As políticas culturais galegas pasaron nas últimas catro décadas etapas marcadas por perspectivas moi diferentes. Desde momentos nos que primou o diálogo coas demandas xurdidas da resistencia ante o franquismo ata tempos marcados polo o vencello da cultura á economía e ao turismo. Repasamos, ao abeiro da xornada 40 anos de políticas culturais, a debate do Consello da Cultura, os fitos e fases deste ámbito.
O pasado martes 18 de xaneiro, a sede do Consello da Cultura Galega acollía a xornada 40 anos de políticas culturais, a debate. Este encontro, que quere ser o primeiro dunha serie de análises sobre esta conmemoración no país, reuniu representantes de diferentes ámbitos que viviron e estudaron a planificación e o desenvolvemento destas estratexias. Deste xeito, unha primeira mesa reuniu o investigador e técnico de Cultura Marcos Lorenzo, á xornalista, vicevaledora do pobo, antiga parlamentaria e vicepresidenta do Consello da Cultura Galega María Xosé Porteiro e mais a Luís Álvarez Pousa, director da revista Tempos Novos e exdirector xeral de Cultura. Un segundo foro contou con Xavier Campos, asesor da política cultural da Deputación da Coruña, co investigador en socioloxía Xesús Lage, con Mercedes Rosón, concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello da Santiago de Compostela e mais con Xavier Senín, exsubdirector xeral de Cultura e tradutor. Da man da Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do CCG, o encontro quixo "identificar as temáticas históricas máis relevantes, as fases principais e os fitos máis significativos das políticas culturais autonómicas neste extenso (e intenso) período" e comprobar se estas políticas cumpriron os seus obxectivos nestas catro décadas de Estatuto de Autonomía.
Tempo de reflexionar
Segundo explicaba Rosario Álvarez, presidenta do Consello, coa implantación da Autonomía, "púxeronse en marcha unha serie de políticas culturais que eran posiblemente as que había que facer ou as que se quixeron facer naquel momento, e que naceron tamén como resultado dun pasado, como un punto de chegada" logo de décadas de traballo de base. Na altura "hai que reflexionar, 40 anos despois, se aquilo que se deseñou para aquel momento vale para hoxe, con todos os cambios que houbo na sociedade, na cultura, na comunicaciónn ou no noso xeito de viver o mundo". No mesmo sentido, a secretaria do Consello, Dolores Vilavedra, apuntou a necesidade de "ver os resultados das políticas culturais que se deseñan coa autonomía, e ata que punto esas políticas cumpriron o seu mandato estatutario e serven nunha Galicia do século XXI".
O período instituínte
Nas dúas mesas houbo un acordo xeral de participantes en distinguir diferentes períodos nas políticas culturais do país. Con maior ou menos detalle estableceuse un período instituínte, que correspondeu cos anos 80 e primeiros 90. Esta fase viría caracterizada por unha importante produción lexislativa, un impulso destacado ás infraestruturas culturais, a creación de institucións básicas para a cultura autonómica e o desenvolvemento dunhas primeiras políticas culturais. "É este un momento seminal da reconstrución da identidade cultural, da recuperación do patrimonio, consolídanse institucións, arrinca a promoción lingúística e comeza a dotación de equipamentos", explicaba Xesús Lage sobre esta etapa. "A identidade e a cultura tiveron un papel político estructural que determinou o desenvolvemento autonómico. A clase política que viña do antigo réxime procuraba novas formas de se lexitimar, e recupéranse moitos elementos da emigración e do exilio". Así, e segundo a listaxe elaborada por Marcos Lorenzo, a esta época corresponde a fundación do Consello da Cultura (1983), do Consello Galego de Museos e do Centro Dramático Galego (1984). Tamén apunta a creación da CRTVG (1985), do Centro Superior Bibliográfico de Galicia (89),a asunción das competencias sobre Arquivo do Antigo Reino de Galicia (89), o nacemento do CGAI (91), o primeiro Xacobeo con orientación turística (1993), a apertura do CGAC (93) ou o desenvolvemento da Rede de Teatros e Auditorios (1996). Dentro desta fase, Lorenzo destacou o impulso á Cultura que supuxo a curta experiencia do goberno Tripartito.
