O Consello da Cultura presenta un espazo en rede para a tradución literaria galega ao inglés

O proxecto Seara nace para ofrecer unha selección de textos que percorre a historia da nosa literatura

O proxecto Seara nace para ofrecer unha selección de textos que percorre a historia da nosa literatura
Rosario Álvarez e Kathleen Nora March na presentación de Seara Foto: CCG / T. Navarro
De Rosalía de Castro ata Emma Pedreira, pasando por Luis Pimentel, Claudio Rodríguez Fer ou Luisa Villalta. Todos eles están en 'Seara. Discover Galician literature through its texts/Descubre a cultura galega a través dos seus textos', un espazo web creado polo Consello da Cultura Galega que nace para ofrecer unha selección decantada que percorre a historia da literatura galega. Nesta seara, presentada na véspera do Día Internacional da Tradución que se celebra cada 30 de setembro, os textos dos creadores galegos estarán na versión orixinal, pero tamén na súa tradución ao inglés. Seara está aberto a traducións de menos de 40 páxinas; a proposta terá que ser avaliada, segundo os procesos ordinarios, e unha vez aprobada xerará os contratos correspondentes, sexa para os dereitos autorais sexa para o labor de tradución. A idea é que cada Día Internacional da Tradución se actualice con novos contidos.

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a coordinadora técnica do proxecto, a profesora e tradutora estadounidense Kathleen Nora March, presentaron en rolda de prensa este espazo que amosa textos inéditos canda outros máis coñecidos, algúns deles tamén recitados para, en palabras da presidenta, "amadores e amadoras das linguas e da literatura, desde calquera lugar e cultura". O proxecto Seara botou a andar hai máis de dous anos, coa convicción de que se non se pode internacionalizar se non hai traducións. Esa idea puxo no camiño a un grupo de especialistas recoñecidos da tradución galego-inglesa como Jonathan Dunne, Erin Moure, Keith Payne ou Jacob Rogers, coordinados pola alma máter do proxecto, Kathleen Nora March (Rochester, NY, 1949) que acariñaron a idea dun espazo web no que atopar traducións. Na paisaxe tradicional galega, a seara é unha ampla extensión de cultivo de cereal para a que se romperon terras de monte pouco produtivo, nun traballo comunitario no que participan diferentes familias con cadansúa leira. No relativo a esta particular Seara, Rosario Álvarez explicou que "é un espazo aberto, traballado a moitas mans, no que se facilita a unha comunidade internacional de lectores e lectoras o acceso a textos literarios galegos mediante a tradución ao inglés que os acompaña".