Presentan a primeira Bienal de Artes Vivas de Pontevedra

A cita estival alternarase coa recuperada Bienal de Arte e terá no Convento de Santa Clara a súa sede central

A cita estival alternarase coa recuperada Bienal de Arte e terá no Convento de Santa Clara a súa sede central
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, acompañado do comisario da Bienal Iñaki Martínez Antelo
No vindeiro ano 2026 a primeira edición da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra collerá o relevo alterno da Bienal de Arte que volveu iniciarse este ano e cuxa seguinte edición terá lugar en 2027. O Convento de Santa Clara será a sede desta proposta converténdose nun espazo activo de creación contemporánea durante o verán. Se ben no programa da recente Bienal de Arte xa estiveron presentes algunhas propostas enmarcadas nas artes vivas ou do movemento, con este proxecto preténdese fortalecer a presenza cultural continua da arte contemporánea ofrecendo as dúas citas bianuais como programación estable e de carácter estrutural.

A Deputación de Pontevedra anunciou este novo paso estratéxico na consolidación da súa política cultural e presentou ao comisario desta vindeira edición Iñaki Martínez Antelo, profesional de referencia no ámbito da arte contemporánea e que xa estivo implicado na finalizada Bienal de Arte 2025. O comisario avanzou que a programación reunirá proxectos de performance, danza, creación sonora, artes escénicas e prácticas híbridas. "Traballaremos coa idea de acontecemento vivo, da activación do territorio e da creación en diálogo coa arquitectura e a memoria do lugar. Santa Clara ofrece unhas condicións únicas para iso: historia, silencio, singularidade e unha contorna en transformación”, asegurou o comisario. O Convento de Santa Clara, pertencente ao Museo de Pontevedra, será o núcleo desta Bienal. A súa arquitectura, a súa dimensión histórica e o seu proceso de transición cara á súa futura rehabilitación como espazo cultural permiten converter o conxunto nun laboratorio de creación contemporánea. A Deputación confirmou que a programación artística foi deseñada para convivir sen interferencias cos traballos técnicos e estudos previos á rehabilitación, que continúan en paralelo.