A experiencia desde a Consellería
A intervención de Luís Álvarez Pousa amosou como era o traballo desde dentro da Dirección Xeral de Cultura neste momento, baixo o goberno de Fernández Albor. Desde unha perspectiva máis persoal lembrou como se pretendía "pensar nas dificultades dunha cultura tan desestruturada e marxinada pola parte máis poderosa da sociedade. Había o perigo de non se poder reforzar para enfrontar as grandes transformacións dos anos 80, e pretendíase aprender doutras experiencias que tiñan un estado detrás", como era o modelo de animación sociocultural en Francia na altura. "Queríamos facer crer que a cultura galega podía competir con outras se asumía unha serie de riscos e de compoñentes". A participación dos diferentes sectores da Cultura, a participación de entidades de base nas programacións e a colaboración con entidades como o Concello de Santiago ou o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, foron algunhas da liñas que reivindicou do seu mandato. Tamén incidiu no proxecto do Centro Dramático Galego a lembrar que se desenvolveu "en seis meses un debate sobre a necesidade de profesionalización do sector teatral. Non se apostou por crear unha compañía que acabase por ter un elenco fixo e que puidese rachar as dinámicas das compañías privadas, nin había recursos nin interesaba. Apostouse por unha dinámica de producións propias e coproducións con compañías que logo se imitou noutras comunidades".
O antigo director xeral lembraba tamén que "a xente do movemento cultural tentou rachar desde os anos 70 o corśe que vencellaba a cultura co ámbito literario e patrimonial", a reivindicar iniciativas como as Xornada de Cinema de Ourense ou a Mostra de Teatro de Ribadavia, entre outras. Esta mesma perspectiva estivo detrás de moitas das accións que se desenvolveron baixo o seu mandato. Como estratexia básica destacou a idea de "pasar da cultura da resistencia á cultura da normalidade, e procurar un diálogo entre tradición e modernidade", unha cuestión que se tratou durante unhas xornadas en Sargadelos que apuntou como outro dos fitos da etapa. Canda a este, apuntou a exposición Imaxes dos 80 en Galicia que quixo dar visibilidade ás grandes correntes artísticas, a posta en marcha das feiras do libro, ou o apoio dado á creación do Arquivo da Imaxe de Galicia. Tamén lembrou a tentativa de crear unha rede cos concellos centradas en políticas culturais. "Víase a necesidade de facer posible que ese caudal cultural puidese abrirse a canles para chegar a público e cidadanía", explicou, ao tempo que recoñecía que moitas destas propostas quedaron truncadas na mudanza de goberno en 1984.
O período instrumental
Unha segunda etapa comezaría a coincidir co primeiro goberno presidido por Manuel Fraga en 1990, aínda que Marcos Lorenzo atrasa o comezo ata os mandatos de Xesús Pérez Varela á fronte da Consellería de Cultura (1997-2005). Neste momento "fecha o escenario que estaba aberto e ábrese un modelo diferente. Póñense en marcha elementos que teñen que ver coa marca do país, como son o Xacobeo ou Galicia Calidade", explicaba Xabier Campos. "Determínase un modelo que substitúe a cultura dos 80 por unha cultura espectáculo, un importante eventismo cultural e a cultura ao servizo do turismo". Isto "dá unha identificación da Xunta coa identidade e a cultura galega que souberon traballar dun xeito moi eficaz, tamén porque a esquerda non soubo dar esa batalla simbólica e regalou o imaxinario da autonomía á dereita". Houbo coincidencia na mesa en sinalar que esta segunda etapa, que se prolongaría ata 2005, supuxo un certo estancamento no desenvolvemento de políticas culturais e que se deu unha "visión instrumental da cultura", vencellada á comunicación social, ao turismo e á rendibilidade económica e caracterizada pola celebración dos Xacobeos, segundo denunciaba Lage, quen apuntaba ademais a creación neste período dun tecido industrial "moi afín aos que detentan o poder", con prácticas clientelistas e en particular vencellado á promoción do ámbito audiovisual. Canda a isto, deuse unha "aposta megalómana por infraestruturas", similar á que se estaba a dar noutros territorios, segundo denunciaba Lorenzo. Desta fase, o investigador salienta fitos como a declaración do Audiovisual como sector estratéxico, coa súa correspondente lei, o comezo da Cidade da Cultura en 1999 e a creación da Escola Superior de Arte Dramática en 2005.
