A Academia do Audiovisual outorga a Manuel Lourenzo o Premio de Honra Fernando Rey

O recoñecemento será entregado este sábado no marco dos Premios Mestre Mateo

O recoñecemento será entregado este sábado no marco dos Premios Mestre Mateo
Manuel Lourenzo caracterizado para o seu papel como Terito na serie "Fariña"
O actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e docente Manuel Lourenzo recibirá o Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual na XIXª edición dos Premios Mestre Mateo, que se entregan este sábado, 10 de abril no Teatro Colón da Coruña. A Academia outórgallo en recoñecemento á súa extensa e prolífica traxectoria e á súa irremprazable contribución á cultura galega. Na súa carreira recibiu numerosos recoñecementos, aos que, a partir do vindeiro sábado haberá que engadir o Premio de Honra Fernando Rey. Entre outros o Premio Abrente (1978), o Premio Nacional de Literatura Dramática (1997), o Pedrón de Ouro (2001), o Premio Nacional da Cultura Galega en Artes Escénicas (2008). É profesor Honoris Causa pola ESAD e Socio de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Nacido no 1943 en Ferreira do Valadouro (Lugo), Lourenzo é un prolífico autor e director teatral e un dos actores máis experimentados de Galicia. Comezou co grupo O Facho -fundado por el en 1965- e desde entón ten traballado ininterrompidamente no teatro, sendo un dos impulsores da dramaturxia galega no final da Ditadura franquista. Ten colaborado en vídeo, cine e televisión, tanto en Galicia como fóra, destacando a colaboración de 1977 Quelques fleurs de saintété, de Jean-Pierre Jeanneson e a de 1988 Del Miño al Bidasoa de José Briz. Desde mediados dos oitenta conta con papeis en obras audiovisuais diversas: curtametraxes, longametraxes e coñecidas teleseries, de feito foron dous personaxes audiovisuais os que lle deron unha inmensa popularidade entre o público: o pescador Melgacho, na serie Mareas Vivas e Vicente Otero, Terito, na serie Fariña. Na actividade teatral, ademais de ser fundador de O Facho, tamén o foi de Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Compañía Luís Seoane, Elsinor Teatro e a Compañía Casahamlet.