quen en 1897 filmou na Coruña as películas máis antigas datadas no noso país, como Fábrica de gas, Praza de Mina e Oleaxe no Orzán. O trofeo, deseñado polo artesán coruñés Teodoro Castro, reproduce a cámara Lumière empregada por Sellier para realizar estas películas pioneiras.A entrega do premio tivo lugar no Espacio Avenida da Coruña nun acto que contou coa presenta da presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga; o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; o descendente do cineasta José Sellier, Alfredo Sellier; o presidente de AGAPI, Felipe Lage e a xerente da entidade, Uxía Caride.