O bipartito
Houbo tamén coincidencia en destacar a mudanza que supuxo neste eido o goberno bipartito PSdeG-BNG entre 2005 e 2008. "Supuxo unha modernización das políticas culturais, cun reforzo na aposta pola identidade", sinalaba Lorenzo. No período "deuse un novo impulso á creación de organismos autonómicos e de circuítos". O desartellamento do Ballet Rey de Viana e a creación do Centro Coreográfico Galego, a Rede Galega de Salas e a de Música ao vivo, o nacemento do Culturgal "dunha grande importancia na vertebración do sistema cultural no ámbito profesional" segundo este autor, a Agadic como novo enfoque do IGAEM, ou a Axencia Galega do Audiovisual son algúns dos fitos que marca neste período. A estes súmanse novas lexislacións sectoriais que afondaron nunha maior profesionalización e transparencia nas políticas do sector. A Lei do Libro, a de Fundacións e a de subvencións marcaron en grande medida o desenvolvemento da cultura do país desde estas datas. "Hai desenvolvemento lexislativo pero non se poñen os recursos para o desenvolver", puntualizaba Lage, para quen outra peculiaridade desta época foi "o emprego da lingua como arma arreboladiza, unha instsrumentalización miserable cando a dereita quería botar o bipartito".
Para Lorenzo, a acción do bipartito caracterizouse pola "intención de vertebrar o tecido cultural, facer un ámbito empresarial rendible fronte a dinámicas históricas máis clientelares" no que coincide Lage, "e por procurar runha maior transparencia e profesionalidade". Nesta perspectiva enmarca o acordo da Xunta co Consello da Cultura pra desenvolver anuarios estatísticos sobre o sector ou un Plan Estratéxicos das Artes Escénicas que ficou sen se aplicar e que diferentes relatores destacaron como un fito pendente. Para Lorenzo "tamén houbo unha aposta pola internacionalización con proxectos como GalicianTunes ou a presenza na Feira do Libro da Habana, cunha visión máis ambiciosa e centrada na cultura propia". A coincidir con moitos destes fitos, Campos lembrou ademais que neste momento "houbo orzamentos relevantes e crecentes para a cultura".
Da crise á actualidade
O comezo dos gobernos presididos por Alberto Núñez Feijoo marcaron, ao ver das persoas que participaron nestas mesas unha nova etapa, marcada en grande medida pola mingua de recursos económicos. "O orzamento de Cultura fora medrando na Xunta ata 2009, cando se produce unha caída brutal. O gasto liquidado pasou duns 160 millóns a 70 e algo, e ficou aí, non se recuperou ao mesmo nivel que mellorou a economía", explicaba Lorenzo. Campos, pola súa banda, insistiu en que o "desmantelamento e a precariedade económica" son os rasgos fundamentais deste período, aínda que recoñece que "a partir de 2015 hai unha certa recuperación dos orzamentos que non chegaron aos niveis previos". Canda a isto, o analista sinala unha importante viraxe na perspectiva do goberno. "Pérdese a vontade de acordo e a necesidade de leximitación e recoñecemento dos valores que a cultura achega ao país. A axenda xa non ten en conta esta cuestión", advirte. Fronte a estas políticas autonómicas, noutros ámbitos "faise da necesidade virtude e vóltase a ollada ao sociocultural e á sustentabilidade, cuestiónase a cultura espectáculo e apóstase máis por ela como ferramenta de transformación".
