Quilómetros de orgullo musical

O proxecto 'Os Camiños das músicas galegas' chega polo Día Europeo da Música a Compostela tras un percorrido polos camiños xacobeos

O proxecto 'Os Camiños das músicas galegas' chega polo Día Europeo da Música a Compostela tras un percorrido polos camiños xacobeos
A Duendeneta ao seu paso por Arzúa
Resulta imposible saber a ciencia certa a quilometraxe que leva a Duendeneta de Carlos Crespo percorrido nos seus 47 anos na estrada vivindo vidas moi diferentes desde 1974, "o contador só ten catro díxitos e non sabemos cantas veces lle puido dar a volta". Esta Avia con motor Perkins Hispania, serviu primeiro para a venta ambulante de zapatos e leva xa uns anos dedicada a facer mover eses pés que antes vestía, transmutada de furgoneta en Duendeneta pola maxia da música grazas ao xornalista e Dj de Vilagarcía que a converteu nun arsenal para poñer banda sonora ao aire libre. O que si podemos saber é que os máis recentes centos de quilómetros teñen que ver con dúas cousas: o Camiño de Santiago e a historia da música en galego. Entrambas ideas xurdiu o proxecto "Os camiños das músicas galegas" co que Crespo e a súa Duendeneta levaron unha sesión de musical por 18 lugares ao longo dos camiños francés, portugués e inglés cara Santiago, onde remata hoxe o plan do seu percorrido coincidindo co Día Europeo da Música e que terá lugar ás 19:30 na Praza de Cervantes da capital galega .

A meteoroloxía do país, como xa é un clásico, fixo mudar o plan inicial e das 19 sesións previstas (onte e hoxe en Compostela), tres farán alongar a vida do proxecto. Polo pronto a que tiveron que adiara co comezo da xira o 2 de xuño, en O Pedrouzo (O Pino) terá lugar mañá mesmo, martes 22 e a adiada onte domingo na Praza de Cervantes de Compostela buscará o seu sitio na primeira fin de semana de xullo, a ser posible, asegura Crespo. Aínda falta por buscarlle oco á que quedou pendente en Pontevedra. Polo pronto, tras da anulación de onte, a Duendeneta segue aparcada en Santiago para movela o menos posible, respectando a súa idade "témola entre algodóns", di Carlos. "Os Camiños das músicas galegas" fixo saír de novo á ruta a este artefacto musical que ten pasado por varios festivais do país con Crespo aos mandos, neste caso cun programa específico que se presentou ao Fondo de Proxectos Xacobeo da Xunta onde conseguiu un apoio reforzado despois polo patrocinio da Fundación La Caixa. O proxecto consistía en facer que a creación musical en galego formase parte da experiencia da pelegrinaxe nas súas etapas dentro da comunidade autónoma e ademais en facelo dun xeito didáctico explicando a viaxe propia da nos música desde os anos 70 ate o momento presente.

A furgoneta é unha parte importante desta montaxe, Carlos teno claro: "se o fixera cunha mesa de son posta aí e uns altofalantes non sería o mesmo". A Duendeneta é unha das patas deste espectáculo, outra é sen dúbida o discurso narrativo do propio Crespo, ese repaso ameno da nosa historia musical en lingua propia non que transmite non só información senón tamén paixón que transmite o propio Carlos que leva 25 anos dedicado a escribir sobre música; a propia música e os artistas que a fixeron son esa outra pata importante o círculo que crea a experiencia complétase grazas ao propio público heteroxéneo e a súa receptividade. "A vontade e necesidade que percibes da xente a volver á gozar da música na rúa". Todo isto Crespo llo propuxo ao Xacobeo a partires da seguinte historia real baseada na súa propia experiencia no camiño: un peregrino entra polo Cebreiro, bota sete días ata chegar a Santiago, marcha o día dez de Galicia e a única canción en Galego que escoitou foi a muiñeira de Chantada na tenda de recordos o último día. "isto é así porque a nosa música non está presente nin nas radios, nin nos bares, nin nos pubs nin nas rúas. Entón a miña idea era dar a coñecer a nosa música aos peregrinos que veñen de fóra, igual que lles damos a coñecer a nosa gastronomía e a nosa paisaxe". "Que uns peregrinos te digan "estamos flipando e a etapa de mañá ímola facer escoitando a túa playlist", ese era o obxectivo".

Mentres nas sesións vermú o Dj limítase a poñer a música, nas outras vai usándoa como base dunha narración que explica, pon en valor e contextualiza as músicas, enfiándoas nun guión. O punto de partida é Andrés do Barro no ano 70, "porque é un fito que nunca máis volveu acontecer, que unha canción cantada en galego -Corpiño xeitoso- fose número 1 en España. Ademais é a orixe do noso pop, a primeira vez que fomos 'modernos'", explica Crespo da súa selección para as sesións, que se complementa cunha lista de cancións na popular plataforma Spotify que chega ata as catro horas e media de música e da que ofrecen o código QR para conectarse a ela. Para toda esta selección Crespo recoñece tres referencias bibliograficas: O libro de Fernando Fernández Rego Unha Historia Da Música En Galicia. 1952-2018 (Editorial Galaxia); a recente exposición CantáMola en galego de Pepe Cunha e Teresa Cuíña para o Concello de Pontevedra e a web Galician Tunes, promovida pola Xunta de Galicia –a través da Agadic en colaboración con AGEM (Asociación Gallega de Empresas Musicales) e a asociación Músicos ao Vivo (MAV).

