Risco máximo de desaparición para as salas de música e os seus 6000 concertos

Clubtura e a Deputación da Coruña presentan un informe que analiza a realidade dun sector que leva máis dun ano inactivo

Clubtura e a Deputación da Coruña presentan un informe que analiza a realidade dun sector que leva máis dun ano inactivo
Presentación do informe Fonte: Clubtura
O informe Estudio sobre as salas de concertos na provincia de A Coruña , levado a cabo pola asociación de salas de concertos Clubtura co financiamento da Deputación da Coruña, presentouse esta mañá da man de Xurxo Couto, Deputado de Cultura, Alberto Grandío, Presidente de Clubtura, e Tomás Legido, Secretario da entidade, que foi o encargado de desgranar os datos recollidos nun documento que, segundo explicaba o propio Alberto Grandío, "busca facerlles ver ás diversas administracións que colaborar a creación e mantemento de salas de concertos nas súas localidades é un investimento en cultura e en cohesión social de grande impacto de cada euro público que se aporte". O documento deixa clara a relevancia das salas privadas de concertos dentro do impulso cultural: "preto de 6000 concertos celebrados en 2019 en todas as salas galegas, uns 5000 deles en salas socias de Clubtura. Esa actividade cultural está en risco", explica Tomás Legido, que recalca que "o estudo pon de manifesto os múltiples efectos beneficiosos que ten a existencia de salas de concertos no aspecto cultural, turístico, social e económico para unha localidade".

Segundo este documento, pese a levar máis dun ano pechadas todas as salas teñen a intención de regresar coa súa actividade habitual en canto sexa posible se logran chegar ata ese momento. O informe ten, entre outros obxectivos, a finalidade tamén de analizar as posibilidades reais de que nos vindeiros anos xurdan novos espazos culturais privados nos Concellos da provincia de A Coruña con máis de 10.000 habitantes, contextualizar a importancia da existencia deste tipo de espazos na súa comunidade de referencia como centros neurálxicos de creación e expresión cultural de artistas que están a comezar a súa carreira, de proxección dos xa consolidados e incorporan factores sociais relevantes lugares de cohesión social, encontro e sociabilidade para persoas con gustos similares. A Asociación Galega de Salas Privadas de Musica ao Vivo Clubtura é a única asociación representativa do sector en Galicia. Fundada en decembro de 2005, na actualidade conta con 35 salas asociadas.

A problemática das licenzas
Entre as principais problemáticas sinaladas neste estudo está a das licenzas de actividade. O sector sinte que permanece esa problemática antiga, que é a das dificultades para acadar as licenzas que se precisan para realizar concertos. Lembran que o DECRETO 124/2019, de 5 de setembro, que viña teóricamente a poner orde no sector, concedía un periodo de dous anos para que os concellos actualizasen as licenzas existentes ao novo catálogo. Non obstante, poucos meses despois da súa publicación no DOG comezou a pandemia a nivel mundial e todos os prazos administrativos quedaron paralizados "así que na actualidade é imposible determinar se dito término vai ser ampliado ou mesmo, e máis importante ainda, se este catálogo permitirá que salas de traxectoria histórica con miles de concertos celebrados nos seus espazos serán quen de obter unha licenza que debería garantir a súa continuidade coa actividade de sala de concertos". Segundo destacan, este problema resulta máis evidente agora que a Xunta de Galicia acaba de lanzar por primeira vez unha convocatoria de axudas á programación de ciclos de concertos en 2021. Para os representantes das salas resulta curioso que tradicionalmente, varias desas salas, viñan participado sen obstáculo nas súas convocatorias, en especial na Rede Galega de Música ao Vivo do AGADIC ou Xacobeo en Salas, máis vaticinan que "en 2021 semella que quedarán fora das mencionadas axudas algo que poderá confirmarse en datas posteriores á finalización do presente Estudo". Desde Clubtura aseguran que "malia aos diversos intentos realizados para evitar esta situación por parte da nosa asociación non foi posible modificar nas citadas axudas este aspecto excluínte".

Ausencia de coberturas xornalísticas
Outro problema que se sinala desde este informe é a reducción de profesionais da comunicación que se adican á cultura, unha circunstancia que achacan a que os responsables dos medios "consideran pouco rendible o espazo dedicado a contidos culturais; isto implica unha redución dos tempos e tamén dos profesionais de referencia". Desde este documento aseguran que "é impensable que un profesional do xornalismo se desprace para facer unha crónica do que acontece realmente nos eventos" e resulta complicado atopar medios especializados en música "máis alá de webs de amadores que adican o seu lecer a unha afección que é tamén paixón".
Estudo sobre salas de concertos da provincia da Coruña.