Deste período, Lorenzo sinala que "durante o mandato de Roberto Varela á fronte da Consellería houbo unha certa intensidade. Aprobouse a Lei de bibliotecas e a de Medios Públicos de Comunicación Audiovisual, e abriu a Cidade da Cultura". Con posterioridade "houbo unha ralentización da iniciativa política durante o período de Xesús Vázquez, cando se aprobaron a Lei de Arquivos e a Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. Desde 2015, con Román Rodríguez á fronte da Consellería, este investigador destaca como único fito "a nova Lei do Patrimonio Cultural", a sinalar que no resto "a política cultural está hibernada ou ao ralentí. O esforzo semella xirar arredor da Cidade da Cutlura e dos Xacobeos e custa ver unha liña política prioritaria" na acción da Xunta neste campo.
A fase 0
Antes estes corenta anos de políticas culturais autonómicas, varias das intervencións nas mesas reivindicaron a importancia de contar coa experiencia previa de traballo cultural. Así, Xabier Campos insistiu en que "dos anos 60 a 81 faise política desde a cultura e cultura desde a política, en particular desde ámbitos da esquerda e do nacionalismo de esquerdas. Isto determina o tipo de cultura que se fai durante as décadas seguintes, e é algo que está por estudar". De xeito similar María Xosé Porteiro incidiu en que "a autonomía deu pé ao crecemento de inquedanzas nadas xa nos anos 70", polo que, ao seu ver, a análise debería retrotraerse "ata a aprobación do Estatuto de Autonomía de 1936", e desde esta perspectiva 1981, e o actual Estatuto, "serían o ecuador" deste período. "Desde os anos 50 houbo vontade de crear unha economía da cultura galega, co proxecto de Galaxia e a edición que se desenvolvía no exilio". Neste sentido destacou tamén experiencias en ámbitos coma o teatro, a radio ou as artes plásticas, que viron um importante impulso na Galicia exterior. De cara ao desenvolvemento das políticas culturais no noso país quixo lembrar tamén o importante papel dos medios de comunicación durante os anos 70. "El País, A Nosa Terra ou Teima axudaron a configurar as esixencias culturais en Galicia e en galego, tiveron un peso destacado para que as políticas atendesen a unha realidade cultural preexistente". O propio Pousa recoñecía que o seu nomeamento como Director Xeral de Cultura respondeu "á necesidade dun partido de dereita como era AP de dar resposta a moitísimas interrogantes e reivindicacións da sociedade civil, xa que non tiña xeito de responder satisfactoriamente e acalmar esas reivindicacións.".
Feitos e pendentes
-Falta de estudos
Como eiva destacada no campo das políticas culturais do país, Lorenzo, canda a outros membros da mesa, apuntou a escaseza de investigacións sobre o tema. As análises publicadas polo Consello da Cultura sobre as políticas culturais das sete cidades (desenvolvida por Xan Bouzada en 2007) e sobre os concellos de menos de 50.000 habitantes (coordinada por Xesús Lage en 2011), aparecen como principais fontes. Pola contra, Porteiro sinalaba que "nunca como neste período a cultura foi obxecto de investigación de análise", e puxo como exemplo o labor do Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega.
-Clientelismo
Para Porteiro a repasar os resultados destas catro décadas de traballo no campo da cultura, "as relación entre quen fornece, quen media e quen recibe produtos culturais continúa a estar nunha situación clientelar que xera desmobilización e chega a ser estrutural".
