A Deputación de Ourense apoiará cinco residencias literarias internacionais

O centro coruñés Residencia Literaria 1863 coordinará o desenvolvemento das bolsas

10/1/2022 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: LiteraturaPolíticas Culturais
1 lecturas | Compartido 0 veces
A Deputación de Ourense e o centro Residencia Literaria 1863 ofrecerán en 2022 cinco bolsas para escritores ourensáns que terán como finalidade fomentar a creación literaria e o perfil internacional dos autores e autoras da provincia, facilitando a residencia durante un mes en países como Islandia, Turquía, Polonia, Croacia ou mesmo noutros puntos de España. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, acordaron abrir esta vía de colaboración tras un encontro mantido no Pazo Provincial. O centro Residencia Literaria 1863, que a propia Yolanda Castaño dirixe na Coruña, será o encargado de coordinar o desenvolvemento das cinco bolsas, que serán convocadas pola Deputación de Ourense mediante o modelo de concorrencia competitiva.
En retiros individuais para a escrita ou ben en espazos que tamén propician o intercambio con outros creadores, estas residencias no exterior levaranse a cabo en lugares como a campiña polaca, a cidade turca de Bursa, a paisaxe do suroeste islandés, a capital da costa dálmata ou as aforas de Mojácar. Para acceder ás bolsas, todos os escritores interesados deberán presentar a memoria dun proxecto de escrita creativa de calquera xénero literario, incluíndo narrativa, poesía, teatro, ensaio, literatura infanto-xuvenil e ata tradución literaria. Ademais deste proxecto, a desenvolver durante a estadía, entregaranse currículos, mostras do traballo e unha carta de motivación, materiais que o comité de avaliación revisará para escoller os cinco beneficiarios. As bases da convocatoria serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na web da Deputación de Ourense.

Universo culturagalega.gal

12/09/2019

1863: Residir no internacional

O proxecto de residencia literaria de Yolanda Castaño combina a creación coa proxección exterior da nosa cultura