Leis que non entenden de culturas

A xornada Dereito contra cultura? amosa a problemática adaptación da legalidade ás especificades do sector

Carlos Amoedo, Rosario Álvarez e Dolores Vilavedra na inaguración de Dereito contra cultura?. Fonte: Consello da Cultura Galega.
Carlos Amoedo, Rosario Álvarez e Dolores Vilavedra na inaguración de Dereito contra cultura?. Fonte: Consello da Cultura Galega.
A lexislación sobre contratación e subvencións públicas non é axeitada para as especificidades do sector cultural. As diferentes mesas que se desenvolveron este 9 de xuño no marco da xornada Dereito contra cultura? do Consello da Cultura Galega coincidiron na necesidade dunha reforma que atenda máis a criterios alén dos económicos e que facilite o traballo para administracións, empresas e colectivos deste sector.

Carlos Amoedo, coordinador da sesión xunto con Xabier Campos, destacou que "cómpre un maior desenvolvemento dos cadros das leis pero tendo sempre como obxectivo que o que buscamos é cumprir mellor o compromiso constitucional do acceso universal á cultura". Pola súa banda Marcos Vaquer, catedrático de Dereito Administrativo e secretario xeral da Universidad Carlos III, recoñeceu que "no dereito da cultura segue incidindo unha forte vasalaxe do dereito económico-patrimonial" e que cómpre avanzar "na súa emancipación para poder cumprir mandatos internacionais e constitucionais, que implica tamén ir gañando centralidade no ordenamento xurídico, no que queda moito tramo por andar".

Lei de Contratos
A Lei de Contratos do Sector Público, de 2017 apareceu como un dos principais problemas xurídicos aos que se enfronta o sector. O texto foi pensado para garantir a libre competencia entre empresas, evitando ao máximo as adxudicacións directas desde as Administracións e a discrecionalidade. No entanto, aplicado a ámbitos como a organización de concertos e de eventos culturais leva a situacións como ter que xustificar por que, para a programación dun festival se opta por traballar coa axencia que representa a Bruce Springsteen fronte a outras firmas cando pode ser ese o artista que se quere contratar para completar o cartel.

A outro nivel, en pequenos concellos, esta disposición legal obriga tamén a que a organización de eventos que ata hai pouco corrían por conta de asociacións, como poden ser festivais, festas parroquiais e outras iniciativas, teñan que saír tamén a concurso ou optar por fórmulas de apoio alternativas como poden ser os patrocinios. En xeral, a situación dificulta enormemente o labor cultural do terceiro sector e a súa colaboración coas institucións. Nesa liña, Xavier Marcé, exdirector do ICIC e actual concelleiro de cultura do concello de Barcelona, denunciou que "se aplica o mesmo marco normativo a asociacións que a empresas, é algo irracional que desanima ao máis pintado".

De xeito similar, a Lei provocou desde o seu comezo alteracións importantes en procesos como son as adquisicións de libros por parte das bibliotecas do país. A política de apostar por librarías próximas para contribuír a artellar un tecido lector no propio contorno da institución pública viuse cuestionado ao aparecer a suposta obrigatoriedade de facer concursos públicos aos que se poden presentar empresas distribuidoras de calquera lugar, a miúdo imbatibles a nivel económico. No encontro foi Isabel Blanco, directora da Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña a que explicou a incerteza na que se estivo a mover o sector e as dificultades para sortear as pexas legais e manter o apoio á cultura local sen caer na ilegalidade.

O peso da economía
Precisamente peso do aspecto económico na lexislación que regula as relacións da administración co sector repetiuse como unhas das principais incoherencias entre estes textos e a actividade cultural. Da outra cara da moeda, aparece a falta de recoñecemento dos valores intanxibles que a cultura achega á sociedade, que son difíciles de incluír en convocatorias que atendan estritamente aos aspectos legais.

Nunha liña parella, as convocatorias de subvencións están a se atopar nos últimos anos con importantes requirimentos de transparencia e de apertura, con bases máis detalladas e a limitación dos apoios directos ou nominativos. Así estes procesos obrigan a incluír nas bases uns criterios exhaustivos de cara a conseguir apoiar, por exemplo, compañías teatrais cunha grande traxectoria ou equipos audiovisuais con galardóns internacionais e solvencia demostrada. Isto leva mesmo a ter que incorporar nas convocatorias criterios cos que se demostre a calidade das propostas presentadas pero que, ao tempo, sexan abondo abertas como para evitar unha potencial discrecionalidade na adxudicación.

Enxeñería xurídica
Deste xeito, boa parte da xornada dedicouse a abordar os procesos de "enxeñería xurídica" que tanto responsables de cultura das administracións como persoas encargadas de intervención, xerentes das empresas ou asociacións deben desenvolver para seguir desenvolvendo as programacións culturais. Así, Isabel Novo, letrada da consellaría de Cultura recoñeceu neste sentido que "facemos enxeñería xurídica porque ningunha normativa está adaptada á realidade cultural". A figura da intervención, responsable nas administracións de verificar que convocatorias e contratos se axeitan á legalidade vixente, apareceu como unha colaboración imprescindible de cara a aprobar as bases das convocatorias que afectan ao campo cultural. A sensibilidade das persoas nestes cargos e a súa dispoñibilidade a realizar interpretacións flexibles da adecuación legal destes textos revélanse como fundamentais. Ao tempo, explica en parte as importantes diferenzas entre administracións á hora de aceptar distintas fórmulas de actuación neste sentido.

Ao tempo, salientouse a necesidade dunha maior formación de todos os axentes implicados de cara a conseguir revolver unhas problemáticas que obrigan a un importante coñecemento burocrático e legal. Carlos Amoedo insistiu en que a reforma lexislativa resulta especialmente necesaria neste momento, en particular na reformulación das ordenanzas e dos regulamentos municipais, e co obxectivo final de "protexer os sectores culturais que crean cultura propia e de proximidade".



Vídeos da xornada Dereito contra cultura?