-Infraestruturas
O peso destacado das infraestruturas nas políticas culturais galegas do período autonómico fica de relevo en que, segundo destaca Marcos Lorenzo, "a porcentaxe de gastos de capital nos orzamentos de Cultura da Xunta é moi superior ao doutras comunidades" e lista que, segundo o Mapa de Equipamentos Culturais do Consello da Cultura Galega, hai máis de 5.000 elementos deste tipo no país, o que amosa que "se avanzou abondo na cuestión da priorización das infraestruturas". Neste sentido, María Xosé Porteiro considera que "falta debate sobre os grandes equipamentos culturais que se desenvolveron ao abeiro dunha certa febre megalómana". Canda a isto, a unha escala máis reducida, advirte de que "hai factores esóxenos que inciden no declive das instalacións e dos equipamentos, como é o avellentamento da poboación e a pouca conectividade" entre o ámbito rural e urbano, que dificultan desprazamentos para a participación en propostas culturais.
-Turismo e cultura
"O binomio turismo-cultura precisa dunha revisión e dunha planificación que corrixa os potenciais impactos negativos do primeiro", aseveraba Porteiro. "Fenómenos como o Xacobeo pode ter impacto no acceso da cidadanía aos servizos que paga cos seus propios impostos". Ao seu ver habería que revisar tamén a consideración de todo o patrimonio como cultura e non a actual prioridade que lle dá á protección do relixioso, en relación de novo ás celebracións xacobeas.
-Fraxilidade
A experiencia de crises como a do Prestige e a provocada pola pandemia de Covid-19 amosan, para esta xornalista "que sen intervencións dos gobernos central e europeo, o sector tería caído en picado. Isto revela que non pode subsistir por si mesmo". Lorenzo, ao tempo, conclúe que "O campo cultural galego é feble: atomización empresarial, precariedade laboral, nula capacidade exportadora, dependencia clientelar das administracións públicas, consumos culturais relativamente baixos, en particular de contidos en galego".
-Fractura rural
Precisamente arredor desta conectividade aparece unha característica que apuntaron tanto ela como Lage. "Non hai consenso entre as demandas culturais dunha Galicia urbana, de gobernos progresistas, e a autonómica", explicaba Porteiro. A maiores, ao seu ver "fica pendente tamén o debate para que a competencia entre cidades pase a ser colaboración e saber compartido".
-Mecenado
Na listaxe de pendentes anota tamén que "non se desenvolveu un sistema de mecenado acorde ás posibilidades que existen". E lembrou que a desaparición das caixas de aforros "deixou desartellado este sistema e creou unha maior dependencia do financiamento público" para todo tipo de iniciativas.
-Política exterior
Dentro dos aspectos positivos deste período, para Porteiro cómpre destacar "o impacto das políticas culturais galegas no exterior", que permitiu a conexión cos descendentes co colectivo emigrado e facer de moitos deles consumidores de cultura galega, con propostas como a Lei da Galeguidade. Nese sentido o desenvolvemento da Canle Exterior da TVG marcou un fito histórico.
-Estruturas consolidadas
Ao seu ver, isto combinouse cunha consolidación de institucións básicas como o ILG, a Real Academia Galega, a RAG ou o Consello da Cultura Galega. A consolidación do galego como lingua propia e dunha economía da cultura que achega un 3% do PIB son outros fitos a destacar das catro décadas de políticas neste ámbito.
-Campo cultural
Como grande éxito destes 40 anos de políticas culturais, Lorenzo advirte que "A autonomía política e a municipalización contribuíron decisivamente a crear un campo cultural galego, igual que a CRTVG contribuíu a crear un campo galego da comunicación".
Máis reflexións
Álvarez anunciou novas actividades ao longo do ano para reflexionar sobre as bases que se asentaron hai catro décadas para a configuración cultural do país. A seguir as liñas estratéxicas do Consello para este ano, o tema da Forxa da Autonomía protagonizará diferentes propostas da entidade. De xeito máis concreto, Vilavedra anunciou vindeiras xornadas dedicadas arredor desta cuestión para tratar ámbitos monográficos como as artes escénicas, a Filmoteca de Galicia ou as políticas municipais no campo da cultura.
A xornada 40 anos de políticas culturais, a debate, íntegra no Youtube do Consello da Cultura