Premio Nacional de Artesanía para o torneiro Aitor Martínez

O proxecto 'Artesanía no Prato' da Fundación Artesanía de Galicia tamén obtén un recoñecemento nos galardóns estatais

O proxecto 'Artesanía no Prato' da Fundación Artesanía de Galicia tamén obtén un recoñecemento nos galardóns estatais
Aitor Martínez no seu obradoiro en Tomiño
O artesán Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño), especializado en tornaría de madeira, especializado no uso do freixo galego resultou gañador na categoría Produto da XVIIIª edición dos Premios Nacionais de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria e Turismo. Ademais del, a Fundación Artesanía de Galicia da Xunta, obtivo o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto 'Artesanía no Prato', que desde 2013 impulsa o diálogo entre artesanía e gastronomía, conectando a obradoiros artesáns con chefs nacionais e internacionais. Na categoría de Emprendemento reultous finalista a artesá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela).

Aitor Martínez López de Arbina recolleu o seu Premio Produto 2025 pola súa colección 'Mundos', un traballo que o xurado cualificou de "grande sensibilidade técnica e potente visión conceptual". O seu traballo baséase na utilización da materia prima sustentable e coa trazabilidade documentada a través da ferramenta Fortra coa idea de poñer en valor a orixe e a materia da que se dispón no territorio. 'Mundos' nace do torneado artesanal de madeira de freixo galego e propón unha reflexión poética sobre a diversidade e a conexión humana. Pezas de gran formato, tecnicamente complexas e formalmente rotundas, que integran as imperfeccións naturais do material como valor expresivo. No ano 2024 Aitor xa resultou gañador do Premio Joven Promesa do Círculo Fortuny, foi finalista do Premio Artesanía de Galicia 2024 e tamén do Premio Produto.