Pegada de tradución

A importancia do fluxo de obras traducidas desde e para o galego medra na nosa literatura

As versións en galego de obras doutras literaturas e, ao revés, as traducións internacionais feitas desde a nosa lingua non deixan de medrar. A tradución revélase como un fenómeno cunha importancia crecente na configuración do noso sistema literario. A coincidir coa celebración do Día Internacional da Tradución, repasamos as cifras deste fenómeno da man da Biblioteca da Tradución Galega da Universidade de Vigo. Coñece as cifras das tradución cos nosos gráficos.

Unha porcentaxe cada vez maior de obras literarias están dispoñibles en galego. Desde o comezo do período autonómico rexístrase nada menos que o 95% das traducións que existen cara á nosa a lingua e desde a mesma. O ámbito ten cada vez máis importancia na configuración do noso sistema literario, tanto á hora de definir un canon (mediante o recoñecemento exterior dunha obra) como ao permitir o contacto dos nosos autores con outras letras. Por non falar do feito de que obriga aos nosos autores a competir, na súa propia lingua, con traballos recoñecidos de xeito internacional. A analizar este fenómeno, a Biblioteca da Tradución Galega da Universidade de Vigo (BITRAGA) leva un exhaustivo reconto que permite cuantificar o volume de obras e ollar as tendencias do fenómeno. A coincidir co Día Mundial da Tradución, presentan a monografía Traducción de una cultura emergente, un traballo que repasa os grandes números das bases de datos desta investigación nunha serie de artigos de Áurea Fernández Rodríguez, Iolanda Galanes Santos, Ana Luna Alonso e Silvia Montero Küpper.

O total
Unha das tendencias que máis caracterizan a evolución do fenómeno das traducións nos últimos trinta anos é o crecente peso, desde os anos 90, das obras de tradución inversa, é dicir, as que desde o galego pasan a outras linguas. En total este fluxo supón un 33,61% de todas as obras traducidas desde e para a nosa lingua. “A importancia da tradución non é unha anécdota, trátase dunha realidade asentada, e estas cifras supoñen unha afirmación do noso sistema literario”, asevera Ana Luna, unha das responsables da BITRAGA.










Factores e comezos
Entre os múltiples fenómenos que contribúen á crecente importancia pódese citar o desenvolvemento de políticas públicas de apoio á tradución e á internacionalización da industria editorial galega. Do mesmo xeito, no seo desta mesma industria editorial afianzáronse os esforzos por normalizar estes fluxos, un pulo no que destaca a figura de Carlos Casares. “Non se pode entender o esplendor da tradución literaria na Galicia recente sen a figura de Casares, non tanto polo que el fai, senón polo que promove. Desde 1970 considera que é algo necesario para o sistema literario”, lembra Galanes. Acordos coa Administración ou coa Fundación Caixa Galicia facilitaron a translación de diferentes títulos títulos que non sempre terían cabida no sector comercial.

Mediacións e academias
Percisamente unha tendencia que verifican os estudios de BITRAGA é o peso crecente das traducións que se realizan sen linguas intermedias. Fronte a uns tempos, ao comezo dos 80, nos que a mediación do castelán continuaba a ser maioritaria á hora de importar e exportar obras, imponse aos poucos a opción de traballos que pasan directamente do galego á lingua de destino e á inversa, un proceso no que se amosa a maior proxección da nosa lingua e cultura no mundo e canda a unha preparación cada vez máis completa dos tradutores do país, Afirma Áurea Fernández. Nesa liña, pódese citar a pegada dos Centros de Estudos Galegos en traducións de carácter académico, aínda que esta tipoloxía está a diminuír a súa porcentaxe no total fronte a aqueloutras que xorden por criterios comerciais. “Entre os 80 e o ano 2000 o circuíto de tradución inversa foi fundamentalmente académico. É o caso de traducións como as de Casares ou Ferrín feitas desde o Obradoiro de Literatura Galega de Oxford, ou das primeiras versións en italiano de obras galegas. A partir do ano 2000 comeza a predominar a tradución de carácter comercial”, lembra Galanes.

A LIX
Dentro desat tendencia, destaca de xeito especial e con luz propia a pegada que acada a Literatura Infantil e Xuvenil sobre o total de obras que se importan e se exportan. “A nosa literatura é abondo madura para ser un éxito de vendas. A literatura infantil e xuvenil actúa como punta de lanza para a tradución”, explica Galanes. De feito, as obras para os máis novos, na súa inmensa maioría narrativa, encabezan tanto o volume de obras que se importan como das que se levan para fóra. Dentro deste, é de destacar o espectacular incremento das traducións desde o galego no xénero do Relato de Literatura Infantil e Xuvenil, que despega de xeito espectacular desde os anos noventa a coincidir coa chegada de editoras centradas no álbum ilustrado coma Kalandraka ou, posteriormente, OQO, que funcionan como auténticas plataformas multilingües. É da man destes proxectos que obras galegas chegaron a linguas tan afastadas como o coreano ou o xaponés, dando nunha difusión internacional inédita nas nosas letras por primeira vez coa venda de dereitos de tradución da nosa literatura.












Os nomes



Á hora de contemplarmos os autores máis traducidos desde a nosa lingua, segundo Montero, verifícase a importancia da LIX, xa que Agustín Fernández Paz, con 116 traducións, encabeza a lista, na que atopamos en postos destacados outros autores cunha estensa obra neste público, como son Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, nestes casos cun mercado máis restrinxido ao estatal. Destaca tamén a boa saúde da obra de autores contemporáneos consagrados, como Manuel Rivas, Suso de Toro ou Domingo Villar, canda a presenza de clásicos das nosas letras como Rosalía, Cunqueiro e Castelao. Obviamente non todas as traducións teñen o mesmo alcance, e debe pensarse, por exemplo, no imporesionante volume das edicións internacionais de Memorias dun neno labrego que en BITRAGA cifran en máis de 600.000 exemplares.

Ideoloxías e linguas
Malia á importancia crecente do factor comercial, a nosa literatura aproveitou, e aínda aproveita, canles de carácter máis ideolóxico para saír ao mundo, en moitas ocasións achegando obras galegas a outras culturas minorizadas ou achegando estas ás nosas librarías. En certa medida foi o caso de Memorias dun neno labrego, segundo explica Galanes, “foi libro de estudo en ou nas escolas cubanas, m ais tamén acadou éxito como libro infantil e xuvenil na emigración”. Canda a isto, “hai casos como Made in Galiza de Sechu Sende que chegou ao turco e mais ao kurdo. Alí identifícanse con ese discurso para valorar o idioma e ten moito éxito, con máis de 18.000 exemplares nestas lenguas. Acontece o mesmo coa obra de Teresa Moure ou María Reimóndez que entran no mercado italiano como literatura feminina".







Todos os datos manexados foron tirados de BITRAGA (Biblioteca da Tradución Galega)http://www.bibliotraducion.uvigo.es/