Sensacións agridoces
As sensacións de Carlos, agora que enfía recta final, son moi boas pero agridoces. Pola parte boa a receptividade da xente, foráneos ou locais, que resultou óptima en todos os momentos. "A xente que chegaba e empezaba a escoitar quedaba toda, empezabamos con 30 e acabamos con 200", afirma con entusiasmo ao tempo que debuxa unha composición heteroxénea do público. "Hai unha convivencia curiosa, porque os peregrinos están entre os vinte e corenta anos e despois había moitísimo público maior local a partir de 60. Alucinas como se interesa a xente maior, non só pola música máis nostálxica senón que cando chegas á moderna aí quedan atentos e divertíndose, sentados nas súas cadeiras", resalta. Alén diso ademais comproba que pode espertar esa curiosidade pola nosa música, que era o obxectivo. "Tentas descubrirlles catro cousiñas para espertar a súa curiosidade, incitalos. Por exemplo, o que máis noto que "shazamean" (refírese a usar a aplicación Shazam para atopar información dunha canción que está a soar) é Verto. Ti pos a canción de Verto, que é de fai un mes e medio, e todo o mundo bota a man do Shazam".

"HAI UN DESCOÑECEMENTO ABSOLUTO DA REALIDADE MUSICAL DE GALICIA NESTE MOMENTO"


"Por unha parte é chulo - di Crespo- porque a xente está flipando da descuberta de grupos que lle propoñemos, da cantidade e da variedade", a parte agre ven de corroborar que o descoñecemento da música en galego, que Carlos atribuía á xente que viña de fóra era igual ou maior na xente das propias vilas que se achegaban tamén ás sesións. "Hai un descoñecemento absoluto da realidade musical de Galicia neste momento. Eu pensaba que a música galega era unha gran descoñecida, pero non pensei que o fora tanto". Para o Dj e xornalista as causas disto non son claramente atribuíbles a un só motivo: "o fácil sería dicir que non está presente nos medios. Pero os medios de cinco anos a esta parte non son os que determinan o que se escoita. Para nós si, eu escoitaba o que saía na radio, na tele, o que vía no Rock De Luxe, pero os rapaces non son eu. Os rapaces non usan esas referencias, aínda que é certo que todo axuda e é certo que o feito de que nin nas radios públicas ou comerciais se programe música en galego non é bo, pero que nos bares e na noite non se poña música en galego... Esa falta de presenza, non só nos medios, senón na vida cotiá, ese é o problema, que non convivimos coa música en galego excepto nas festas ou en determinados festivais. Agora tamén hai outras canles como as redes sociais, as playlists, pero iso xa se me escapa." Crespo cre que debería exercerse de xeito provocado unha "discriminación positiva" para a programación e presenza da música galega que xa ve claramente desde que hai anos comezou a pacer sesións exclusivas en locais. "Nas sesións nos bares a xente descubría que podía pasar toda unha noite escoitando música en galego. Que tampouco é o aconsellable. O ideal é unha convivencia con naturalidade, pero mentres non haxa igualdade haberá que facer discriminación positiva", conclúe.

Orgullo musical
O xornalista incide na potencia actual da escena da música en galego, unha circunstancia coa que non encontra parangón previo no seu percorrido por unha historia na que a palabra que máis repite no seu discurso é "orgullo". "Cando falas do bravú ou cando falas da renovación do tradicional o importante é iso que é sentírmonos orgullosos do que estamos facendo e mesmo dalgunhas propostas que están saíndo aí fóra. Que teñamos motivos para sentírmonos orgullosos". Para Carlos Crespo agora mesmo vivimos un momento de creatividade e fertilidade na música en Galicia "como nunca houbo na historia", e explica a súa posición: "Antes disto tivemos momentos de grandísima riqueza pero ligados a xéneros ou movementos moi concretos, como etapa da nova canción, do folk ou o bravú, pero unha historia tan transversal como hai agora mesmo no século XXI non a tivemos". De feito esta circunstancia faille modificar o xeito da súa narrativa na sesión cando chegar co seu discurso a estes pasado 20 anos. "Eu empezo cronolóxicamente no ano 70 pero ao chegar ao século XXI non podo seguilo dese xeito, porque non hai diferencia entre o ano 2005 e o 2015 a nivel cronolóxico, non hai unha tendencia clara, no século XXI é absolutamente transversal. Iso evidencia moitísima creatividade e moitísima variedade".


Os futuros camiños da Duendeneta
Dado que no 2022 repítese de xeito excepcional o ano Xacobeo, Carlos e a súa Duendeneta xa están mirando para alí tras rematar as datas pendentes neste periplo. "Xa nos pediron que reservásemos xuño", confirma e ata entón preparará unha nova versión coas incorporacións que poidan ir saíndo e un novo mapa de ruta para chegar a moitos lugares dos diferentes camiños a Compostela que aínda quedan por percorrer. "Gustaríame facer a Vía da Prata, toda a zona de Ourense, tamén o camiño de Fisterra. Quedan moitas zonas ás que sería interesante levar esta proposta". Ata entón o éxito desta viaxe entre o público infantil levarao a facer sesións propias para eles grazas á Fundación la Caixa que as incluirá nos seu campamentos infantís de verán. Xa hai un par de datas previstas para iso e nese sentido Carlos aposta tamén pola potencia e riqueza da música infantil que se fai en galego, "temos unhas propostas musicais para nenos superinteresantes, moi diferentes ao que se fai no resto de España", e menciona o que fai Magin Blanco, María Fumaça, Pakolas, etc.
Ademais diso o éxito didáctico deste "Os camiños das músicas galegas" acadou ecos tamén entre a comunidade educativa e Carlos xa ten ofertas desde institutos para levar a eles esta sesión explicativa dos 50 anos da música galega feita en galego, que poderían enganchar a máis estudantes, neste casod e secundaria a seguir o camiño da escoita da música ene galego, para que non perda tampouco o seu sitio no futuro.